Archivo de la categoría: Concello

O CONCELLO DE BARREIROS PUXO EN MARCHA UN NOVO SISTEMA DE COMUNICACIÓN COS VECIÑ@S MAIORES DE 60 ANOS

O CONCELLO DE BARREIROS PUXO EN MARCHA UN NOVO SISTEMA DE COMUNICACIÓN COS VECIÑ@S MAIORES DE 60 ANOS. TRÁTASE DO ENVÍO DE INFORMACIÓNS DO SEU INTERESE A TRAVÉS DE SMS AOS SEUS MÓBILES.

Barreiros, 2 de marzo de 2018. O Concello estreou hoxe un novo sistema de comunicación cos seus veciños e veciñas maiores de 60 anos. Estas persoas reciben a través de sms no seu móbil información sobre as actividades que poidan ser do seu interese como viaxes, balnearios, etc…

O alcalde, Alfonso Fuente, anunciou que “hoxe no Concello de Barreiros puxemos en marcha un novo sistema de comunicación con todos os veciños e veciñas”.

O rexedor lembrou que “hai aproximadamente un mes enviamos unha carta a todos aqueles maiores de 60 anos para que nos fixeran chegar o número de teléfono móbil. Hoxe practicamente toda a xente anda cun teléfono móbil e fóronos facilitando eses números”.

Fuente Parga subliñou que “así hoxe enviamos a primeira mensaxe de SMS a todos os que nos facilitaron os seus números, informando da apertura do prazo para inscribirse nos balnearios”.

O alcalde barreirense adiantou que “así será sucesivamente en todos os avisos que haxa desde o Concello para telos informados, e que non teñan que estar pendentes daqueles bandos que se colocan ou daqueles carteis que se colocaban en distintos sitios e que ás veces non se enteraban ou non coincidía que o viran”.

Alfonso Fuente dixo que “non nos parecía que estaban debidamente informados, incluso ás veces se procedía a chamar á xente por teléfono e en ocasións non estaban na casa. Desta forma recíbena ao momento, en canto se abra un prazo ben para balnearios, para vacacións ou calquera información de interese do Concello, váiselles mandar directamente ao móbil para que pasen polas oficias municipais a facer o trámite que crean oportuno”.

O rexedor engadiu que “vai en beneficio de todos os veciños, así se irá implantando noutros servizos do Concello, pero iniciamos esta nova forma de comunicación co departamento de Servizos Sociais en primeiro lugar”.

Posponse ata novo aviso a excursión á neve prevista para o vindeiro domingo, 4 de xaneiro

Posponse ata novo aviso a excursión á neve prevista para o vindeiro domingo, 4 de febreiro. Desde o Concello de Barreiros subliñan que “debido as malas previsións meteorolóxicas a excursión organizada polo Concello e que estaba prevista para este domingo, día 4, queda pendente ata novo aviso. Previsiblemente farase despois do entroido, pero iremos informando tan pronto teñamos unha nova data”. A viaxe era á estación de esquí de Leitariegos. Desde o Concello piden desculpas polas molestias ocasionadas “pero por seguridade debemos actuar así”. 

O CONCELLO DE BARREIROS ORGANIZA UNHA VIAXE Á ESTACIÓN DE ESQUÍ DE LEITARIEGOS ESTE DOMINGO, 4 DE FEBREIRO. AINDA QUEDAN PRAZAS LIBRES

O CONCELLO DE BARREIROS ORGANIZA UNHA VIAXE Á ESTACIÓN DE ESQUÍ DE LEITARIEGOS ESTE DOMINGO, 4 DE FEBREIRO. AINDA QUEDAN PRAZAS LIBRES.

Barreiros, 31 de xaneiro de 2018. A Concellería de Deportes organiza unha viaxe á neve este domingo, 4 de febreiro, á estación de esquí de Leitariegos. O alcalde, Alfonso Fuente, comunica que aínda quedan prazas libres e anima a participar nesta actividade.

O rexedor barreirense lembrou que “o próximo domingo, día 4, dende a Concellería de Deportes faise unha viaxe á neve, unha visita a Leitariegos. Neste momento aínda nos queda algunha praza, polo tanto animar a toda aquela xente que queira participar nun día na neve a que se anoten”.

O alcalde puntualizou que “non é necesario ir esquiar, senón simplemente a pasar o día vendo unha estación de esquí, pasando un día en familia na neve”.

Alfonso Fuente Parga dixo que “os que queiran participar teñen que chamar ao Concello ou ao noso concelleiro ao teléfono 661 431 536”.

O PP de Barreiros négase a manter a área sanitaria da Mariña e a solicitar a mellora do sistema de pensións

Barreiros, 30 de xaneiro de 2018.- A voceira do Grupo Municipal Socialista de Barreiros, María Carmen Veiga, informou este martes que o Partido Popular deste municipio se nega a solicitar aos seus compañeiros do PP na Xunta de Galicia o mantemento da área sanitaria da Mariña, en detrimento dos 2.900 barreirenses que son atendidos na mesma; así como solicitar aos tamén compañeiros do PP no Goberno Central a reforma do sistema de pensións que impuxeron, cando esta leva provocado que os 1.000 pensionistas de Barreiros perdesen nos últimos anos máis de 4.000 euros porque o PP se opón a revalorizar as pensións en relación ao IPC. O Partido Popular fai que os pensionistas sexan máis pobres pois, non só recortan as súas pensións, senón que tamén lles impoñen o pago das súas menciñas e incrementan todos os impostos, como por exemplo os dos produtos de primeira necesidade. O Alcalde e os seus compañeiros do PP en Barreiros demostran, unha vez máis, que non lles preocupan os veciños do Concello e que non defenden os intereses dos mesmos senón os do seu partido político”.

María Carmen Veiga explicou que no Pleno o Alcalde e os seus compañeiros do PP votaron en contra da moción que o Grupo Municipal Socialista presentou, esixindo á Xunta de Galicia a derogación do anteproxecto da modificación da Lei de Saúde Galega coa que o PP, que goberna na administración autonómica, impón a supresión da área sanitaria da Mariña.

“Fuente Parga e os seus compañeiros do PP non quixeron pedir aos seus compañeiros na Xunta que se manteña a nosa área sanitaria, alegando, textualmente, que esta non é unha cuestión que atinxe ao Concello e tena que resolver a Xunta. Fuente Parga e os seus compañeiros do PP saben, perfectamente, que este é un tema que afecta de xeito directo á sanidade dos 2.900 veciños de Barreiros, aos que se lles recortan máis servizos públicos sanitarios. Polo tanto, debería ser un asunto prioritario para o Goberno do PP en Barreiros se se preocupasen polos seus veciños. Pero non, aos populares só lles interesan os seus intereses partidistas e individuais”.

Fuente Parga e os seus compañeiros do PP non quixeron, nin tan sequera, debater no Pleno a moción que o Grupo Municipal Socialista presentou, esixindo ao Goberno Central do PP a derogación do sistema de pensións que impuxeron. Este supuxo que, dende nos últimos anos, os 1.000 pensionistas de Barreiros perdesen máis de 4.000 euros porque o PP se opón a revalorizar as pensións en relación ao IPC, facendo que os maiores cobren menos ano tras ano.

“Fuente  Parga e os seus compañeiros do PP alegaron, textualmente, que este é un asunto que atinxe ao Goberno Central, demostrando, unha vez máis, que non lles preocupan os seus veciños e que antepoñen os seus intereses partidistas ante todo”, destacou María Carmen Veiga.

O PP nada saben da depuradora en San Miguel de Reinante

O Grupo Municipal do PSOE preguntou ao Alcalde no Pleno sobre a dotación dunha depuradora en San Miguel de Reinante por parte dos seus compañeiros do PP na Xunta de Galicia como administración competente. Fuente Parga dixo, textualmente, que nada sabía ao respecto, que todo estaba igual. A socialista apuntou a “absoluta desidia do Alcalde e dos seus compañeiros do Partido Popular, que nada fan polos veciños do nosos Concello, máis alá de impoñer multas de ata 20.000 euros xa polos vertidos á praia de Arealonga por non contar cunha depuradora, que debe dotar a Xunta gobernada polo PP. Este é o interese que amosas o Alcalde e o PP polos barreirenses, que nada reciben por parte deles máis alá das multas”.

O BNG EXPLICOU NA ASEMBLEA VECIÑAL QUE O ALCALDE DE BARREIROS ADMITIU QUE HABERÍA PROBLEMAS PARA PAGAR FACTURAS NO 2018

O BNG EXPLICOU NA ASEMBLEA VECIÑAL QUE O ALCALDE DE BARREIROS ADMITIU QUE HABERÍA PROBLEMAS PARA PAGAR FACTURAS NO 2018. 

Os orzamentos aprobados polo Partido Popular no pleno do luns amosan un Concello con graves problemas económicos debido á mala xestión municipal.

Barreiros, 21 de xaneiro de 2018. Na asemblea celebrada na tarde do sábado en San Cosme, o grupo municipal do BNG explicou o contido dos orzamentos de Barreiros para o 2018. Na súa explicación, deron conta tamén do debate e resultado do pleno do luns, onde “o goberno do PP aprobou uns orzamentos que amosan que se van producir problemas á hora de pagar facturas durante este ano”, aseguran.

Segundo explicou a portavoz municipal, “estes orzamentos son terribles, polo que amosan e polo que se pode deducir coa simple lóxica. Probablemente esteamos ante os peores orzamentos para Barreiros dos últimos anos, quizais porque a este goberno xa non lle interesa o que vai pasar no futuro neste Concello.”

“Para falar dos orzamentos, debemos poñelos en relación coas facturas que quedaron sen pagar do 2017, porque o que non se pagou daquela porque non había cartos, hai que pagalo agora e, polo tanto, descontar esa cantidade do ano 2018. E son, nada menos que medio millón de euros, que nun concello coma Barreiros supón moitos cartos”, explicou Ana Ermida.

“Se o ano pasado se deixaron de pagar facturas en setembro, este ano cando se vai deixar de pagar? En maio?”, pregunta o BNG.

No pleno do luns, o BNG puxo varios exemplos de partidas que no 2017 non chegaron, que se deixaron de pagar facturas no mes de setembro e que neste ano contan con menos fondos. Como exemplo, citan os costes do alumeado público onde o ano pasado, con 125.000 euros de orzamento deixaron de pagarse as facturas en setembro, acumulando máis de 18.000 euros que se teñen que pagar este ano e, polo tanto, restalos do orzamento do 2018. Para esa partida, neste ano orzaméntanse 80.000 euros que, sen os 18.000 euros que se deben, quedan en 62.000 (menos da metade do ano pasado). Con estes datos sobre a mesa, a portavoz municipal do BNG lanza unha pregunta: “se o ano pasado se deixaron de pagar as facturas en setembro, este ano con menos da metade de cartos, cando se van deixar de pagar? En maio?” Ante esta pregunta, o Alcalde no pleno só respondeu: poden aumentarse os ingresos.

Desde o BNG cualifican a resposta como “unha auténtica burla. En primeiro lugar, porque o orzamento xa está feito a medida para cadrar os números, con cantidades de ingresos que non chegarán a recibirse. Un orzamento de 4,4 millóns para Barreiros en situación normal xa se sabe que é irreal.” Pero é que, ademais, os novos ingresos que se poidan recibir van ser sempre para investimentos concretos, como poden ser plans de infraestruturas da Xunta ou da Deputación, pero non se poderían destinar ao gasto diario”, explican.

O grupo municipal do BNG advirte de que esa situación orzamentaria se repite en numerosas partidas, todas elas, ademais, de gastos ordinarios e previsibles, como a recollida de lixo, tratamento de residuos, abastecemento de auga, etc. Neste sentido, lanzan unha advertencia: “non queremos alarmar, pero non imos contribuír a vender unha imaxe económica idónea cando non é real. As persoas que teñan que realizar traballos para o Concello de Barreiros deberían ter en conta estas cuestións.”

ALFONSO FUENTE SUPERVISOU AS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DA NOVA DEPURADORA EN CELEIRO DE MARIÑAOS. O REXEDOR BARREIRENSE AGARDA “POÑELA EN SERVIZO CANTO ANTES”

ALFONSO FUENTE SUPERVISOU AS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DA NOVA DEPURADORA EN CELEIRO DE MARIÑAOS. O REXEDOR BARREIRENSE AGARDA “POÑELA EN SERVIZO CANTO ANTES”.

Barreiros, 19 de xaneiro de 2018. O alcalde, Alfonso Fuente, supervisou as obras de construción da nova depuradora en Celeiro de Mariñaos e destacou que os traballos marchan a bo ritmo.

O rexedor contou que “visitei as obras da depuradora que se está a construír en Celeiro de Mariñaos. Como xa hai uns días, falando dos presupostos para Barreiros no ano 2018, anunciábamos eses investimentos dun millón de euros, dos que a maior partida ía precisamente para esa depuradora, sobre a que nos chamaba a atención que o BNG poñía en dúbida a súa execución. Fun ver como van eses traballos, que marchan a bo ritmo e esperamos poñela en servizo canto antes”.

Fuente Parga subliñou que “é a depuradora que nos vai permitir tratar moita máis cantidade de auga e precisamente para encher máis rápido ese depósito que tamén construímos novo en San Caetano, sempre para mellorar o servizo de abastecemento de auga”.

OS TALLERES PARA A TERCEIRA IDADE, QUE ORGANIZA O CONCELLO DE BARREIROS, IMPARTIRÁNSE ESTE ANO EN SAN COSME, SAN MIGUEL E VILAMAR. EMPEZAN O VINDEIRO LUNS, DÍA 22

OS TALLERES PARA A TERCEIRA IDADE, QUE ORGANIZA O CONCELLO DE BARREIROS, IMPARTIRÁNSE ESTE ANO EN SAN COSME, SAN MIGUEL E VILAMAR. EMPEZAN O VINDEIRO LUNS, DÍA 22.

Barreiros, 17 de xaneiro de 2018. O vindeiro luns, 22 de xaneiro, darán comezo os talleres para a terceira idade que organiza o departamento de Servizos Sociais do Concello barreirense. Esta mañá foron presentados.

O alcalde, Alfonso Fuente, explicou que “son uns talleres para a terceira idade, como se viña facendo xa en anos anteriores en San Cosme de Barreiros, pero agora lévanse tamén a San Miguel de Reinante e máis a Vilamar, para dar cabida a que poida participar toda a xente maior que queira”.

O rexedor dixo que “estes talleres consisten en traballar con distinto material para previr enfermidades como ao alzheimer e outras que poden xurdir sobre todo na xente maior. E ao mesmo tempo aproveitar para estar xuntos un día á semana, charlar, verse e contar as súas cousas. Sempre tiveron boa participación e esperamos que este ano tamén sexa así”.

Os talleres están destinados a maiores de 65 anos, xubilados maiores de 60 ou persoas con discapacidade, que se consideren idóneas para participar neles. Os interesados e interesadas en anotarse ou en recibir máis información deben acudir no horario da actividade.

Os luns de 16 a 17:30 horas os talleres serán no centro social de San Cosme, tamén os luns de 18 a 19:30 horas no Ceip de San Miguel de Reinante e os xoves de 16 a 17:30 horas no local do campo da festa de Vilamar. Desde o departamento de Servizos Sociais animan “a acudir a estes talleres con actividades de aprendizaxe e festivas, coas que se pretende favorecer o proceso de envellecemento, dando a coñecer as súas causas, consecuencias e recursos dispoñibles para palialo, así como potencias as relacións entre os seus iguais e os veciños e veciñas de Barreiros”.

A DEPURADORA QUE ANUNCIA ALFONSO FUENTE NESTES ORZAMENTOS XA FORA ANUNCIADA EN 2016

A DEPURADORA QUE ANUNCIA ALFONSO FUENTE NESTES ORZAMENTOS XA FORA ANUNCIADA EN 2016

O 14 de xuño de 2016, o alcalde anunciaba o inicio dos traballos da depuradora de Celeiro de Mariñaos

Barreiros, 13 de xaneiro de 2018. O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego en Barreiros asegura que o goberno do Partido Popular  “falsea ano tras ano os orzamentos. Fanse trampas ao solitario e a consecuencia é a que estamos vendo: que do que se orzamenta ao que en realidade se fai hai un abismo.”

A portavoz municipal do BNG lémbralle a Alfonso Fuente que “xa está ben de tratar de enganar a todo o mundo. Non pode estar todos os anos orzamentando e anunciando as mesmas obras, porque á vista está que non se fan nunca.”

“Concretamente, sobre as obras da depuradora de Celeiro de Mariñaos que anuncia nestes orzamentos; o mesmo Alcalde e o mesmo equipo de goberno anunciaban en xuño de 2016 non só que se prevían, senón o inicio dos traballos. Pódese comprobar acudindo ás hemerotecas dese día. É a desgracia que ten este goberno municipal, que é moi fácil comprobar canto e sobre que menten”, asegura Ana Ermida. “Tamén nos orzamentos do 2017 estaba previsto este investimento e podemos comprobar como quixeron enganarnos a todas as veciñas e veciños. Aínda que xa non consegue enganar a ninguén, porque todo o mundo pode ver que nestes 12 anos que leva de alcalde non se fixo nin unha soa obra relevante para este concello.”

Ana Ermida explica, ademais, que “se  teñen orzamentados uns traballos e non os fan, pero os cartos gástanse igual (por iso quedan máis de 500.000 euros sen pagar que hai que pagar este ano) significa que eses cartos se están gastando noutras cousas que o goberno de Barreiros terá que explicar algún día. Xa veremos dese millón de euros dos que falan agora en canto se queda”, conclúe.

O CONCELLO DE BARREIROS CONTARÁ CUN ORZAMENTO DE 4.400.000 EUROS PARA 2018. DESA CIFRA UN MILLÓN DE EUROS VAN DESTINADOS A INVESTIMENTOS

O CONCELLO DE BARREIROS CONTARÁ CUN ORZAMENTO DE 4.400.000 EUROS PARA 2018. DESA CIFRA UN MILLÓN DE EUROS VAN DESTINADOS A INVESTIMENTOS, SEGUNDO VEN DE SUBLIÑAR O ALCALDE, ALFONSO FUENTE.

Barreiros, 12 de xaneiro de 2018.  O vindeiro luns, 22 de xaneiro, ás 19:30 horas terá lugar no Concello barreirense un pleno extraordinario no que se someterá a aprobación o orzamento municipal para 2018, que ascende a 4.400.000 euros. Desa cifra 1 millón de euros están destinados a investimentos. O alcalde, Alfonso Fuente, amósase sorprendido polas críticas realizadas nas últimas horas desde o BNG.

O rexedor manifestou: “a verdade é que despois de escoitar ás críticas do BNG aos presupostos e ao recoñecemento extraxudicial de crédito do Concello de Barreiros sorpréndeme que digan que hai que pagar as facturas. Evidentemente cando hai unha serie de gastos hai que pagar as facturas, facturas que non se puideron aprobar no ano 2017 e apróbanse agora no 2018. Trátase de facturas de luz, de recollida do lixo ou do servizo de cobro de auga. Esas facturas hai que pagalas porque eses servizos se prestaron no ano 2017 e se van a pagar no 2018. O BNG é un partido que está na oposición, non está no goberno, non sabe e por iso llo hai que explicar, que se unhas facturas non se poden aprobar no 2017 se aproban agora neste ano para pagalas. E insisto páganse porque se prestan eses servizos”.

A Fuente Parga parécelle “curioso, porque si ben as críticas do BNG se dirixen moitas veces ás administracións gobernadas polo PP dicindo que solo sabemos recortar e por outro lado se queixan de que hai que pagar as facturas. Está claro que se non se recorta hai que pagar os servizos, porque eu non vexo que cando goberna o BNG as eléctricas non lles cobren ou as empresa de recollida do lixo tampouco. Eles, como é normal, teñen que pagalas igual. Polo tanto, iso é que facemos neste Concello aprobar as facturas en pleno para pagalas porque se trata de servizos prestados. E insisto en que eses servizos hai que pagalos porque non se recortou ningún deles. En Barreiros séguese a prestar o servizo de recollida do lixo, segue habendo alumeados públicos e incluso os estamos a aumentar, e todos eses servizos cando se prestan hai que pagalos”.

O alcalde barreirense engadiu que “o que me resulta curioso é que non falen de que no presuposto de 2018 se contempla unha partida dun millón de euros en Barreiros. Iso parece que está desaparecido nos presupostos por iso quero poñelo eu enriba da mesa. Neste novo ano investiremos un millón de euros, parte deses cartos irán destinados á nova depuradora de auga e outra a vías municipais, a maiores doutras subvencións que se poidan ir recibindo ao longo do 2018 para novas inversións”.

A Alfonso Fuente sorpréndelle “esa visión catastrófica que queren ofrecer de Barreiros, porque precisamente é un Concello que segue a prestar servizos, que non recorta en nada e como é lóxico, e como todo o mundo sabe, as facturas da luz, da auga e da recollida do lixo hai que pagalas, e para pagalas hai que aprobalas. É unha actuación normal dentro da actividade de calquera Concello”.

O GOBERNO MUNICIPAL DE BARREIROS PAGARÁ ESTE ANO MÁIS DE 500.000€ DE FACTURAS DO ANO PASADO

O GOBERNO MUNICIPAL DE BARREIROS PAGARÁ ESTE ANO MÁIS DE 500.000€ DE FACTURAS DO ANO PASADO

A débeda recoñecida na aprobación dos orzamentos deste ano, supón desequilibralos e seguir endebedando o Concello

Barreiros, 12 de xaneiro de 2018. O vindeiro luns celebrarase en Barreiros un pleno para aprobar os orzamentos do 2018 e “como vén sendo habitual, nese mesmo pleno o goberno municipal xa presenta o primeiro listado de facturas que deixaron sen pagar no ano anterior”, explica a portavoz municipal do BNG.

Mediante a figura do recoñecemento extraxudicial de crédito, que obriga ao goberno a que a aprobación desas facturas sexa en pleno, presentan 467.955,14€ correspondentes a facturas do 2017 que quedaron sen pagar por falta de fondos nese ano. “Esas facturas hai que pagalas dos orzamentos do 2018 e iso supón que do orzamento que se aproba para este ano, xa se sacan eses cartos sen que supoñan ningún gasto novo”, explica Ana Ermida.

“Pero, ademais, o propio orzamento para o 2018 recolle partidas que na memoria da Alcaldía se di expresamente que son para gastos que se fixeron no ano 2017 e que non se pagaron”, aseguran desde o BNG. “Polo tanto, non son só as facturas do recoñecemento extraxudicial, hai que sumarlles eses máis de 40.000€ que xa recoñecen directamente nos orzamentos do 2018 como gastos do 2017.”

Para o BNG “esta situación ao único que contribúe é a seguir afondando o burato económico que ten Barreiros, a consecuencia da mala xestión e o despilfarro do seu goberno municipal.”

Facturas do mes de xullo sen pagar.

Desde o grupo municipal do BNG aseguran que na relación de facturas do 2017 que se presentan para aprobar no pleno “hai facturas desde o mes de xullo. As facturas de luz, auga ou lixo levan sen pagar desde setembro”, afirman.

“Non sabemos que desculpa vai poñer este ano o goberno do PP, cando o ano pasado presumían (ao recoñecer máis de 200.000€ de facturas do ano anterior) que mellorara moito a situación ao rebaixalas con respecto ao ano anterior en 100.000€”, explica Ana Ermida. “Non ten xustificación que nun só ano, esta cantidade se duplicara. A única explicación é a que xa advertimos desde o BNG que se estaba producindo: especialmente nos meses de verán, para saír ao paso das críticas e queixas que se producían a diario, o PP en Barreiros optou por contratar servizos a empresas externas, sen ningún tipo de control, e incrementando o custo dos traballos que se poderían facer con persoal propio se houbera organización e control por parte do goberno municipal.”

“O único que está claro é que o PP conseguiu quebrar economicamente o Concello de Barreiros coa súa inoperancia e a súa xestión a espaldas das necesidades públicas. O goberno do PP en Barreiros, con Alfonso Fuente á cabeza, pasará ás páxinas máis negras da historia de Barreiros por afundir un Concello con tanta potencialidade e capacidade coma este”, conclúe Ana Ermida.