Toponimia do Concello de BARREIROS

Toponimia do Concello de BARREIROS

sábado, 8 de marzo de 2014

Apuntes sobre a toponimia de BARREIROS

Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello.
Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome. 
Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente.

É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo. 
_______________________________________________________

A ABELLEIRA (Benquerencia)
O termo “abelleira” significa o mesmo que “colmea” ou “enxame”. Moitas veces, estes lugares de colmeas tiñan un cercado, para protexelas dos osos e outros animais.

Alternativamente, pode ter unha orixe totalmente distinta, relativa á raíz hidronímica indoeuropea *ab–.

Aínda que o apelativo “abelleira” teña tamén a acepción de “herba abelleira” (Melissa oficinalis), é improbable que sexa esta a orixe: sería extraño un topónimo referido ao nome singular dunha planta sen uso especialmente relevante.

A AGOLADA (Benquerencia)
O termo “agolada” provén do latín “aqua lata” ‘auga levada’, unha canle de auga para levala aos muíños, ás presas ou ás fontes.
Comparte a mesma orixe con outras “Agolada” en Galiza, e coa “Igualada” en Cataluña.

A ALCACEREIRA (Barreiros)
Lugar onde abunda o “alcacer” ou que produce boas colleitas del. O “alcacer” é o centeo, por veces cebada ou avea, que é segado en verde para forraxe.

A ALMUÍÑA (Celeiro de Mariñaos)
Derivada do árabe hispano almúnya ‘quinta’. Defínea o dicionario como “horta de árbores frutais, cerrada”. Cf. aquí.

A ALVARIZA (Benquerencia)
O termo “albariza” designa un sitio onde abundan as colmeas. Cf. aquí.
Xeralmente, a alvariza implicaba un cercado, para protexer as colmeas dos osos e outros animais. De ser esta a interpretación correcta, a grafía correcta é “Alvariza” e non “Albariza”, pois derivaría do latín alveus ‘cavidade’, do cal xa en latín tamén deu alvearium ‘colmea’.

A ANEA (Barreiros)
Cremos que “Anea” ten a orixe no tema pre-latino *ann-, que Bascuas liga co radical céltico *an- ‘poza, pántano, lama’, como o galo anam “poza” ou como o topónimo “Guadiana”. De feito, tamén son frecuentes os topónimos “anilleira”, “anido” e “aneiro”, que cremos compartirían a mesma orixe.

A ARBOSA (San Miguel de Reinante)
Posiblemente de “Herbosa”, lugar onde abunda a herba. Podería vir tamén do latín aruum ‘agro, campo’.
Alternativamente, podería ter unha orixe prerromana, e derivar da forma paleoeuropea *arv-, derivada da raíz indoeuropea *er- ‘moverse’. Esta hipótese foi proposta por E. Bascuas, aínda que, dadas as alternativas probables indicadas, non a deu como segura senón como apenas unha alternativa.

A ÁSPERA (Barreiros, San Miguel de Reinante)
Alén do posible significado relativo a “terreo áspero”, tamén se refere a terreo de bouza, ou terreo escarpado.
Viría de “(terra) áspera”, ou incluso “aspera loca” (cf. pp. 306 de A. Moralejo. “Toponimia gallega y leonesa”. 1977).
Falta comprobar se tamén nestes casos parece corresponder á acepción rexistrada noutras zonas do norte: un cerro de superficie rochosa (cfr. aquí).

A BALEA (Benquerencia)
Posiblemente relacionado co avistamento ou pesca da balea.
A pesca da balea era común no Cantábrico desde antigo. Xa en 1286 hai documentada actividade baleeira no porto de Prioiro (Ferrol). Bares e San Cibrao aparecen citados en 1291, e continúan coa actividade baleeira ata o século XVIII. De Burela hai documentos ao respecto de 1527, de Nois e Rinlo no comezo do século XVII, e pouco despois Portocelo e Morás (1635), etc.
Nos primeiros tempos, do século XIII ao XV, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos. A finais do século XVI, os galegos tiñan desprazado totalmente aos baleeiros vascos.
Cf. aquí.

A BARCELA (Barreiros)
Unha “barcela”, diminutivo de “barcia”, tén dúas acepcións, a de “pequeno terreo comunal” (similar ao caso de “seara”) e unha segunda acepción de “terreo de cultivo ao pé dun río, que por veces o inunda”. Cf. aquí. Descoñecemos cal das dúas acepcións sería a orixe deste caso.

Canto á orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o “absoluto predominio” da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con “b” foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva “Barcia” e “Barxa” dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- ‘auga’; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta. Cf. pp. 154-155 de E. Bascuas “Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega”, 2014.

A BIRICEIRA (Barreiros)
Posiblemente se trate dun termo de orixe prerromana, que se tería conservado no romance, e daí a presenza do sufixo romance -eira, que xeralmente dá un significado de “conxunto, abundancia”.

Bascuas analizou topónimos similares como Birizo (Cedeira), e dalle dúas posibeis interpretacións alternativas (cf. páx. 141-142 de E. Bascuas “Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega”, 2014):
1) Formación hidronímica prerromana, con sufixos -to- + -io. Canto á orixe, poderia ser a forma *wer-, *wir-, a partir da raíz indoeuropea *awer- ‘auga, chuvia, río’.
2) formación romance a partir do latín vena ‘vea, veta’, co sufixo latino -iceo propio de adxectivos.

No caso que nos ocupa, para Biriceira, aplicarían as mesmas interpretacións dadas por Bascuas, xa que non presenta maior variación que a do sufixo romance -eira, que xeralmente dá un significado de “conxunto, abundancia”.

Alternativamente, aínda que improbábel, tampouco podemos descartar a interpretación alternativa de “Briceira”, no sentido de “lugar onde abunda o brizo” (planta que medra en lugares enlamados ou cauces de auga).

Hai tamén un “As Biriceiras” na veciña parroquia de Santiago de Reinante.

A CADEIRA (San Xusto de Cabarcos)
Unha cadeira (do latín cathedra) designa un“banco triangular de tres pés, así como a parte do corpo.
Interpretaríase, en toponimia, como unha metáfora oronímica, referida á forma do lugar. 
É relativamente frecuente, así na contorna atopamos “As Cadeiras” e Xove e “A Cadeira” en Mañón.

A CALEIRA (San Xusto de Cabarcos)
Probablemente “lugar onde se extrai o cal, ou forno onde se queima o cal”. Cf. aquí.Aínda que o apelativo “caleira tamén corresponde co nome dunha planta, é improbable que sexa esta a interpretación correcta, sería extraño tal frecuencia de topónimos referidos ao nome dunha planta sen uso especialmente relevante. Aínda máis sendo o nome en singular, referindo por tanto á presencia dunha única planta.

A CAMPOSA (Cabarcos)
O termo “camposa” indica un campo grande e chan (cf. DdD).

A CARBA (San Xusto de Cabarcos)
O dicionario define “carba” como “especie de roble, de folla miúda e mala calidade de madeira”, tamén coa acepción de “carballo cerqueiro”.

A CARBALLA (Benquerencia)
Unha “carballa” é un carballo grande, centenario.

A CHAVE (Benquerencia)
Probabelmente relativo á forma do terreo en “L”, de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués “chave” denominaba un “recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados” (cf. Elucidário). 

A CONGOSTRA CEGA (Benquerencia)
Na toponimia galega abundan as “congostras”, camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de “corgo”. A palabra vén do latín congusta, “estreita”. Cf. aquí.
Canto a “Cega”, podería indicar que está pechada na parte fondal, cremos máis ben que se trata dun hidrónimo de orixe prerromana, tal como se explica de seguido.
Podería pensarse no adxectivo “cega”, do latín caecam, no sentido de fonte “atascada, atrancada, tapada”. 
No entanto, é un caso infrecuente demais para todas as fontes e ríos “cegos” que atopamos. ademais de en Mañón, atopamos “Fonte Cega” en Fazouro, Cangas, Nois, San Martiño de Mondoñedo, así como outra “Congostra Cega” no Valadouro (nunha zona de prados), ou o “Rego Cego” en Cordido, así como outros na Capela, San Sadurniño, A Capela, Moeche.
Tendo en conta esta frecuencia en hidrónimos, e soamente en hidrónimos, semella probábel unha orixe distinta.

O filólogo E. Bascuas estudou este caso, aportando unha razón máis: no caso do “río Cego” (Valladolid) non ditongou en **Ciego, proba de ter unha orixe distinta. Concretamene, Bascuas interpretou estes hidrónimos como de orixe na forma prerromana *kei-ka, provinte da raíz indoeuropea *kei- ‘cor’ (xeralmente escura), ou *kei- ‘mover, moverse’. Cf. páx. 272 de E. Bascuas “Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega”, 2014.

A CORTIÑA (Cabarcos, San Xusto de Cabarcos, Vilamartín Pequeno)
Do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ e cohorticulum, ‘cortello’. 
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A COSTA DA ACEA (San Xusto de Cabarcos)
Unha “acea” é un muíño fariñeiro que move a auga por medio dunha gran roda colocada verticalmente.

A ENXERTADA (Celeiro de Mariñaos)
Indicativo de que orixinariamente sería un lugar con árbores enxertadas, probablemente castiñeiros.

A FOLGUEIRA CHÁ (Vilamartín Pequeno)
Unha “felgueira” ou “folgueira” é un “lugar onde abundan os felgos”.

A FOLGUEIROSA (Barreiros, Benquerencia)
Lugar onde abundan os felgos.

A FRAGA DA FALCOEIRA (Barreiros)
Topónimo transparente: fraga na que aniñan ou frecuentan os falcóns.

A FRAGA DO TEIXIDAL (San Xusto de Cabarcos)
Un “teixidal” ou “teixido” é un lugar onde abundan as árbores chamadas “teixo”.

A GRANDA (varios)
O termo “granda” ou “gándara”, de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a “terreo improdutivo, polo xeral chan”.

A GRANDELA (San Xusto de Cabarcos)
Forma en antigo diminutivo de “granda”. Ver “A Granda”.

A GULPILLEIRA (Cabarcos)
Unha “golpilleira” é un covil de “golpes” (‘raposos’).

GUXEIRA (Celeiro de Mariñaos)
Significado e orixe incerta.
Talvez forma evoluída de “buxeira”, lugar onde abundan os buxos. A evolución sería similar á de volpe>golpe, ou suevos>suegos.
Esta interpretación é reforzada pola existencia do topónimo “O Guxido”, tamén nunha zona de ribeira e na mesma parroquia.

A INSUA (Cabarcos)
Do latín insula ‘illa’. Tanto no portugués como no galego, “insua” xeralmente refere a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos. 

A LAGOA (Benquerencia)
Do latin lacuna ‘concavidade’. É interesante notar que, nese sentido de “concavidade” que se alaga, o topónimo “lagoa” está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no “cono de violación” de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.

As primeiras mencións destas construcións rexístrase na Idade Media: “per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas” (Tumbo de Celanova).

A LIÑEIRA (Celeiro de Mariñaos)
O termo “liñeira” é sinónimos de “liñar, terreo onde se cultiva o liño”. Cf. aquí.
A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

A MALATA (Cabarcos, Reinante)
Posiblemente relativo a “malatía” (“lepra”).
Para máis detalles, ver entrada no blogue >>> nesta ligazón.

A MARABOA (Benquerencia), A MARADONA (San Xusto de Cabarcos)
O topónimo Maraboa derivaría do nome de muller “Matre Bona“, e o de Maradona de “Matre Domna“. A evolución Matre>Madre>Mare non sería extraño, así por exemplo deuse a evolución Pedro > Pero, xa na Idade Media.
Os nomes de muller “Matre Domna“, “Matre Bona” e “Madrecella” son referidos por Piel e atestados en Portugal no Sécuo XI (cf.  par. 236 de J. Piel, “Nomes de ‘possessores’ latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa” in Biblos 23).

A PALEIRA (San Xusto de Cabarcos, Celeiro de Mariñaos)
Unha “paleira” (tamén “pala”), nome de orixe prelatina, defínea o dicionario como “cavidade que serve de refuxio ou vivenda a certos animais”. Cf. aquí.
Antigamente, o significado incluiría o de “cavidade refuxio de pastores e de gado”. Cf. aquí.

A PAMPILLEIRA (Benquerencia)
Lugar onde abunda o “pampillo”, unha planta anual da familia das compostas (Coleostephus myconis), de flores amarelas parecidas ás da margarida. Cf. aquí.

A PASADA (Cabarcos, San Miguel de Reinante, Vilamartín Pequeno)
O apelativo “pasada” indica un “lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como “pasos” formando unha liña”. Esta acepción consérvase na toponimia de toda a zona: en Foz, en Mañón, en Viveiro, en Muras (“A Pasada do Río”, “A Pasada do Portancho”, “A Pasada do Cal do Medio”, ..).

A PATEIRA (Cabarcos)
O apelativo “pateira” ten varias acepcións, entre elas a de “pequena lagoa ou poza onde paran os patos selvaxes”. Tamén a de “pequeno lugar (covacha, gaiola, galiñeiro) onde se crían patos, capóns, etc”. Cf. aquí. Tamén se chama “pateira” á pedra do forno, debido a que as “pateiras” dos patos e capóns estaban colocadas preto do lar.

Igualmente, A. Fernandes  interpreta os topónimos portugueses “Pateiro” e “Pateira” como “lameiros”, derivados metaforicaente de “pato” por ser este amigo deses sitios. (cf. A. Fernandes, 2001. “Toponímia de Ponte de Lima“).

Joseph Piel ten interpretado o topónimo “Pateira” como zootopónimo, en canto a abundancial de “patos” (cf. J. Piel, “Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I “. 1966).

No caso que nos ocupa, trataríase posiblemente dun zootopónimo, indicando lugar onde paran os patos, en sentido real ou metafórico pola abundancia de auga ou lama que habería. 

A PROÍDA (Cabarcos, Reinante)
O dicionario de Constantino González define “pruída” como “cume semiplana, parte máis alta dun monte”. Cf. aquí.
Para J. Piel, pruída é descendente da forma feminina pronitam, derivada do latín prunus ‘inclinado’. Por outro lado, Corominas deriva pruída probablemente de prodita, de prodire ‘aparecer á vista’, idicando o lugar por onde aparecen os que chegan. 

A REBOLADA (Benquerencia)
Aínda que o dicionarios de galego rexistran “rebolada” como “golpe de rebolo”, “acción de rebolar”, no caso destes topónimos o significado sería o de “bosque de carballos”, “arboreda”. O portugués actual conserva para “rebolada” este significado de “grupo de árbores” (cf. aquí).
A orixe destes topónimos está directamente relacionada co latín vulgar roboria ‘carballo’.

A REGA (Cabarcos, San Xusto de Cabarcos)
Unha “rega” é definida como “angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. aquí). Sería, por tanto, un “pequeno vale polo que discorre un rego.”

É xeralmente admitida unha orixe prerromana, dun tema paleoeuropeo *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de “rego”, cf. E. Bascuas aquí.

A REGATA (Cabarcos)
Os dicionarios definen “regata” como “valgada”, tanto na acepción de “espacio entre dous montes” como na de “regueiro pequeno”. Cf. aquí.
A etimoloxía é común coa de “rego”, para o que se lle asigna unha orixe na forma prerromana *rek- (cf. E. Bascuas, “VERBA“, 2000). Viría, por tanto, dunha forma *rekatta, co sufixo prerromano -atta.

A REGATEIRA (Cabarcos)
Aínda que non rexistrado nos dicionarios con esta acepción, o topónimo “regateira” refere a “regata” ou conxunto de “regatas”, sinónimo de “valgada”.
Neste caso, confírmase claramente ao ser referido a unha ribeira (cf. aquí).

Ver “A Regata” para máis detalles.

A RILLEIRA (Cabarcos)
O dicionario define “rilleira” como “pisada que deixa a roda do carro”, e tamén”respaldo do escano”. Cf. aquí.
Posiblemente deba interpretarse como a segunda acepción, pola orografía inclinada do lugar, ou tamén na primeira acepción como lugar de paso con certa humidade de modo que se chantaba o carro. 
No entanto, dada a frecuencia da presencia deste topónimo preto de regatos, tampouco se pode descartar unha orixe noutro termo de orixe prerromana, relacionado coa raíz indoeuropea *er- presente na hidronimia europea e estudado por Bascuas (cf. E. Bascuas “Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega”).

A RÚA (Celeiro de Mariñaos)
Este topónimo probablemente corresponde co apelativo “rúa” (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘arruga’ (cf. J. Corominas, “Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico”), probablemente a través do francés rue (cf. e.g. E. Rivas, 1982. “Toponimia de Marín”. Anexo 18 de Verba).

A SEARA (Santiago de Reinante), A SENRA (San Xusto de Cabarcos)
Unha “seara” ou “senra” é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É de orixe prerromana, derivada dunha forma sénara. Corominas asígnalle unha posible orixe celta, talvez de sena ara ‘cultivo separado’ ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna).

Tanto “Seara” como “Senra” son topónimos frecuentes en Galiza.

A SILVA (Barreiros)
O termo “silva” neste caso, ao ser singular, probablemente non corresponda co significado actual deste apelativo, senón que foi aplicado antigamente co significado orixinario do latín silva ‘bosque, fraga’.

A TELLEIRA (San Miguel de Reinante)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

A VEIGA DE CRIMENTE (Benquerencia, San Miguel de Reinante)
Derivado de Clementem, acusativo de Clemens, nome de orixe latina.

A VEIGA DE PREGUNTOIRO (San Miguel de Reinante)
O termo “Preguntoiro” é de probable orixe prerromana, cun significado posiblemente similar ao de orixe latina “Promontoiro”. Ver >> entrada de blogue específica.
Esta veiga tamén é chamada “A Veiga dos Burguidos”.

A XABARIGA (Celeiro de Mariñaos)
Indicando “a (terra) de Xabarigo”, do nome medieval Sabaricus, antropónimo de orixe xermánica.

A ZANCA (Cabarcos)
Aínda que é un topónimo infrecuente nesta zona de Galiza, na zona central é moi abundante, referindo a unha “finca grande cerrada”. Cf. aquí C. García González, “Glosario de voces galegas de hoxe”.

ABELAEDO (Santiago de Reinante)
Terreo onde abundan as abeleiras.

AMIDO (Barreiros), AMIEIRAL (Celeiro de Mariñaos)
Un “amido” ou “amieiral” é un lugar onde abundan os “amieiros”, sinónimo de “ameneiros”.

ANGUIEIRA (Barreiros), ANGUIEIRO (Celeiro de Mariñaos)
Lugar próximo a unha zona de río onde abundan as anguías.

AREA LONGA (Reinante, San Miguel de Reinante), AREAS (Santiago de Reinante)
Este topónimo tén o significado case transparente de “praia longa”.
È interesante subliñar que, antigamente, neste contexto “area” significaría “areal”, “praia”, se ben que esta acepción xa se perdeu. A introdución do termo “praia” acabou con tal significado. 

ARMÉN (San Miguel de Reinante)
Podería vir de *(uilla) Armenii, dun antigo posesor chamado Armenius, nome de orixe latina.
Alternativamente, dun hidrónimo *armeni, indicando algo similar a “río, corrente de río”. Neste sentido, E. Bascuas interpreta topónimos similares como “Vilarmea” (antigamente Villa Armena) como formado a partir do elemento paleoeuropeo *arm-, derivado da raíz indoeuropea *er- ‘fluír, moverse’ (cf. p. 46 de E. Bascuas “Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega“). 

ARQUEIRA (San Miguel de Reinante)
Podería ser derivado do latín arca, ‘mámoa, dólmen, sepultura prehistórica’.
Os topónimos “Arca” son frecuentes en Galiza, moitas veces con este significado.

AS ARNESAS (Barreiros)
Correspondendo este topónimo a unha zona de marisma, cremos que posiblemente estea relacionada coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- (como nos casos de “Arnoia”, “Arnela”, etc), derivada da raíz indoeuropea *er- ‘fluír, moverse’, amplamente estudada por E. Bascuas. Cf. E. Bascuas “Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega”

AS ARQUEIRAS (Cabarcos)
Ver “Arqueira”.

AS BIRICEIRAS (Santiago de Reinante)
Ver “A Biriceira”.

AS BOGUEIRAS (San Miguel de Reinante)
O nome deste con tén un significado transparente: lugar onde abundan as bogas, peixe mariño da familia dos espáridos (Boops boops).

É frecuente a referencia a peixes na toponimia costeira, así temos a punta “Besugueira” en Burela, a foz do “Pozo dos Monxes” en Cervo, a “Punta dos Monxes” no Vicedo, a “Punta dos Mógaros” en Nois, “Punta de Anguieira” en San Cosme, etc.

AS CAMBAS (San Miguel de Reinante)
Posiblemente referido á orografía “arqueada” da zona. A palabra “camba” ten varios significados, relacionados con “cousa curva”, en concreto “peza curva da roda do carro” e tamén a de “Val” (cf. dicionario de Cuveiro Piñol, 1876), que encaixaría para o topónimo.

Existe tamén o verbo “cambar”, “arquear, curvar”. Cf. aquí.

AS CARREIRAS VELLAS (Celeiro de Mariñaos)
O apelativo “carreira”, presente no galego desde antigo, indica a presencia de “antigos carrís creados polo paso continuado de carros”. Deriva do latín vulgar carraria.

AS CATAÍVAS (Benquerencia)
Significado e orixe incertas.
Como mera hipótese, poderíamos interpretar este topónimo como de orixe pre-latina, nun elemento *kat(t)- e, talvez, seguiría un Ibias. Para máis detalles sobre a “Ibias”, ver entrada nesta páxina. Para detalles sobre a raíz kat(t), ver entrada específica do blog “A Pena da Cataverna” aquí

AS CAVADAS (Barreiros)
Alén do significado máis común referido a “terreo que foi cavado, xeralmente para dedicalo a cultivo”, o apelativo “cavada” tén a acepción antiga de “foxo” (cf. aquí), do latín caua ‘gabia, cova’.

O alemán G. Schulz, a mediados do século XIX, describía un método de cultivo que consistía nas “rozas” ou “cavadas”, usado en montes e zonas pendentes do oeste de Asturias e parte de Galicia “cuya cubierta vegetal se cava, seca y quema una vez cada cierto número de años, sembrando y recogiendo una cosecha de trigo, a la que sirve de abono la ceniza de la vegetación quemada”
Sería, por tanto, un sinónimo de “rozas”.

AS CORNAS (Benquerencia)
Ver “A Corneira”.

AS CORTIÑAS (Benquerencia)
Ver “A Cortiña”.

AS ENGROBIAS (Benquerencia)
Unha “engrobia” ou “engroba” é un desfiladeiro, paso estreito entre montes ou outeiros. Cf. aquí.

AS FACHAS (San Xusto de Cabarcos)
O dicionario define “facha” como “antorcha de palla para alumarse de noite nos caminos”. Cf. X. L. Franco aquí.
Sarmiento sinalaba que “facho” era aplicado en Galicia “a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; …. Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman “faros”, y si sólo para hogueras “fachos”. A veces se toma uno por otro”. 
Canto á etimoloxía de “facha”, é incerta. Corominas derívaa dunha voz *fascula, usando o socorrido “cruce” , entre facula ‘fachuzo’ e de fascis ‘feixe’.

AS GRANDAS (San Xusto de Cabarcos)
Ver “A Granda”.

AS LAGOELAS (Barreiros)
Do latín lacunella, dimintivo de “lagoa”. Ver “A Lagoa”.

AS LÓNGARAS (Barreiros)
O termo “lóngara” significa “terreo de forma alongada”.

AS PALLAREGAS (Cabarcos, Reinante)
O termo “pallarega” tén tres acepcións, que poderían encaixar co topónimo: Casa pequena cuberta con palla. Palleiro. Restrebas.

AS PRADIAS (Vilamartín Pequeno)
Lugar onde hai (houbo) pradairos.
O termo “pradia” tén o mesmo significado que “pradairo”, a árbore de nome científico Acer pseudoplatanus (cf. DDD).
En efecto, Gonzalo Navaza inclúe este topónimo, tamén existente no Valadouro, Alfoz, Ortigueira, na súa obra de fitotoponimia, e indica, con reparos, que identificaría a árbore chamada tamén “pradio”, probablemente a mesma que “pradieiro” (cf. G. Navaza, “Fitotoponimia galega“. 2006).

AS RODRIGAS (San Xusto de Cabarcos)
Os dicionarios definen “rodriga” como acción de rodrigar, que consiste en poñer estacas ás vides, “atar con vimes os rodrigóns ás cepas e sarmientos” (cf. aquí).
Indicaría, posiblemente, viñas con rodrigóns (estacadas).
Descoñecemos o lugar, co que tampouco podemos descartar que derive de “as (terras) rodrigas”, pertencentes á familia dun posesor chamado Rodrigo.

AS SAÍÑAS (Cabarcos, Celeiro de Mariñaos)
Unha “saíña”é un lugar onde abunda o sal ou se produce o sal. Cf. aquí

ATALAIA (Benquerencia)
Lugar de vixilancia, talvez das baleas e similares que entraban na ría. Atalaia deriva do árabe aṭ-ṭalā’iʕ “os sentinelas”; temos a voz “atalaieiro” co sentido de “vixilante, outeador de baleas”. A este respecto, ver topónimo “A Balea”.

BARREIROS (Barreiros)
Este sustantivo, derivado de “barro” mediante o sufixo -eiro (< latín -ārĭŭ), indica “lugar no que se extrae o barro ou a arxila, onde abunda o barro”. Ademais, os dicionarios tamén recollen a acepción de ‘persoa que traballa co barro, oleiro’.
Os topónimos “Barreiro(s)” e “Barreira(s)” son moi frecuentes na toponimia galega.

BELSAR (Barreiros)
De (uilla) *Belesarii, forma en xenitivo de Belesarius, nome do antigo posesor da uilla (“explotación agrícola”), nome de orixe xermánica. 
É importante notar que, aínda sendo Belesarius un nome de orixe xermánica, non implica que o posesor fose desa orixe.

BENQUERENCIA
 (Benquerencia)
O topónimo “Benquerencia” foi analizado por Piel, que indica a existencia de cinco “Bemquerença” en Portugal). Piel incluíu este topónimo na lista de “nomes en aprezo”, para os que atopa unha centena de nomes diferentes, incluíndo “Bemviver” (e o equivalente español Bembibre), Benfica ou Bemposta. 

Aínda que Piel non se pronuncia por unha interpretación con certeza para este conxunto de nomes, cre que serían topónimos “desiderativos”, reflectindo os anceios dos fundadores (cf. p.13 de J. Piel, 1985. “O bem e o mal na tradição toponímica portuguesa” in “Boletim de filologia”, Tomo XXX).

BRANDAO (Cabarcos)
Este topónimo, que dá nome a unha zona de prados, semella un antropónimo, talvez de Brandanus, o San Brandán irlandés. 

Así e todo, ao analizar os topónimos equivalentes “Brandão” en Portugal, J. Piel aponta tamén para o San Brandán irlandés, e exclúe a hipótese dunha procedencia xermánica (na raíz Brand- , tal como teñen os topónimos Brandamil, Brandulfe, etc). Cf. p. 234, J. Piel “Os nomes germânicos na toponímia portuguesa” in “Boletim de filologia”, Tomo II. En efecto, posteriormente Piel analiza o topónimo “Brandôa”, que correspondería coa forma en feminino do mesmo antropónimo, co cal ve reforzada a hipótese mantida.

CABARCOS (Cabarcos)
O dicionario define “Cavarco” como “barranco profundo”. Cf. aquí.
Alternativamente, Cabarcos foi interpretado por J. Villa-Amil como derivado do pobo dos Civarcos, mencionado por Plinio e situado entre a desembocadura dos ríos Masma e Eo. (cf. aquí)
Na Idade Media aparece novamente atestado o nome de Cibarcos ou Cabarcos, así na confirmación que Ordoño II outorga no 916 á igrexa de León, entre as que figura Sancti Justi de Cabarcos.

En calquera dos casos, parece que proviría dun orónimo derivado da raíz indoeuropea *keu- coas acepcións tanto de ‘inchar’ como de ‘cavidade, oco’. Da mesma orixe derivan, por exemplo, o galego “covo”, e en latín cauus <*cou̯os e cauerna (cf. IEW 592-594), e no sentido de “inchar” os apelativos célticos no galés cawr <*cawar e no córnico caur‘xigante’.
Este topónimo tamén é analizado por M. Costa co significado céltico, que o interpreta como “formaçom adjectiva sobre o protoindoeuropeo *kawar- ‘gigante‘”(cf. aquí).

CACHÓN (Cabarcos)
Un “cachón” é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

CALÓN
 (Barreiros)
O nome desta poboación posiblemente proceda de *(uilla) Callonii, dun antigo posesor chamado Callonius, nome de orixe latina.

CANDAEDO (Celeiro de Mariñaos)
O termo “candedo” indica un garabullal, un lugar onde hai “candos” (“garabullos”, “guizos”). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).

En Galicia rexístranse outros topónimos relacionados: Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CANDAMIL (Barreiros)
De *(uilla) Quendamiri, referindo a unha uilla (“explotación agrícola”) dun antigo posesor chamado Quendamirus, nome de orixe xermánica.
CANDAOSA (San Miguel de Reinante), CANDEAL (Cabarcos)
Os termos “Candaoso” e “Candeal” significan o mesmo que “Candaedo”. Ver “Candaedo”.

CANEIRO DA CARBALLA (Benquerencia), CANEIRO DAS LANCHAS (San Miguel de Reinante)
Un “caneiro” é unha canle, un canal, por veces usado para pescar. Por tanto, será “lugar pechado que cruza unha cale ou canal con auga”.
Unha “carballa” é un carballo centenario.

CANTALARRANA (Benquerencia)
A orixe obvia, dun castelanismo, parece difícil se temos en conta a abundancia do topónimo “Cantalarrana” por toda a xeografía galega.
Podería provir dunha voz prelatina, dunha voz prelatina, formada a partir da raíces *kant– (relacionado con “canto, borde”, “beira de río con coios”) + arn– (relacionado con “río”).
Cf. aquí aquí para maior detalle.

CAPELA DE SANTO ESTEVO DA PAGÁ (A Rigueira -lugar de Regosangüento)
O dicionario define “pagá” como “castaño novo, sen enxertar”. Cf. aquí. O castaño era unha árbore moi importante antigamente, o seu fruto constituía un dos alimentos básicos indispensábeis do nosos antepasados, antes da introdución da pataca. Para dar un bon fruto, tiña que estar enxertado. No caso contrario, metafóricamente como as persoas que non estaban batizadas, chamábaselle ‘pagás’.
Porén, esta capela está rexistrada en 1124 como “S. Stephanus de Pagadi” (cf. p. 40 aquí).

CÁRQUIVA (Cabarcos)
Posiblemente o mesmo que “cárcava” ‘barranco profundo, foso’.

CARRAL DE FÓRA (Barreiros)
O termo “carral”, derivado do latín carralem  ‘do carro’, ao ser aplicado a un topónimo refire a un camiño carral, para o paso de carros.

CARRICEIRAS (Cabarcos, Reinante)
Os termos “carriceira” e “carrizal” indican un lugar onde abunda a “carriza”.

CARTAS (Barreiros, Reinante)
Este topónimo, frecuente en Galiza, posiblemente referencia a “”cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do “monte dos Cuartos” en Mosende, e “monte dos Cartos” en Cerdido.
Outra alternativa é a de referencia á “carta” de posesión, pois o significado do termo prestábase ao seu uso toponímico, do mesmo modo que outros vocábulos referentes aos distintos tipos de administración da propiedade das terras, tais como “Foro”, que callaron como nomes de lugar, maiormente na microtoponimia.
Reforzando a hipótese das partillas: 
“As Tercias” existe nas Negradas, en Cabanas, nas Nogais, etc, “Os Tercios” en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos 
“As de Quintas” nas Nogais, en San Sadurniño .”Os Quintos” en Cariño e Cerdido, 
En parroquias de Cedeira existe tamén “Os tercios”, “As Sétimas” e “As oitavas”. 
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo “As Cuartas”, en Monterrei. Cf. aquí.

Outra alternativa sería relacionado coa cuarta parte dunha propiedade foral, ou de terreos sometidos ao pago dunha renda equivalente á cuarta parte dos froitos. Porén, esta parece improbábel sendo unha “xesteira” no Valadouro, improbábel que fose un terreo sometido ao pago de tal renda.

CASALDEITE (San Miguel de Reinante)
Composto de “Casal Deite” ou de “Casal de Eite”, segundo indicamos a continuación.
O profesor J. Piel estudou o topónimo similar “Vilardeite”, interpretándoo como “Vilar Deite”, tendo como orixe de “Deite” dúas hipóteses: 1) de Digiti, forma en xenitivo de Digitus e 2) de Deiecti, forma en xenitivo de Deiectus‘rexeitado, abandonado’, usado na antroponimia cristiá como “nomen humilitatis”. Cf. J. M. Piel. “Novissimas achegas à história da tradição antro- toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico”, in Verba 11 (1984). 

Alternativamente,  Martínez Lema e despois Nicandro Ares interprétano como “Casal de Eita”, casal dun posesor chamado Eita, nome rexistrado na Idade Media. Cf. p. 1138 . N. Ares, 2011, “Estudos de toponimia galega”. Cf. P. Martínez, 2006, “Nomes de posesor na toponimia do concello de Begonte (Lugo)”.

Finalmente, se non estou nun erro, tamén podemos interpretalo como “Casal de Eite”, sendo “Eite” derivado de Electi, xenitivo de Electus, que correspondería co nome do antigo posesor ou fundador do casal. O antropónimo Electus está recollido na Idade Media Noroeste peninsular  (cf. “Hispano-romanisches Namenbuch“).

CELEIRO DE MARIÑAOS (Celeiro de Mariñaos)
O topónimo “Celeiro” vén do latín cellarium, “despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo”.
Canto a “Mariñaos”, indica habitantes da Mariña.

CERRADO DA CANOURA (Celeiro de Mariñaos)
Posiblemente referido a unha persoa de apelido “Canoura”, frecuente na Mariña luguesa (cf. aquí). O apelativo “canoura” designa, en galego e en portugués, a “caixa por onde cae a gra sobre a pedra do muíño”.

CHAO DO RAÑÓN (Cabarcos)
Tamén existe “Costa do Rañón” na mesma parroquia.
Un “rañón” é o aumentativo de “raña”. Unha “raña” costuma ser un lugar pelado e pedregoso. 
Segundo o DGPE: Raña, nome duns 20 lugares en Galicia e outros tantos ou máis en Ciudad Real, Toledo, Badajoz etc. O sentido topónimico sería, segundo Menéndez Pidal, un “sitio raído ou arrastrado por acción erosiva das augas ou por un desprendimento de pedras”.
No dicionario figura “raña” coas acepcións “terreo alto e de monte pobre”, e coa de “Rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso”.

Algúns suxeren para o topónimo unha raiz paleoeuropea *ra-*ro-, que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con “rañar”, “arrasar”, etc. Cf. E. Rivas “Toponimia de Marín”.
Cf. aquí e aquí para unha discusión máis ampla.

CIMBRO (Celeiro de Mariñaos)
O dicionario define “cimbro” como forma antiga para “cume, cima” (cf. aquí).

COÍDO (San Miguel de Reinante, Benquerencia)
Un coído é un conxunto de coios, “pelouros”.

COIRA (Cabarcos)
Os topónimos “Coira”, “Coiro” son relativamente frecuentes en Galiza, así como fóra de Galiza topónimos da mesma orixe como “Coria” (Cáceres). Sen relación directa cos apelativos “coiro” nin “coira”, senón que ten orixe prerromana. En efecto, “Coira” viría dun orónimo *kaurĭa, formado a partir dun tema *kaur- derivado da raíz indoeuropea *keu-‘inchar; cavidade, oco’ (da mesma orixe, por exemplo, do galego “covo”, e do latín cauus (<*cou̯os) e cauerna (cf. IEW 592-594). 
O sufixo -ĭa é frecuente tamén na toponima prerromana, incluíndo a hidronimia paleoeuropea.
En concreto,  este Coira xa está atestado en 1139 como “monte Cauria“.

Este orónimo *kaurĭa talvez referiría a concavidades no terreo, ou a montaña elevada (“convexidades”), tal como no galés cawr <*cawar, e no córnico caur ‘xigante’ ) . Así, garda relación coa forma Coiro os derivados Coirós, Coirego (Pontevedra) e co Courel (Lugo). De feito, tamen o topónimo “Cabarcos”, que dá nome á freguesía na que se atopa, tería orixe na mesma raíz *keu-.

CONGOSTRIÑA (Barreiros)
Ver “A Congostra Cega”.

CORNEIRA (Celeiro de Mariñaos), CORNERÍA (Celeiro de Mariñaos)
Posiblemente referido a lugar pedregoso, con orixe na raíz prelatina *kor– ‘pedra, altura rochosa’. É un topónimo relativamente frecuente en Galiza.
Así, Cabeza Quiles interpréta os topónimos Corn-, Carn- como de orixe céltica ou precéltica, derivado do tema *kar– ‘pedra, zona rochosa’ (cf. F. Cabeza, 2014. “A toponimia celta de Galicia”). 
Por outro lado, Navaza, para topónimos similares, apunta a un termo derivado de “corno” nun sentido metafórico orográfico (cf. G. Navaza, “Fitotoponimia galega”).

CORTIÑA DA MAESA (Barreiros)
Para “cortiña”, ver “A Cortiña”. Canto a “Maesa”, é a forma antiga para “mestra”. Cf. aquí.
En Alfoz hai tamén un “Barrio do Maeso”.

CORTIÑA DE AENLLE (Cabarcos)
Para “cortiña”, ver “A Cortiña”.
Canto a “Aenlle”, indica o apelido dun antigo posesor. O apelido “Aenlle” é frecuente na Mariña Oriental, en particular na Pontenova. Cf. aquí, e derivaria dun topónimo, á súa vez a partir dun nome de posesor en xenitivo. Hai dous posibeis orixes: a primeira do xermánico Aneldi (Piel-Kremer recollen “Anelde”, formado de An– ‘antepasado’ e -ildi de hildi ‘combate’) ; a segunda de Anelii, forma en xenitivo de Anelius, antropónimo de orixe prerromana, frecuente entre os Vetóns e os Lusitanos (cf. aquí). No entanto, estes antropónimos concretos son apenas posibilidades entre outras varias, como de Anelli (de Anellus) ou de Anelti (de Aneltus), etc.

CORTIÑA DE MIRANDA
 (Cabarcos)
Para “cortiña”, ver “A Cortiña”.
Canto a “Miranda”, indica o apelido dun antigo posesor. Este apelido é frecuente na Mariña Oriental, en particular na Pontenova. Cf. aquí.
Canto á orixe do apelido Miranda, estaría nalgún dos múltiples lugares chamados deste modo. O topónimo Miranda é de orixe prerromana.

CORTIÑA DE SEIVANE
 (Celeiro de Mariñaos)
Para “cortiña”, ver “A Cortiña”.
Canto a “Seivane”, indica o apelido dun antigo posesor. Este apelido é frecuente na Mariña Oriental, en particular en Lourenzá e na Pastoriza.  Deriva de Sanctus Iohannes (San Xoán). Xa na Idade Media pasaría na pronuncia popular para *Saneoane, e daí, seguindo a queda do -n- no galego, para “Seoane”. Aínda, desa forma, evoluiu para Seivane, Sevane e Savane, todos eles rexistrados na toponimia galega.

CORTIÑA VELLA (Cabarcos)
Ver “A Cortiña”.

COSTA DO RAÑÓN (Cabarcos)
Ver “Chao do Rañón”, na mesma parroquia.

ESCOURIDAL (San Xusto de Cabarcos)
O mesmo que “escouredo”, terreo onde abunda a “escoura” (pedra de cor do ferro, ou “residuo de carbón e ferro”), e tamén, por extensión, “terreo malo e improdutivo pola abundancia de pedras” (cf. “escouredo“).

ESTEIRO (Barreiros)
O mesmo que “estuario”, “enseada”. 

FIEIRO (Barreiros, Benquerencia)
Posiblemente de (locus) fenarius, “lugar onde se garda o feo” (cf. Du Cange. “Glossarium mediæ et infimæ latinitatis”).

FIGUEIRIDO (San Miguel de Reinante)
Topónimo transparente: lugar onde abundan (ou abundaron) as figueiras.

FIXOUCOS (Cabarcos)
Nota: este mesmo lugar é chamado tamén “Navallos”.
O termo “fixoucos” é unha forma evoluída de “foxoucos”, plural do diminutivo de “foxo”, do latín medieval fogiu, do latín clásico foveum. O apelativo “foxo” (en portugués fojo), indica un furado grande.
A evolución Foxoucos>Fixoucos está rexistrada no caso doutros topónimos e non ten nada de particular, tratándose dunha palatalización de vocais átonas en posición pretónica, tal como aconteceu con folloa>filloa (cf. P. Martínez aquí), ou no caso de “Fixoa” nas Negradas.
En xeral, o sufixo “-ouco” é de orixe prerromana, aínda que tamén seguiu produtivo no romance, así “pedrouco”, “penouco”.

FONTABOR (Barreiros)
De Fonte(m) Avioli, forma en xenitivo de Aviolus, diminutivo de Avius, nome do antigo posesor, nome de orixe latina.
Atopase tamén “Penabor”, ambos topónimos reafirman esta orixe antroponímica.

FONTAO (San Xusto de Cabarcos, Celeiro de Mariñaos)
Este topónimo, correspondente a un núcleo de poboación no caso de S. Xusto e dun terreo no caso de Celeiro, posiblemente derive do latín medieval (agru) fontanu, derivado de fons “fonte” (cf. A. Moralejo. “Toponimia gallega y leonesa“).Outra posibilidade, aínda que cremos improbable, sería derivado do nome dun posesor chamado Fontanus (cf. Cabeza Quiles).
FONTARDÍN (San Miguel de Reinante)
Este topónimo refere a unha fonte dun antigo posesor chamado Ardinus, nome medieval de orixe xermánica.
A forma orixinaria sería, por tanto, “Fonte Ardini“, onde “Ardini” é o xenitivo de Ardinus, xa comentado.
Como indicado noutros casos, o feito de ser un nome de orixe xermánica non indica que o posesor tivese tal orixe, senón é debido á popularidade dos nomes desta orixe xermánica na Idade Media.

FONTE DOS ULLEIROS (San Miguel de Reinante)
Un “ulleiro” defíneo o dicionario como “lugar onde nace a auga”, “manancial en sitio chan”, “pantano”. Cf. aquí.

FONTEMEIMIL (San Miguel de Reinante)
Este topónimo refere a unha fonte dun antigo posesor medieval con nome de orixe xermánica, tal como indica a terminación “-mil”, derivada dunha forma de xenitivo en -miri. Como hipótese, podemos pensar no nome Malimirus ou similar.

GONDÁN (Cabarcos)
De (uilla) *Gundani, forma en xenitivo de Gundanus, nome do antigo posesor. É un nome de orixe xermánica, dunha raíz xermánica *gunthz ‘loita’.

GRANDA DE ARCOS (Cabarcos)
Ver “A Granda”. O termo “Arcos” posiblemente sexa de orixe prerromana, sen relación directa co apelativo “arco”, senón relativo á gandería. Cf. J. J. Moralejo, 2005. “Arco(s), Busto(s), Pazo(s): ¿toponimia de ganadería?”, in A. Boullón et al “As tebras alumeadas: estudos filolóxicos ofrecidos en homenaxe a Ramón Lorenzo“. 

IBIA (San Xusto de Cabarcos)
Este topónimo, é un hidrónimo de orixe prerromana. Foi estudado, entre outros, polo filólogo E. Bascuas, quen sen dubidar da súa orixe paleoeuropea, indica que podería derivar dunha das raíces indoeuropeas *ei- ‘ir’ ou, seguindo a Carlos Jordán Cólera, dunha raíz hidronímica *ib-/*ub-/*ab- ‘auga’. Cf. p. 370 e ss. de E. Bascuas “Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega“, 2014.

Similarmente atribúe X. L. García Arias para o asturiano “Ibias” como hidrónimo de orixe prerromana, indicando ‘río, corrente de auga’, que xa está atestado con ese nome no século X (cf. X. L. García “Toponimia asturiana. El porqué de los nombres de nuestros pueblos“). 
É interesante notar a existencia en aragonés e en gascón do apelativo “ibón” ‘cavidade a modo de lago onde se acumula gran cantidade de auga’ (cf. aquí M. Selfa, “Toponimia del Valle Medio del Ésera (Huesca). Estudio lingüístico y cartografía“).
A relación entre “ibia” e “ibón” semella plausible: as terminacións “-ia” e “-ón” son típicas na hidronimia de orixe paleoeuropea (cf. E. Bascuas, 2002. “Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega“). No entanto, o apelativo “ibón” ténselle asignado unha orixe pirenaica non indoeuropea. De feito, J. Moralejo asígnalle a “A Ibia”, con interrogantes, a orixe na raíz non indoeuropea *ib-, presente en ibai, ibar, ibón (cf. J. J. Moralejo “Hidronimia prerromana de Gallaecia” in “Onomástica Galega II”).

Os termos “Ibia” e “Ibias” non son infrecuentes na toponimia galega, así, hai “Rego da Ibia” en Oiras, outra “A Ibia” no Valadouro, “O porto de Ibia” en Barreiros, etc.

LABANQUEIRA (San Xusto de Cabarcos)
Probablemente deba interpretarse como “lugar onde abundan os labancos”, na acepción de “pedra grande” (cf. aquí A. Otero “Algunas adiciones al léxico hispánico”, CEG XXIV).

É de notar que os dicionarios de galego rexistran “lavanco” designa unha especie de parrulos. Aínda que encaixaría como “lugar onde abundan as aves labancos” (do mesmo modo que existen “Gralleira” e “Corveira”), non encaixa noutro topónimo “Lavanciños” de Lagoa, para o que é extraño que a forma fose en diminutivo, e tampouco parece que encaixaría no caso do topónimo en femenino “A Lavanca” existente en Ribadeo, co cal cremos descartable esta interpretación de “parrulo”. 

Finalmente, indicar que para “lavanco”, Corominas interprétao como resultado dunha disimilación da originaria “navanco” (cf. J. Corominas DCECH, s.v. lavanco), derivado do apelativo de orixe prerromana “nava” ‘lugar pantanoso en despoboado’, daí que o frecuentasen os parrulos bravíos. É por tanto unha forma derivada de “nava”,  o mesmo que deriva tamén o topónimo “Navallo”. Porén, ten pouo sentido toponímico, polo menos no caso do “Lavanciños”, que exista un pequeno lugar que sexa un conxunto de navas. O mesmo acontece con este  topónimo Lavanqueira.

Aínda que o dicionario define “lavanqueira” como un tipo de “alga fina e longa de cor verde” (cf. M. do Carme Ríos aquí), esa acepción soamente está rexistrada en Camariñas, e non parece que encaixe neste caso. 

Para máis discusións e detalle sobre etimoloxía da palabra consultar o indicado para “O Lavanco”  no blog “Toponimia de Alfoz“.
LÓNGARA (Benquerencia, San Miguel de Reinante)
O termo “lóngara” significa “terreo de forma alongada”.

LOURIDO (Celeiro de Mariñaos)
Un “lourido” é un lugar onde abundan os loureiros.

LEGOMORTO (Benquerencia)
Posiblente forma composta “Lego Morto”. O termo “Lego” probablemente corresponda co castelán légano “barro pegadizo”.
Para os termos casteláns légamolégano hai quen lles asigna unha orixe no indoeuropeo *legh- ‘deitarse’ (cf aquí), talvez relacionados co céltico *lega ‘sedimento, capa’ (cf. aquí).
Canto á terminación “morto”, podería referirse a “parada, estancada”. O topónimo “Legomorto” significaría, por tanto, “Lama estancada”.

LUGAR DE FANDÍN (Celeiro de Mariñaos)
O termo “Fandín” deriva de Fandinus, nome de orixe xermánica. É dubidoso se procede da forma en xenitivo Fandini, ou da forma en acusativo Fandinum, xa que esta zona é de transición 

LUGAR DE LEAS (Castelo)
Posiblemente este topónimo “Leas” teña orixe prerromana, nun tema indoeuropeo *le-na– ‘lene, mol, suave’. Tería un significado parecido a ‘augas apacibles, en remanso’.

Cremos moi improbable que o termo “Leas” teña relación co apelativo “lea” ‘enfrontamento, rifa’, por non ter uso claro para un topónimo relativamente frecuente. 
Estaría relacionado con outros topónimos como “Ribeiras de Lea”, con “As Leas” no Valadouro ou co asturiano “Llena”.

MANDIAOS (San Xusto de Cabarcos)
Topónimo derivado de Mandila, o nome do antigo posesor medieval, nome de orixe xermánica. 

MARZÁN (San Miguel de Reinante)
De (agru) Martiani, forma en xenitivo e Martianus, nome do antigo posesor, nome de orixe latina.

Tamén se pode interpretar este topónimo como indicativo da orixe dun antigo posesor, no cercano núcleo de poboación “Marzán”, en Foz.

MASMA (Celeiro de Mariñaos)
Moi probablemente, o cercano río “Masma” deu nome a este núcleo de poboación. Non cremos que fose este lugar o que dese nome ao río: o feito de un nome de río orixinar o nome do núcleo de poboación é frecuente na toponimia, frente á rareza do fenómeno oposto, excepto para regatos, que non é este o caso.

Ver “Río Masma”.

MATOMAIOR (Cabarcos)
Composto de “Mato Maior”. 
Un “mato” é o mesmo que “matogueira”, un “terreo con maleza e sen cultivar”.
En canto a “Maior”, podería indicar ou ben o tamaño do mato, ou, máis improbable, o nome dunha antiga posesora medieval, xa que Maior foi un nome común de muller na Idade Media.

MERILLE (Barreiros)
Podería derivar de *(uilla) Mirelli, forma en xenitivo de Mirellus, nome de orixe xermánica.

De feito, Santa Baia de Merille (Ouro) é citado en 1124 como “sancta Eolalia de Mirel” (cf. CDMACM = E. Cal,1999 “Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos“).

Por outra banda, segundo o profesor J. Piel, viría de *(uilla) Maiorelli, forma en xenitivo de Maiorellus. Cf. aquí.

Alternativamente, Rosa Pedrero (1996) interprétao como relacionado coa raíz prerromana *mira, presente noutros topónimos como “Miranda”. Cf. aquí. No entanto, a terminación “-ille” semella orixinada nun xenitivo de nome “possessor” medieval. Así, se consultamos as ocorrencias do topónimo “Merille” en Galiza (cf. aquí), observamos que están asociados a núcleos de poboación, o cal parece reforzar esta interpretación.

MILLARES (Benquerencia)
Plural de “Millar”, probablemente na acepción de “millarido, lugar onde se planta millo”, referido ao “millo miúdo” (o que era chamado “millo” antes de ter chegado o millo da América).

MOLEDO (Santiago de Reinante)
O termo “moledo”, do latín medieval molletum, significa “rochedo, colina” (cf. Du Cange). Aínda que esta acepción non a atopemos nos dicionarios de galego, si se atopa nos dicionarios de portugués, xunto coa acepción relacionada de “monte, xeralmente cónico, formado por pequenas pedras”.

Nesta praia de Moledo, hai, efectivamente, unha pedra grande.
No Vicedo existe a “praia de Moledos“, con esta mesma acepción.

MUÍÑO DE BARCIA (Cabarcos)
O dicionario define “varcia” como “terreo chan e fértil situado nas marxes dun río, que é frecuentemente anegado por este”. Cf. aquí.

MUÍÑO DE MIRANDA (Cabarcos, San Xusto de Cabarcos)
“Miranda” indica o apelido dun antigo posesor. Ver “Cortiña de Miranda”.

NAVALLOS (Cabarcos)
O termo “navallos” posiblemente derivado de “nava”, ‘chaeira rodeada de montes’, do mesmo modo que se rexistra o topónimo “Os Covallos”, derivado de cova.
Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde “navalho” é “pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva” (cf. aquí), e tamén o salmantino “navazo” ‘valle pantanoso’, así como no aragonés “navajo” ‘balsa para el ganado’. 
Hai cerca outro “Os Navallos” en Riobarba, así como “O Navallo” en Mañón e en Barreiros, e un “O Nabarego” en Mosende.

Nota: este mesmo lugar é chamado tamén “Fixoucos”.

NOCELLIDO (Cabarcos)
Lugar onde abunda a “nocella”, planta gramínea (Arrhenatherum elatius) que tén unha especie de nós na raíz.

NOVÁS (San Xusto de Cabarcos)
De “os (agros) novás”, plural de “noval”, finca nova. O termo “anovar” significa “volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable”. Cf. aquí.

O ACEVEDO (Cabarcos)
Lugar onde abundan os acevos ou acivros.

O ANGUIEIRO (Vilamartín Pequeno)
Lugar próximo a unha zona de río onde abundan as “anguías”.

O ARCO (Celeiro de Mariñaos)
O termo “Arco” posiblemente sexa de orixe prerromana, sen relación directa co apelativo “arco”, senón relativo á gandería. Cf. J. Moralejo, 2005. “Arco(s), Busto(s), Pazo(s): ¿toponimia de ganadería?”, in A. Boullón et al “As tebras alumeadas: estudos filolóxicos ofrecidos en homenaxe a Ramón Lorenzo”

O ARXADO (Cabarcos)
O termo “Arxado” posiblemente indique ‘lugar de cepas estacadas ou cavadas’, ou simplemente ‘lugar que foi coberto de arxe antes da queima para estivada’. Así, no dicionario atopamos “arxe” ‘toxo miúdo’, e “arxoar” ‘pór estacas ás cepas’ (cf. aquí), en canto que o portugués conserva “arxar”, no significado de ‘cavar a viña’ (cf. aquí).
A etimoloxía parece ser prerromana: E. Bascuas, asígnalle unha posible orixe prerromana a unha serie de palabras que comezan por arx-, derivándoas da raíz indoeuropea *er-, ‘fluír, moverse’. Cf. p. 98 de E. Bascuas “Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega“.

O BARAÑEGO (Xuances)
Probablemente derivado de “Vara”, nome de orixe prerromana. E. Bascuas e outros autores derívano da forma hidronímica indoeuropea *awer- ‘auga, mollar, chover, fluxo’. Cf. p. 91 de E. Bascuas “Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega“.
Pode indicar, por tanto, “lugar moi húmido”. alternativamente, tampouco se pode descartar que derive do alcume dun antigo posesor, talvez por ser orixinario da Vara (Xove).

O BEQUE (Celeiro de Mariñaos)
Este topónimo é moi frecuente na comarca de Ferrol, aínda que tamén aparece noutras zonas de Galiza. Rivas Quintas derivou os topónimos “O Beque”, “Os Beques” e “Os Bequiños” do céltico becc-/bicc-/picc- ‘punta’  (cf. E. Rivas, 1982. “Toponimia de Marín”. Anexo 18 de Verba). Da mesma opinión é Cabeza Quiles. Porén, a maioría destes topónimos aparecen en terreos mixtos, ou incluso prados, co cal é incerta a forza desa interpretación.

O CADAVAL (San Miguel de Reinante)
Un “cadaval” é un lugar onde abundan os cádavos:”toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé”. Cf. aquí.

O CALVARIO (San Xusto de Cabarcos)
Posiblemente referidos á existencia de tres cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

O CAMPÓN (Barreiros, Benquerencia, Cabarcos, San Xusto de Cabarcos)
O termo “campón” indica un prado de secano de moita extensión. Cf. aquí.

O CANTÍN (Cabarcos, Vilamartín Pequeno)
Forma en diminutivo de “canto”.  O apelativo “canto” tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  “recuncho”, “lugar apartado”, “saliente”, “lado”.  Isto é particularmente probable en topónimos como  “O canto do pazo” (Cervo), “O  canto da vila” en Silán (Muras), ou “o canto do prado” no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de “canto” unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus ‘llanta de metal’, que tería unha orixe extranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant ‘circo, aro’. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho ‘recuncho, extremo’,  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt ‘ángulo’ (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.

Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de “pedra, pedra grande non tallada” presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. aquí). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).

O topónimo  “Canto” é frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón.

O CAÑOTO (Benquerencia)
O termo “cañoto” significa o mesmo que “canoto”, ” talo de certas plantas coma a col ou o millo”. Outra acepción é a “parte do talo que queda pegada á raíz despois de cortar unha planta”.

O CASAL (Barreiros)
O termo casal, do latín casalis, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

O CASCABEIRO (Barreiros)
Aínda que non recollido polo dicionario, probablemente teña o mesmo significado que “cascabellal” e “cascallal”. Ver “O Cascallal”.

O CASCALLAL
 (San Xusto de Cabarcos)
Un “cascabellal” ou “cascallal” é un lugar onde abunda o “cascabullo”, as cascas. Escombreira.
O CAXIGAL (Barreiros, Celeiro de Mariñaos)
Un “caxigal” é un lugar onde abundan os caxigos.

O CHIBADOIRO (Barreiros, Benquerencia, Celeiro de Mariñaos)
O termo “chibadoiro”, defíneo o dicionario Constantino García como “lugar onde se xuntan ou separan os rabaños ao ir ou voltar do pasto. Cf. aquí.
Canto á orixe deste apelativo, considérase unha forma deverbal a partir do latín vulgar seperare (<latín separare), de onde  o galego “xebrar” (cf. DCECH).
O dicionario de A. Otero inclúe con idéntico valor “xebrada”.

O COBO (San Miguel de Reinante)
Grafía alternativa por  “O Covo”, un lugar localizado nunha depresión do terreo, nunha concavidade orográfica. 

É por tanto análogo aos topónimos “A Cova”, que para moitos deles adoitan indicar depresións do terreo, concavidade orográfica, xa que logo, non implicando que haxa unha furna ou caverna. A mesma opinión foi xa indicada por Navaza (cf. G. Navaza, 2007. “Toponimia de Catoira”).

O significado literal de “covo” é o transparente de “fondo, cóncavo”, tal como vén recollido xa no dicionario de Pintos (cf. aquí).

O COLADO (Barreiros)
O termo “colado” defíneo o dicionario como sinónimo de “cómbaro”. Cf. aquí. Cremos máis ben que corresponde neste contexto coa acepción que recollen outros dicionarios, de “parte menos elevada que hai entre dúas montañas ou cotos” (similar ao castelán collado e ao catalán coll).

O CORGO DE SANTA ANA (Cabarcos)
Posiblemente “corgo” signifique neste contexto “corredoira”. En xeral, a palabra “corgo” ten varios significados: represa, natural ou artificial, que recolle augas cando chove.  Cano: canle de distribución destas augas represadas. Corredoira: camiño estreito e profundo que discorre xeralmente entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo. Cf. aquí.

O COTARELO (Celeiro de Mariñaos)
Un “cotarelo” é un pequeno coto, outeiro, pequena colina (cf. aquí). 

O COVELO (San Xusto de Cabarcos, Celeiro de Mariñaos)
Diminutivo de “covo”, no sentido de “lugar no fondo dunha concavidade”.

Aínda que varios autores indican que “covelo/a” e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de “covo/a” como de “cubo/a”, Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008. “Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico”).

O CUCHAREGO (Cabarcos)
Podemos interpretalo como derivado de “cocho”, co sufixo -ego, do mesmo modo que “lamego” de lama, “Navego” de navia, “Balsego” de balsa, etc.
O dicionario de Carré define cucharego como “leira pequena dedicada a leña ou a prado” (cf. aquí).
Este topónimo debeu ter vitalidade como apelativo, pois está rexistrado na maioría dos concellos da comarca, como en Alfoz, no Valadouro, no Vicedo, en Muras. 

OS GALIÑEIROS
 (Barreiros)
Os topónimos “Galo”, “Galiña” ou “Galiñeiro” non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con formacións rochosas. Proviría máis ben do tema prerromano *kal(l)- ‘rocha’. Ver “A Pena da Cataverna” >> aquí para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos “Galiñeiro” e “Galiña” con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada. 

O ESCANLAR
 (Benquerencia)
Probablemente abundancial de “escanla”, do latín scandulam ‘trigo candeal’, indicando terreo plantado con escanla ou terreo que produce boa escanla (cf. N. Ares, 2011. “Estudos de toponimia galega“).

O FEAL DA PAULA (San Miguel de Reinante)
Un “feal” indica un herbal, un terreo que produce “feo” (cast. heno) (cf. aquí).

O FERROL (San Xusto de Cabarcos)
De (uilla) Ferreoli, de Ferreolus. Aparece documentado cerca de 1160 como Ferrioli, en liña con esa hipótese. Cf. p. 123. de N. Ares “Estudos de toponimia galega“.
Habería, contodo, outras hipóteses, asumindo unha orixe do nome deste núcleo de poboación igual á de “Ferrol” da Coruña. Para máis detalle de hipóteses, incluíndo hipóteses “orixinais”, ver o artigo >> este.
Hai outros “Ferrol” próximos, como e.g. o da Rigueira (Xove).

O FORO (San Xulián de Cabarcos, Reinante)
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo “foro” tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual” (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento “Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más…” (cf. “Onomástico etimológico de la lengua gallega“, ed. de J. L. Pensado).

O GATÓN
 (San Xusto de Cabarcos)
Probablemente derivado de (uilla) Gattone ou Gattoni, indicando o nome do antigo posesor da uilla medieval (“expotación agrícola”).
O nome Gattone pode ter tres distintas orixes: un nome de orixe céltica, o latín cattus ‘gato’ (como alcume) e outro de orixe xermánica (cf. p. 235 de A. Boullón, 1999. “Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)“).

O GRANXO (San Xusto de Cabarcos)
O dicionario rexistra a acepción de “granxo” como “finca cercada e adicada polo xeral a monte”. Cf. aquí.

GUXIDO (Celeiro de Mariñaos)
Significado e orixe incerta.
Talvez forma evoluída de “buxido”, lugar onde abundan os buxos. A evolución sería similar á de volpe>golpe, ou suevos>suegos.
Esta interpretación é reforzada pola existencia do topónimo “A Guxeira”, tamén nunha zona de ribeira e na mesma parroquia.

O LODEIRO (San Miguel de Reinante)
O termo “lodeiro” indica unha “lameira, terreo con lama”. 
Ten tamén unha segunda acepción de “árbore tamén chamada lamigueiro, lotus”, aínda que máis probable, por ser un topónimo frecuente demais para facer referencia a unha arbre incomún. Cf. aquí.
O LOMBAO (Cabarcos)
Do latín lombus ‘lombo’, indicando un terreo combado ou en encosta.

O MARCO (Cabarcos)
O termo “marco” indica a existencia, actual ou antiga, dun marco (pedra fincada no terreo, de límite territorial). A orixe deste “marco” pode ser medieval, ou miliario romano, ou tamén podería tratarse dunha pedrafita ou menhir prehistórico.

O MORGOLLÓN (Benquerencia)
Os termos “Morgollón” e “Morgallón” teñen unha orixe probablemente prelatina. 
Poden estar relacionados con “morgallo” ou “murgallo” ‘restos de leña ou outros materiais’, aínda que non semella probábel. 
Tamén podemos rexeitar que derive de “margallón” ‘desvergonzado’, pois sería altamente improbable que na toponimia galega abundase máis “Morgallón” (tres ocorrencias) frente un único “Margallón”, a forma que nesa hipótese sería a orixinaria.

Toda vez que non atopamos encaixe en orixe latina, podemos asignarlle orixe prelatina, aínda máis se temos en conta que o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (e. g., F Villar, cf. aquí). 
Dese modo, talvez estea relacionado coa raíz hidronímica *mar- / *mor-“auga detida”, coherente coa localización dos varios “Morgallón” existentes na xeografía galega: 
O lugar do Morgallón, nas Negradas, está situado nun outeiro desde o cal se divisan os meandros do río Sor e unha boa parte da ría do Barqueiro. Ver localización aquí
Existe outro “Morgallón” en Fazouro cunha situación similar, nun outeiro desde os que se divisa o remansos finais do río. Cf. aquí
Existe tamén un “montes do Morgallón” no Valadouro, outro nas Neves (Pontevedra) e outro no concello da Coruña. 

Alternativamente, o termo “Morgallón” podería estar relacionado coa raíz prerromana *mor(r)- , relativo a “pedra”, referidos como de orixe preindoeuropea, tal como ocorre coa palabra “morea“. Existe un “Cueto del Mogro” en Cantabria, cunha situación bastante análoga (“”es un pequeño monte de forma cónica, muy visible e identificable por su silueta en la llanura por donde discurren los meandros de la Ría..“). Para este “Mogro” postúlase esa orixe nos radicais “mor-iko“. Cf. aquí.
Porén, a localización do topónimo “Os Morgallós”, nun lugar chao do concello da Pastoriza, parece desbotar as hipóteses anteriores indicadas.
Outra hipótese de orixe prerromana é a de derivar do céltico *morg-, provinte da raíz indoeuropea *mereg- ‘marco, terra na fronteira’ (Pokorny: IEW 738). Porén, non parece haber outros nomes derivados desta raíz que parezan confirmar a súa presencia no noso territorio.

É importante remarcar tamén a posible relación etimolóxica cos topònimos “Morgal” en Salas, Asturias, e “Morgovejo” en León, documentado como “Mogrovelio”en 921 (cf. aquí).

O MORTEIRO (San Xusto de Cabarcos)
Aquí “morteiro” estaría referido a “horta preto da casa, en particular onde se planta un viveiro de sementes”.
O MOSQUEIRO (Cabarcos)
O termo “mosqueiro”, do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan “moscar” o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como ‘lugar onde abundan as moscas’ (cf. L. Carré,  1928-1931 – DDD). 
Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses “mosquera” ‘paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado‘ (cf. J. A. Frago, “Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)” in “Archivo de filologia aragonesa XXXVIII“).

O NOVAL (San Xusto de Cabarcos)
De “o (agro) noval”, de “finca nova”. O termo “anovar” significa “volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable”. Cf. aquí.

O PEDRÓN (Celeiro de Mariñaos)
Pedra fincada, pedrafita, ás veces simplemente un pedroulo ou pedrouzo. Cf. aquí.

O PENSO
 (Barreiros)
Este é un topónimo relativamente frecuente en Galiza; probablemente deriva do latín pensum, participio de pendere, indicando un “terreo en pendente”.

O PIÑEIRO (Barreiros, Cabarcos)
Podería ser un fitónimo, indicando a existencia de árbore(s) deste nome. Ao levar artigo o nome, parecería reforzar esta segunda hipótese.No caso de Barreiros, o nome deste núcleo de poboación podería ter unha orixe no xentilicio Pinarius, nome do antigo posesor.

O REAL (Celeiro de Mariñaos)
Probablemente, “Real” derive neste caso do latín riualis “á beira do río, ribeirán”. As forma “Real” e “Rial” son frecuentes na toponimia menor de ríos, e, sen documentación que o xustificase, debemos supor non teren relación ningunha con reguengos ou dominios de reis.

O RECANTO
 (San Miguel de Reinante)
Un “recanto” indica un corruncho, esquina, lugar apartado.

O RENDO (San Xusto de Cabarcos)
Probablemente “Rendo” sexa un derivado do latín ranetam, lugar onde abundan as rás (cf. J. Piel, “Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I “. 1966).
Tratándose do nome dunha casa illada, tampouco se pode desbotar que “Rendo” se trate dun alcume do (antigo) posesor. No entanto, cremos descartable a hipótese que temos visto de que derive dun nome  de posesor Randus, de orixe xermánica: a evolución de Rando > Rendo é moi improbable, en canto que o “a” tónico talvez sexa a vogal máis estable no galego.

O RETORNO (San Xusto de Cabarcos)
Os topónimos “Torna”, “Torno” e “Retorno” son de orixe prerromana, cun significado de “chorro de auga”, probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- ‘frotar, atravesar’.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

O ROLLO (Benquerencia)
Posiblemente aludindo á antiga localización neste lugar dunha picota. O dicionario de Marcial Valladares (1884) define “rollo” como “La picota, ú horca, hecha de piedra y en forma redonda, ó de columna. Era insignia de la jurisdiccion de villa, odiosa para los pueblos..” (Cf. aquí).
Soamente con documentación antiga podería ser confirmada ou rexeitada esta interpretación.

O ROMEU (Barreiros)
Pode ter orixe no adxectivo “romeu”, “peregrino”, orixinariamente peregrino que vai a Roma, mais xa na Idade Media, peregrino a Santiago. Indicaría, portanto, “o agro do peregrino”.

Outra interpretación sería basado no nome dun antigo posesor chamado Romeu, significaría, portanto, “o agro de Romeu”.
Alternativamente, poden estar relacionados coa planta así chamada, que ten o nome científico de rosmarinus officinalis. No entanto, é improbábel, xa que neste caso, se indicase lugar onde abunda a planta “romeu”, o normal sería que levase algún sufixo abundancial.

O RUBIAL (Cabarcos)
Caracterización “rubio” (“roibo”, “vermello”) do terreo. Posibelmente indicando terras barrentas. Hai quen o atrubúe á cor da flor da queiroga: as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos (“rubos”, “rubais”) cando florecía a queiroga en setembro.
Porén, a motivación deste topónimo non fica totalmente clara.
Alternativamente, J. Piel relaciona “rubiña” co verbo “rubir” (“subir”), derivándoos do latín rupes ‘rocha’.
Existe outro núcleo de poboación de nome análogo, “O Rubal” na Rigueira (Xove) e “Rubal” en Viveiro. Tamén existen análogos como “A Verdeal”.

O SOMO (Cabarcos)
Do latín summum ‘o máis alto’. O dicionario define “somo” como “O máis alto, cumio, cima”. 
Sobreira  referíase ao “somo” cando definía “asomar” como “empezar a ser vista alguna cosa, como el que atraviesa por un somo” (cf. J.Sobreira, Fr. J. “Papeletas de un diccionario gallego. Ms. s. XVIII“, Ed. de J. L. Pensado. 1979).

O SUSANTANA (Cabarcos)
Composto de “Su Santa Ana”, “o terreo ao pé de Santa Ana”.

O TALLO (Cabarcos, San Miguel de Reinante)
Un “tallo” é unha finca de pequenas dimensións (o mesmo que “lucha”). Á parte dos significados relativos a “corte”, o termo “tallo” tamén vén no dicionario como “cuadrado de viña”.
En portugués tamén ten o significado de “finca onde se plantan cebolas, fabas”. Cf. aquí.
Outra orixe podería ser dunha raíz indoeuropea *tā- ‘derreterse, fluír’, ‘mofo’, o mesmo que outros topónimos como “Tallobre” (cf. aquí).

O TOMBO (Barreiros)
O termo “tombo” tén varias acepcións. Neste caso, moi probablemente debe ser interpretado como “lomba, ribazo”. Cf. A. Otero (1956), “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés“, aquí.

O TOMBO DE FREIRE (Benquerencia)
Este topónimo refere a un “outeiro pertencente a Freire” (para o termo “tombo” ‘outeiro, lomba’, ver “O tombo”). Canto a “Freire”, podería tratarse dun patronímico derivado do alcume “freire” ‘frade, monxe’ (cf. p. 77 de A. Boullón, 1999. “Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)“). Alternativamente, “Freire” podería derivar de *Fredarii, forma en xenitivo de Fredarius, nome de orixe xermánica (Cf. p. 323, J. Piel “Os nomes germânicos na toponímia portuguesa” in “Boletim de filologia”, Tomo III).

O TOMBO DE VÁZQUEZ (Benquerencia)
Este topónimo indica un “outeiro pertencente a Vázquez” (para o termo “tombo” ‘outeiro, lomba’, ver “O tombo”). 
Canto a “Vázquez”, trátase do apelido, derivado de Velasquiz “fillo de Velasco”.

O VARGADO (Barreiros)
O apelativo “bargado” indicaría unha empalizada, lugar valado de estacas. Cf. aquí.

O VAL DO CAÍNZO (San Xusto de Cabarcos)
Un caínzo é un “tecido de varas”, tanto onde se secaban as castañas, como o tecido de varas que compuña as tañeiras do carro, etc.
Un “caínzo”, en toponimia, refiría por extensión a un “hórreo feito de canas ou vimbes”. Tamén podemos pensar nun terreo cerrado de vimbes ou canas, ou incluso nunha cancela feita de tais materiais.

O VEDRAL (Barreiros)
Lugar onde abundan os “bedros” ou “bredos”, do latín blitum, a planta Amaranthus blitum.
Alternativamente, de “(lugar de) vedros”, sendo un “vedro” un “monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo”. 

O VEDRÍN (San Xusto de Cabarcos)
Diminutivo de “vedro”. O termo “vedro” é usado para referir un “monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo”. 

O VEDRO (Cabarcos)
O termo “vedro” é usado para referir un “monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo”. 

O VILAR (Cabarcos)
O termo “vilar” inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na extremeira dunha vila, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia” (Cf. p. 221 de C. Baliñas. “Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)“). 

É posíbel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en “vilar” ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados. Porén, na actualidade, os dicionarios referen a un “casarío”, “aldea pequena, lugar pequeno”, se ben tamén recollen o termo como “conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos”. Rivas rexistra en Vilalba a acepción “Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos”, e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: “heredad grande, que descansa y se aplica a centeno […], de varios partícipes“. A acepción recollida por L. Carré é “campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito”. Cf. aquí.

OS ALDAOS (San Xusto de Cabarcos)
Finca ou terreo que pertenceu nalgún momento a unha familia de apelido “Aldao”. O apelido Aldao é de orixe xermánica, do nome de persoa Aldanus, coa raíz xermánica *ald- ‘vello’ e o sufixo latino –anus (cf. J. Piel. “Estudos de linguística histórica galego-portuguesa“, 1989).

OS AMEDOS (San Miguel de Reinante)
Un “amedo” é un lugar onde abundan os “amieiros”, sinónimo de “ameneiros”.

OS CANEIROS (Benquerencia)
Un “caneiro” é unha canle, un canal, por veces usado para pescar.

OS CARRIZÁS (San Miguel de Reinante)
Plural de “carrizal”, lugar no que abunda o carrizo ou cana silvestre dos pantanos.
É de notar que esta forma “carrizal” é máis moderna que a forma alternativa “carregal”. Ou sexa, derivou directamente da forma galega “carrizo”, mentres que “carregal” xa procedería directamente da forma latina carricalem, derivada de carex ‘carrizo’.

OS CARBALLÁS (Barreiros)
Un “carballal” fai referencia un  lugar poboado de carballos.
O apelativo “carballo” é de orixe prerromana. O correspondente termo en latín robur non perdurou no galego, excepto na toponimia, na que si se conserva a forma  “reboredo”,  co mesmo significado que “carballeda” e “carballal”.

OS CELEIROS (Benquerencia, Barreiros)
O topónimo “Celeiro” vén do latín cellarium, “despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo”.

OS CUCHAREGOS (Cabarcos)
Ver “O Cucharego”.

OS CURUXÓS (San Miguel de Reinante)
Diminutivo de “curuxo”. Probablemente, o mesmo que “curuxeira”, que designa, metafóricamente, un “lugar en sitio elevado e con penascos, ou ben frondoso e escuro”. Cf. aquí.

OS FEÁS DE MOREDA (Barreiros), OS FEÁS DE REMIOR (Barreiros)
O termo “feás” é o plural de “feal”, lugar onde abundan o feo (cast. heno).

OS FOROS (San Xulián de Cabarcos, Barreiros)
Ver “O Foro”.

OS LAVANCIÑOS (Vilamartín Pequeno)
Probablemente deba interpretarse como diminutivo de labanco, na acepción de “pedra grande” (cf. aquí A. Otero “Algunas adiciones al léxico hispánico”, CEG XXIV).

Por outro lado, os dicionarios de galego rexistran “lavanco” designa unha especie de parrulos. Aínda que podíamos interpretalo como lugar onde abundan tales aves,  é extraño que a forma fose en diminutivo, e tampouco parece que encaixaría no caso do topónimo en femenino “A Lavanca” existente en Ribadeo, co cal cremos descartable esta interpretación de “parrulo”. 

Finalmente, indicar que para “lavanco”, Corominas interprétao como resultado dunha disimilación da originaria “navanco” (cf. J. Corominas DCECH, s.v. lavanco), derivado do apelativo de orixe prerromana “nava” ‘lugar pantanoso en despoboado’, daí que o frecuentasen os parrulos bravíos. É por tanto unha forma derivada de “nava”,  o mesmo que deriva tamén o topónimo “Navallo”. Porén, ten pouo sentido toponímico, polo menos neste caso de “Lavanciños”, que exista un pequeno lugar que sexa un conxunto de navas. O mesmo acontece co topónimo Lavanqueira.

Para máis discusións e detalle sobre etimoloxía da palabra consultar o indicado para “O Lavanco”  no blog “Toponimia de Alfoz“.
OS MARTICES (San Miguel de Reinante)
Patronímico, do apelido “Martiz”, ligado a “Martiño”.

OS PEDROUZOS (Benquerencia)
O topónimo “pedrouzo”, frecuente en Galiza, indica unha “morea de pedras”, e tamén un “penasco elevado”, ou “cima penascosa”. Cf. aquí 
O sufixo -ouzo dálle un matiz despectivo, o mesmo que ocorre no homólogo portugués pedrouço. Cf. aquí.

OS PEGOS (San Miguel de Reinante)
Patronímico, do apelido “Pego”, apelido actualmente frecuente en Ortigueira, Cariño e Viveiro.
Alternativamente, un “pego” é sinónimo de “piago”, ver “Piagos” para máis detalles.
Existe tamén un topónimo similar, “Os Peguiños” en Fazouro (Foz), para o cal ambas acepcións tamén semellan probables.

OS PELAMIOS (Santiago de Reinante)
Posiblemente de “pelamio”, “lugar onde houbo curtidorías de pel”. Cf. F. Cabeza, “Os nomes de lugar“.
Tamén pode vir referido a posesores que eran curtidores.

OS PENEDOS DE SILÁN (San Xusto de Cabarcos)
De *Segilani, forma en xenitivo de Segila, o antigo posesor dos penedos. O nome tén orixe xermánica.

OS PIBIDÁS (San Xusto de Cabarcos)
Plural de “pebidal”, abundancial de “pebida”, do latín vulgar pipita. Un “pebidal” ou “pebideiro” é un “lugar onde se botan as sementes de certas plantas e onde se crían durante un curto período de tempo, para seren logo transplantadas”.

OS TROBOS (Barreiros)
O dicionario define “trobo” como “colmea, tronco oco de árbore”. Cf. aquí.

OS VEDROS (Barreiros, Cabarcos)
Ver “O Vedro”.

OS PAINZÁS (San Miguel de Reinante)
Plural de “painzal”, Lugar con paínzo (“millo-miúdo”), ou que produce bon paínzo. 

OS TRIGAOS DE ABAIXO (San Miguel de Reinante), OS TRIGAOS DE ARRIBA (Cabarcos)
Plural de “trigao”, lugar con trigo, ou que produce bon trigo. Cf. aquí.
Aínda que “trigao” tamén significa un tipo de paxaro, non encaixaría ben nun topónimo.

OS VIEIROS (Rúa)
O topónimo “Vieiro” é frecuente en Galiza, con máis de vinte lugares con este nome.
A priori, podería tanto provir de venario, a partir do latín vena ‘vea, veta’ (quer de ferro, de auga, etc), como de viario ‘camiño, carreiro, vrea’.
No entanto, Bascuas concluíu, a partir da documentación medieval, que a frecuencia de venario imponse, canto que viario aparece unha soa vez. Indica ademais que venario abonda na documentación medieval galega co sentido de “veta de ferro”. En resumo, “Vieiro” indicaría, por tanto, unha explotación mineira (“vea de ferro”) ou ben unha vea de auga. Cf. p. 139 de E. Bascuas “Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega“, 2014.

Por outra banda, Nicandro Ares interprétao como derivado de viarius “referido a vía, camiño, verea”, ou incluso ao antropónimo Viarius. Cf. p. 835 de N. Ares, “Estudos de toponimia galega“, 2011. 

PACIOS (San Xusto de Cabarcos)
Xeralmente, os termos “pazo” e “pacio” derívanse de palatium, usado no sentido de “casa señorial”.
Porén, o lugar onde se encontra “Pacios” non parece que tivese un palacio. Este é un caso máis do abondoso deste topónimo en Galiza, que dificilmente en moitos dos casos poderían corresponder cos palatium latinos no sentido de “casa señorial”.

J. Moralejo refere estes topónimos ao prelatino palatio, “lugar pechado no monte onde se gardan ou recollen temporalmente animais, curro”(cf. J. Moralejo, 2007, “Callaica Nomina“).

Un estudo sobre etimoloxía asturiana, dá unha terceira acepción, relacionada coas outras dúas: en Asturias, parece que casar (latín casam), referencia un conxunto de construcions individualizadas dentro dun núcleo de hábitat, e Palaciu (latín palatium), que se refere a un lugar construido un tanto lonxe do núcleo populacional. Cf. tamén aquí

PALLARES (Barreiros)
O apelativo pallar está definido nos dicionarios galegos como ‘meda de
palla, palleiro; construción destinada a almacenar a palla’ ou ‘terreo sementado
de cereal, despois de segado’. É así un derivado de palla (do latín palea).
Alternativamente, aínda que menos probable, podería proceder do apelido ou sobrenome dun antigo posesor do lugar. En efecto, figura atestado na Idade Media como apelido.

PEDRIDO (San Xusto de Cabarcos)
Significado transparente: os termos “pedrido” e “pedragal” designan un “lugar onde abundan as pedras”. 

PEDROUZOS (Celeiro de Mariñaos)
Ver “Os Pedrouzos”.

PENA DA INSUA (Cabarcos, San Miguel de Reinante)
Ver “A Insua”.

PENA PATELA (Barreiros)
Esta pena é un con costeiro. En Noal (Porto do Son) hai outro con tamén chamado “A Patela”. No Boqueixón, xa terra adentro, tamén atopamos outra “Pena Patela”.

O termo “patela” ten varias acepcións:
Patela como adxectivo indica “elemento aplanado, con escasa profundidade”. Así unha “cesta patela”, “culler patela” (cf. aquí). Derivaría, xa que logo, do latín platella, diminutivo de plata ‘chata’. Daí deriva a acepción rexistrada en Xermade de “pedra cha” (“piedra llana, ancha, con que va cerrando el horno en la parte de la bóveda“. Cf. E. Rivas. Frampas. aquí), e tamén a acepción de “rótula” (=óso chan) rexistrada en portugués (cf. aquí).
Patela como apelativo ten varias acepcións, alén da de “pedra cha”, entre elas a de “arneirón, pequena lapa” (cf. aquí).
Finalmente Joseph Piel ten interpretado o topónimo portugués “Patela” como zootopónimo, en canto a abundancial de “patos” (cf. J. Piel, “Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I “. 1966).

Considerando todo o anterior, cremos que “Pena Patela” indicaría un con relativamente plano, chato. No entanto, non se pode descartar que estea relacionado coa presenza de “patela” no sentido de “pequenas lapas”. Precisaríamos de axuda local que nos informe.
PENABOR (Barreiros)
De pinna Avioli, penedo de Aviolus, diminutivo de Avius, nome do antigo posesor, nome de orixe latina.
Atopase tamén “Penabor”, ambos topónimos reafirman esta orixe antroponímica.

PIAGOS (San Miguel de Reinante, San Xusto de Cabarcos)
Un “piago”, “peago” ou “pego”, do latín pelagus, é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.
En efecto, este termo é definido por Piel como “sítio fundo do mar ou de um rio“. Cf. p. 323, J. Piel “As Águas na toponímina galego-portuguesa” in “Boletim de filologia”, Tomo VIII, 1945.
PONTE DA MARADONA (Celeiro de Mariñaos, San Xusto de Cabarcos)
Ver “A Maradona”.

POZO DO PIAGO
 (Celeiro de Mariñaos)
Ver “Piagos”.

POZO DO ASNO (Reinante, San Miguel de Reinante)
Orixe incerta. Podería derivar do termo “asno”, quer referido a unha situación anecdótica, quer ao alcume dun antigo posesor. No entanto, parece improbable.
Alternativamente, pode derivar o elemento paleoeuropeo *ap-s-, frecuente en hidrónimos, e derivado da raíz indoeuropea *ap- ‘auga’ (cf. p.179 de E. Bascuas “Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega“). Esta segunda alternativa semella a máis probable, se temos en conta os topónimos “Poza do Asno”, “Ponte do Asno”, “Punta do Asno”, etc, relacionados coa hidronimia.
Existe tamén un “Os Asnos” en Burela e “A Furada dos Asnos” en Covas (Viveiro).

POZO DO PIBIDAL (Celeiro de Mariñaos)
Ver “Os Pibidás”.

PRAIA DA BALEA (Benquerencia)
Ver “A Balea”.

PRAIA DA ANGUIEIRA (Barreiros)
Ver “Anguieira”.

PRAIA DE MIRANDA (Cabarcos)
“Miranda” indica o apelido dun antigo posesor. Ver “Cortiña de Miranda”.

PUMAREGA (Cabarcos)
O mesmo que “pumar”, finca plantada de maciñeiras/mazairas.

PUMARÍN (San Miguel de Reinante)
En galego normativo “pumariño” ‘maceda, lugar onde abundan as maciñeiras ou, en xeral, as árbores frutais’.

PUMARRUBÍN (San Miguel de Reinante)
Composto de “Pumar Rubín”. O termo “Rubín” deriva de Rubini, forma en xenitivo de Rubinus, o nome do antigo posesor, nome de orixe latina. 

PUNTA DE ANGUIEIRA
 (Barreiros)
Punta costeira. Ver “Anguieira”.

RAMIL (Barreiros)
Posiblemente de *(agru) Ranamiri, forma en xenitivo de Ranamirus, nome do antigo posesor.
Ao non se tratar dun núcleo de poboación, é tamén probable que se trate do apelido (e non do nome) do antigo posesor. Neste caso de apelido, tamén tería a indicada orixe en Ramiri.

REGO DO ENCANTO (Benquerencia, San Miguel de Reinante)
Segundo López Cuevillas, o “encanto”, na mitoloxía popular galega, sería un ente misterioso con cualidades sobrenaturais que se converte en ser material. El sería o que garda os tesouros dos castros (cf. F. López, “Prehistoria de Melide“, in “Terra de Melide“. 1933 e 1978).
Recolle Xabier Moure, para o caso da “Pena Leirada” a lenda “.. hai un encanto por sete reinados, tempos irán e tempos virán que as patas das cabras os descubrirán“.  Cf. aquí.

O termo “encanto” pode tamén estar relacionado, alén de con algunha lenda, coa raíz céltica *kant- relacionado con “rocha, canto, borde”, “beira de río con coios”.

REGO DO FORCÓN (San Miguel de Reinante)
O significado do topónimo “forcón”, frecuente nos concellos da zona, é incerto. 
Aínda que o dicionario define “forcón” como “pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo”, o máis probable é que se refira a unha bifurcación de camiño ou río ou montañas (neste último caso, sería no sentido de “desfiladeiro”).
En efecto, acepción de “forca” como “desfiladeiro”, aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

REINANTE (Santiago de Reinante)
Xa na Idade Media aparece atestado, así figura como Sancto Iacobo de Reinanti na confirmación que Ordoño II outorga no 916 á igrexa de León.
A súa orixe é (uilla) Reinanti, forma en xenitivo de Reinantus, nome do antigo posesor da uilla (“explotación agrícola”). É un nome de orixe xermánica, o cal non implica que o posesor fose desa orixe.

REMIOR (Barreiros)
Do latín vulgar *riuu Minore, ‘Río Menor’. Cf. e.g. aquí.

REQUEIXO (Barreiros)
O dicionario define “requeixo” como “baixada dun monte en declive para un vale” (cf. aquí) ou tamén lugar apartado, nun recanto.
Segundo E. Bascuas (cf. VERBA, 2000), viría da forma prerromana *rek- presente en palabras como rego (con “e” aberto), e do sufixo –asio, presente en topónimos como “Arteixo”.

REXA (Celeiro de Mariñaos)
O nome do barrio “Rexa”, así como a “Fonte de Rexa”, podería referirse ao apelativo “reixa”, de forma “enreixada”. ou o máis probable de ter tido unha “rexa” na entrada ou nalgures.
Alternativamente, podemos postular unha orixe hidronímica, neste caso no tema paleoeuropeo *re-, derivado da raíz indoeuroeuropea *er- ‘moverse’, en grado cero. Este tema foi estudado por Bascuas (Cf. p. 148 de E. Bascuas “Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega“), aínda que non incluiu “rexa”. Deste modo, poderíamos aventurar unha orixe nun *resia > *reixa > rexa.
Esta segunda interpretación parécenos máis probábel se temos en conta a existencia dunha “Fonte de Rexes” en Alfoz, na cal non encaixa a primeira hiótese de “enreixada” e si que encaixaría esta segunda interpretación como hidrónimo.

Aínda que improbable, tampouco se pode desbotar totalmente a orixe nun alcume “A Rexa” (“forte”).
Hai un “A Rexa” en Lourenzá, e un “As Rexas” en Nigrán, e un “Fonte de Rexes” en Lagoa (Alfoz).

RIBÓN (San Miguel de Reinante)
O dicionario define “ribón” como variante de “ribazo”. Cf. aquí.

RÍO DE REMOURELLE (Cabarcos)
O termo “Remourelle” provén do latín vulgar *riuu Maurili, ‘río de Mauril(i)us‘. Cf. e.g. aquí.

RÍO MASMA (Vilaronte)
O río “Masma” está documentado na Idade Media como Masoma (“inter Iube et Masoma“), Masuma Maseme
Aínda que o significado sexa incerto, é probable unha orixe prerromana, dado o sufixo átono “-oma”, indicando forma en superlativo, tal como acontece en topónimos como “Guísamo” ou “Osmo”. 
J. Moralejo postulou como hipótese a raíz *mad- ‘húmedo’ (cf. aquí), co que significaría algo como “o moi húmedo” (cf. J. J. Moralejo “Hidronimia prerromana de Gallaecia” in “Onomástica Galega II”).

SAA (Barreiros)
O topónimo “Saa”, moi abundante en Galiza e no Norte de Portugal, e amplamente documentado, tamén coa grafía “Sa”, posiblemente deriva do xermánico *sala. Así, para J. M. Piel, “sala” tería un significado similar a “casa de campo, casarío, quinta”, unha explotación agraria, que incluía a residencia señorial.
Segundo Kremer, tería “un significado primario de “casa de liñaxe nobre ou antiga”, significado próximo ao latín uilla ou palatium, aos que substituíu” (cf. pp. 133-148 de D. Kremer, “El elemento germánico y su influencia en la historia lingüística peninsular” in “Historia de la lengua española”. 2004).

Por outro lado, Roberts e Pastor derívano dunha base preindoeuropea *sel- ‘estancia humana’, raíz da que derivan termos como o búlgaro antigo selo ‘aldea’, selitva ‘vivenda’, e que orixinaría nas linguas xermánicas *sal- ‘habitación, cuarto’ (cf. E. A. Roberts e B. Pastor “Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española“. 1996).

SALGUEIROS (San Miguel de Reinante)
Topónimo transparente, indicando a existencia de árbores dese nome.
No entanto, tampouco se pode descartar, ao tratarse dun núcleo de poboación, que derive de “Os Alugueiros”, como ocorre no caso de “Salgueiros” nas Negradas. Contodo, a falta de documentación que o probe, esta alternativa é unha pura especulación.

SANGULLIDO (Cabarcos)
Posiblemente se trate da deturpación de “Sanguñido”, topónimo frecuente na Mariña, que indica “lugar onde abundan os sanguiños (planta)”.

SANTE (San Xusto de Cabarcos, Celeiro de Mariñaos) 
De *(uilla) Sancti, forma en xenitivo de Sanctius, nome do antigo posesor. É un nome de orixe latina. Cf. p. 1163 N. Ares, 2011, “Estudos de toponimia galega“.

SARXENDE (Benquerencia, San Miguel de Reinante)
O nome deste núcleo de poboación é compartido entre as dúas parroquias indicadas.
Nicandro Ares asociouno ao topónimo Gelsendi, documentado en 1189. Daí, atribúelle unha orixe en (uilla) Gelsindi. forma en xenitivo de Gelsindus, o nome do antigo posesor , nome de orixe xermánica. Cf. p. 453 e ss. de N. Ares, 2011. “Estudos de toponimia galega“.
SEOANE (Cabarcos)
Deriva de Sanctus Iohannes (San Xoán). Xa na Idade Media pasaría na pronuncia popular para Saneoane, e daí, seguindo a queda do -n- no galego, para “Seoane”. Aínda, desa forma, evoluiu para Seivane, Sevane e Savane, todos eles rexistrados na toponimia galega.

SESTELO (Barreiros)
Diminutivo de “Sisto”, frecuente na toponimia galega, 
Para Díaz Fuentes “sisto” sería unha “parada nun camiño”. Cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria. 
Outra interpretación é como referencia a un posesor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf. L. Ávarez “El Tumbo de San Julián de Samos“. Porén, os varios topónimos “Sistelos”, “Sistelo” e “Sistelín” existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.
García Arias interpreta como posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión é tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva. Cf. I. Millán, “Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz“. 1987

SILVALONGA (Barreiros)
Composto de “Silva Longa”. O termo “silva” neste caso non correspondería co significado actual, senón co significado latino de silva ‘bosque, fraga’. Indicaría, por tanto, unha “fraga longa”.

SINDÍN (Benquerencia)
De (uilla) Sindini, forma en xenitivo de Sindinus, nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica, da raíz sinth-‘camiño, expedición militar’. Cf. “Sendim”, p. 342, J. Piel “Os nomes germânicos na toponímia portuguesa” in “Boletim de filologia”, Tomo II. 

É importante notar que, aínda que o nome sexa de orixe xermánica, isto non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media, usados independentemente da procedencia da persoa.

SIXTO (Barreiros)
Pronunciado “Sisto”, sendo Sixto probablemente unha ultracorrección. 
Para Díaz Fuentes “sisto” sería unha “parada nun camiño”. Cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria. 
Outra interpretación é como referencia a un posesor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf. L. Ávarez “El Tumbo de San Julián de Samos“. Porén, os varios topónimos “Sistelos”, “Sistelo” e “Sistelín” existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis ben para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.

Alternativamente, hai quen refere ao reparto de terras, a sextos. Así, García Arias interpreta como posible a orixe en sextus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Da mesma opinión é tamén Isidoro Millán, no seu estudo sobre a toponimia de Pontedeume, e indica que estes repartos ocorrerían na época sueva.

TERREOS DO VENTO (Barreiros)
O significado de “Vento”, sendo esta unha zona de marismas, podería ser o transparente, indicando zona ventosa. No entanto, parece máis probable interpretalo como o antropónimo “Bento”, con orixe en Benedictus.

VALIÑAS (Cabarcos)
Unha “valiña” é un “vale” pequeno, por veces un lugar chan nunha encosta. Vale era un nome de xénero feminino antigamente, daí esta forma.

VILACIZAL (Benquerencia)
Tamén chamado “Vileizal”. De uilla Caesarii, referindo unha uilla (“explotación agrícola”) dun antigo posesor  chamado Caesarius, nome de orixe latina. 
Este topónimo foi estudado por Nicandro Ares, cf. p. 560 de N. Ares, 2011, “Estudos de toponimia galega“.
Existe outro “Vilacizal” próximo en Santa Cilla do Valadouro.

VILADAÍDE (Barreiros)
De uilla Dagildi, forma en xenitivo de Dagildus, nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica. 
Este topónimo foi estudado por Nicandro Ares, cf. p. 1340 de N. Ares, 2011, “Estudos de toponimia galega“.

VILAMAR (San Xusto de Cabarcos)
De *uilla Amari, forma en xenitivo de Amarus, indicando o nome do antigo posesor da uilla (“explotación agrícola”). Amarus é un nome de orixe latina. 

VILAMARTÍN GRANDE
 (Cabarcos, Reinante), VILAMARTÍN PEQUENO (Vilamartín Pequeno)
De *uilla Martini, forma en xenitivo de Martinus, referindo o nome do antigo posesor, nome de orixe latina. 

VILAR (Cabarcos, Barreiros)
Ver “O Vilar”.

VILARÍN (Cabarcos)
Diminutivo de “vilar”. Ver “O Vilar”.

VILAMIL (Cabarcos)
Este topónimo ten sen dúbida unha orixe nun nome de posesor da uilla (“explotación agrícola”).
O antropónimo concreto é complexo de establecer sen documentacion antiga suficiente. 
Se temos en conta a pronuncia palatal /billamil/, podemos a priori interpretalo como castelanismo, pero podería tamén non o ser: se asumimos que a pronuncia /billamil/ non fose castelanismo, podería entón interpretar cunha orixe en Viliamiri, forma en xenitivo de Viliamirus, derivado do gótico *wilja ‘vontade’ e –mereis ‘o maior, famoso’. En efecto, o “Villamil” de Pantín (Valdoviño) procede tamén de Wiliamiri. O mesmo ocorre cos antropónimos Viliemirus Viliamirus atestados en Portugal no século X, e Viliamiro no século XI (vid. p. 50, J. Piel “Os nomes germánicos na toponímia portuguesa” in “Boletim de filologia”, Tomo VII).
De feito, semella estraña a evolución para Vilamil en vez de para Vilamir. Se esta interpretación fose acertada, o nome debe ser “Villamil” e non “Vilamil”.
No entanto, pode corresponder con *Uilla Miri, forma en xenitivo de Mirus, nome iguamente de orixe xermánica. 
Alternativamente, tendo en conta a existencia do apelido “Villaamil”, procedente do topónimo Vileimil (A Pontenova), procedente de Uilla Agimiri, do nome xermánico Agimirus. Tamén derivalo de *Uilla Adamiri, forma en xenitivo do nome xermánico Adamirus.
É de supoñer que é un topónimo para o que hai documentación antiga que nolo clarifique, mais descoñecémola.

VILARONTA (Cabarcos)
A orixe é controversa.
Probablemente comparta a mesma orixe que Vilaronte (Foz), que derivaría de uilla Gerontii, dun antigo posesor chamado Gerontius, nome de orixe latina. Cf. M. Costa aquí.
Alternativamente, Nicandro Ares deriva Vilaronte de ArontiiRontii ou Runtii, formas en xenitivo respectivamente deArontiusRontius ou Runtiius, de orixe romana (cf. p. 369 de N. Ares, 2011, “Estudos de toponimia galega“).

XABARIZ (Barreiros)
Probablemente de *(uilla) Sabarici, forma en xenitivo de Sabaricus, nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica. 

ZAPIA (San Miguel de Reinante)
Cremos que deriva dunha forma prerromana *Sal-ap-p-ya , hidronímico de orixe indoeuropea, cun significado de ‘charca, arroio da charca, lagoa’ .
Estaría composto polas raíces indoeuropeas *sal- ‘sal, auga suxa, auga axitada’ e *ap- ‘auga, río’.
A evolución de *Salappya para Zaipa non presenta ningunha particularidade (*Salappia>*Saapia >*Zaapia>Zapia).
No entanto, trátase só dunha hipótese, nada máis.
Ver máis detalles nesta entrada de blog >>aquí.

Noticias de Barreiros