O GOBERNO MUNICIPAL DE BARREIROS PAGARÁ ESTE ANO MÁIS DE 500.000€ DE FACTURAS DO ANO PASADO

O GOBERNO MUNICIPAL DE BARREIROS PAGARÁ ESTE ANO MÁIS DE 500.000€ DE FACTURAS DO ANO PASADO

A débeda recoñecida na aprobación dos orzamentos deste ano, supón desequilibralos e seguir endebedando o Concello

Barreiros, 12 de xaneiro de 2018. O vindeiro luns celebrarase en Barreiros un pleno para aprobar os orzamentos do 2018 e “como vén sendo habitual, nese mesmo pleno o goberno municipal xa presenta o primeiro listado de facturas que deixaron sen pagar no ano anterior”, explica a portavoz municipal do BNG.

Mediante a figura do recoñecemento extraxudicial de crédito, que obriga ao goberno a que a aprobación desas facturas sexa en pleno, presentan 467.955,14€ correspondentes a facturas do 2017 que quedaron sen pagar por falta de fondos nese ano. “Esas facturas hai que pagalas dos orzamentos do 2018 e iso supón que do orzamento que se aproba para este ano, xa se sacan eses cartos sen que supoñan ningún gasto novo”, explica Ana Ermida.

“Pero, ademais, o propio orzamento para o 2018 recolle partidas que na memoria da Alcaldía se di expresamente que son para gastos que se fixeron no ano 2017 e que non se pagaron”, aseguran desde o BNG. “Polo tanto, non son só as facturas do recoñecemento extraxudicial, hai que sumarlles eses máis de 40.000€ que xa recoñecen directamente nos orzamentos do 2018 como gastos do 2017.”

Para o BNG “esta situación ao único que contribúe é a seguir afondando o burato económico que ten Barreiros, a consecuencia da mala xestión e o despilfarro do seu goberno municipal.”

Facturas do mes de xullo sen pagar.

Desde o grupo municipal do BNG aseguran que na relación de facturas do 2017 que se presentan para aprobar no pleno “hai facturas desde o mes de xullo. As facturas de luz, auga ou lixo levan sen pagar desde setembro”, afirman.

“Non sabemos que desculpa vai poñer este ano o goberno do PP, cando o ano pasado presumían (ao recoñecer máis de 200.000€ de facturas do ano anterior) que mellorara moito a situación ao rebaixalas con respecto ao ano anterior en 100.000€”, explica Ana Ermida. “Non ten xustificación que nun só ano, esta cantidade se duplicara. A única explicación é a que xa advertimos desde o BNG que se estaba producindo: especialmente nos meses de verán, para saír ao paso das críticas e queixas que se producían a diario, o PP en Barreiros optou por contratar servizos a empresas externas, sen ningún tipo de control, e incrementando o custo dos traballos que se poderían facer con persoal propio se houbera organización e control por parte do goberno municipal.”

“O único que está claro é que o PP conseguiu quebrar economicamente o Concello de Barreiros coa súa inoperancia e a súa xestión a espaldas das necesidades públicas. O goberno do PP en Barreiros, con Alfonso Fuente á cabeza, pasará ás páxinas máis negras da historia de Barreiros por afundir un Concello con tanta potencialidade e capacidade coma este”, conclúe Ana Ermida.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *