Archivo de la categoría: Sanidad

O programa “+Saúde Barreiros” promociona a saúde e o benestar da veciñanza

Barreiros, 24 de xaneiro de 2022. O Concello de Barreiros inicia na tarde de hoxe, coincidindo co Día da Educación, as actividades enmarcadas no programa “+Saúde Barreiros”. A nutricionista Saray Río impartirá unha xornada de formación para o persoal municipal que participa nos comedores da Escola Municipal Infantil e do CEIP San Cosme, que desde este curso pasou a ser de xestión municipal.

Tras esta formación inicial, e con base na mesma, elaboraranse novos menús para ambos comedores municipais e ofertarase formación a alumnado, pais e nais.

Os menús que implantará Saray Río nos comedores fomentarán pratos saudables e atractivos, reducindo na dieta de nenas e nenos produtos ultraprocesados e azucres simples, tanto visibles coma ocultos. Xunto cos menús de mediodía que se servirán nos centros, achegaráselles ás familias unha proposta de ceas igualmente saudables para contribuír ao equilibro da alimentación das crianzas.

“Coa posta en marcha deste programa, pretendemos promocionar e fomentar hábitos máis saudables na poboación en xeral e, especialmente, entre as nenas e nenos, pensando no futuro e contribuíndo a crear unha sociedade máis sa”, explica a alcaldesa, Ana Ermida.

Desde o goberno de Barreiros amosan a satisfacción pola posta en marcha deste plan de saúde e benestar, no que levan traballando un tempo co fin último de lograr que a veciñanza acade un estado o máis próximo posible á definición de saúde proposta pola OMS; entendendo que “a saúde non é soamente a ausencia de enfermidade, senón tamén o estado de benestar físico, psíquico, emocional e social da persoa ou comunidade”.

Neste sentido a concelleira de Saúde Pública e Educación , Montse Porteiro, explica que “se somos o que comemos, o máis adecuado será que a nutrición sexa un dos piares da educación, e esta terá que formar parte da formación desde as idades máis temperás , e incluír a todas as axentes educativas”.

A PLATAFORMA SANITARIA DENUNCIA QUE MOITAS MULLERES SON DERIVADAS A LUGO PARA REALIZAR ECOGRAFÍAS E OUTRAS PROBAS CANDO AS MAMOGRAFÍAS DO CRIBADO SON DUBIDOSAS

A PLATAFORMA SANITARIA DENUNCIA QUE MOITAS MULLERES SON DERIVADAS A LUGO PARA REALIZAR ECOGRAFÍAS E OUTRAS PROBAS CANDO AS MAMOGRAFÍAS DO CRIBADO SON DUBIDOSAS.

Desde o colectivo sanitario sinalan que ata agora todos os estudos complementarios facíanse no Hospital da Mariña.

A Mariña, 5 de xuño de 2021. A Plataforma sanitaria denuncia que un gran número de mulleres están sendo derivadas cara ao HULA se as mamografías do cribado de cancro de mama resultan dubidosas ou sospeitosas, para a realización de probas complementarias, coma ecografías, que ata agora se viñan facendo no hospital da Mariña. Nestes cribados habitualmente xenéranse un gran número de casos que precisan da realización de probas complementarias para completar o diagnóstico e que se facían no propio centro mariñao.

O colectivo sanitario advirte que esta é outra agresión máis á sanidade pública da comarca e ás mulleres mariñás por parte do goberno da Xunta, que de novo alonxan os servizos sanitarios públicos das veciñas e consideran ás persoas da Mariña como cidadás de segunda clase, sen acceso aos servizos máis básicos cerca do seu lugar de residencia.

Segundo comenta a coordinadora da Plataforma, Montse Porteiro, o servizo de radioloxía do hospital da Mariña leva moito tempo “ a medio gas”, ao ter dúas prazas de radiólog@ sen substituir, despois da xubilación dunha das profesionais e o traslado de facto da outra facultativa, “ razón que probablemente ten influencia nesta nefasta decisión de trasladar ao HULA a realización destas probas complementarias,que multiplican o grado de sufrimento e medo das mulleres que precisan confirmar se padecen ou non un cancro”.

As colonoscopias que se xeneran do cribado de cancro de colon foron as primeiras que se derivaron a Lugo.

As colonoscopias que se realizan tras o positivo na proba de cribado para cancro de colon foron as primeiras que se derivaron ao HULA,malia dotación de dúas equipas de endoscopias que existe no centro mariñao. Se ben no seu día o Sergas alegou que estas derivacións respondían únicamente a razóns técnicas relacionadas cos equipos tecnolóxicos, desde este colectivo cremos que é unha estratexia máis do goberno galego para baleirar de contido os hospitais das áreas máis periféricas, en favor dos macrohospitais construídos nas capitais , seguindo a súa folla de ruta de centralización nas urbes da sanidade pública.

 

Para máis información chamar a Montse Porteiro 615187637 ou a Víctor Vila 67734342

DENUNCIA QUE SEU PAI LEVA AGARDANDO SETE MESES POR UN TRATAMENTO DE REHABILITACIÓN URXENTE

DENUNCIA QUE SEU PAI LEVA AGARDANDO SETE MESES POR UN TRATAMENTO DE REHABILITACIÓN La imagen puede contener: 1 persona, de pie

O paciente foi operado dúas veces da columna e precisa fisioterapia para recuperar a mobilidade .

A Mariña, 15 de decembro de 2020. Unha muller denuncia, no nome de seu pai, que levan agardando sete meses por un tratamento rehabilitador pautado por neurocirurxía, con carácter de urxente , tras a dupla intervención cirúrxica á que foi sometido no HULA.

O paciente foi intervido por vez primeira en marzo do 2020 no HULA dunha estenose de canle na columna cervical , con mielopatía, en marzo de 2020. Dada a súa evolución favorable, interveñen por segunda vez en abril do mesmo problema na zona lumbar. En maio do 2020 é alta por parte do servizo de neurocirurxía do HULA, con prescripción de tratamento rehabilitador inmediato para acadar unha boa recuperación da súa mobilidade. Desde o servizo de neurocirurxía recalcaron o carácter urxente do tratamento, que debía ser realizado no seu distrito sanitario.

O paciente non é chamado ata que pasan dous meses da súa alta, en xullo de2020, data na que é vista pola única facultativa rehabilitadora que existe no hospital da Mariña e que decide poñerlle prioridade alta. Malias as recomendacións da rehabilitadora o paciente segue sen ser chamado, polo que presentan reclamación en atención ao paciente sin que ata o momento lle deran solución á mesma. Desde atención ao paciente comunícanlle que “agora xa depende do servizo de rehabilitación, máis en rehabilitación infórmannos de que é a dirección do hospital, a través dun comité, quen decide”- explica a muller.

Como pasa o tempo e non chaman , deciden contactar coa Plataforma sanitaria e presentar reclamación, que é rexistarda o día 16 de novembro con número de entrada 2786.

O paciente viuse obrigado a acudir a un centro privado de rehabilitación

O paciente está a recibir tratamento rehabilitador nunha entidade privada desde a súa alta hospitalaria e correndo cos gastos derivados do mesmo, pois a recuperación da mobilidade depende da instauración precoz de rehabilitación.

Segundo comentan desde a Plataforma Sanitaria, non se trata dun caso illado, e non é a primeira vez que se tramitan reclamacións desta índole. Desde o colectivo temos constancia de que moita xente está a acudir a profesionais privados porque o Sergas non da solución axeitada aos seus problemas de saúde, deixándoos sen a atención que precisan. É por iso que esiximos que doten aos centros sanitarios públicos dos medios humanos e materiais suficientes para que a poboación sexa atendida como se merece, sen que ninguén se vexa obrigado a acudir a centros privados porque non están sendo atendidos na sanidade pública.

O colectivo sanitario lémbralles que existe unha normativa, a lei de garantías de prestacións sanitarias (lei 12/2013 , artigo 5), que o Sergas está a incumplir sistemáticamente, obrigando a moita xente a pagar por asistencia sanitaria, xa que o sistema non é capaz de garantirlla, e mesmo está a causar na poboación enormes desigualdades, pois non tod@s poden pagar sanidade privada; é por iso que esiximos ao Sergas que cumpla coas as normativas , garantindo o cumplimento estrito dos prazos e atendendo ás prescripcións de prioridade ou urxencia , así como á gratuidade da prestación . “Cando un paciente se ve na obriga de acudir a un fisioterapeuta privado por falta de atención no sistema público, este deixa de ser gratuíto” – conclúe a coordinadora do colectivo.

A MARIÑA  SOFRE A PERDA  DOUTRO SERVIZO MÁIS, AO QUEDAR SEN UN ESPECIALISTA NA ÁREA DE CARDIOLOXÍA

A MARIÑA  SOFRE A PERDA  DOUTRO SERVIZO MÁIS, AO QUEDAR SEN UN ESPECIALISTA NA ÁREA DE CARDIOLOXÍA.

Desde o mes de setembro falta o terceiro d@s facultativ@s do servizo de cardioloxía, sen que ata o momento fora substituído.

A Mariña a 30 de novembro de 2020. O Hospital da Mariña está a sofrir unha nova merma nos servizos ao quedar sen un dos especialistas da área de cardioloxía. Desde o mes de setembro, despois de que un dos cardiólogos solicitara una excedencia, o hospital atópase cun facultativo menos, pois ate o momento non foi substituído.

Esta plataforma sanitaria ven de coñecer e contrastar a ausencia de  substitución do facultativo , polo que se constata unha vez máis a sangría de servizos que paulatinamente ven sufrindo este centro desde hai anos, e que se agrava desde eliminación da área sanitaria, como vimos predecindo desde entón. Cremos desde o colectivo, que este novo golpe para a saúde de mariñás e mariñaos provocará agardas para realización de probas diagnósticas , consultas de revisión imprescindibles e primeiras consultas para diagnosticar, inasumibles e vergoñentas,  que multiplicarán as que xa había ata agora e que foron denunciadas polo colectivo en numerosas ocasións.

O portavoz da plataforma, Víctor Vila apunta que cada día que pasa a poboación da Mariña vai perdendo servizos esenciais para unha asistencia sanitaria digna e próxima e apela á xerencia do centro a que se poña a traballar na dotación axeitada de profesionais e servizos en vez de “secundar servilmente as decisións políticas da Xunta para darlle o tiro de gracia á sanidade pública desta comarca”.

A PLATAFORMA SANITARIA DENUNCIA  QUE O HOSPITAL DA MARIÑA PERDE UN SERVIZO MÁIS AO QUEDAR  PRÁCTICAMENTE SEN REUMATÓLOGA

A PLATAFORMA SANITARIA DENUNCIA  QUE O HOSPITAL DA MARIÑA PERDE UN SERVIZO MÁIS AO QUEDAR  PRÁCTICAMENTE SEN REUMATÓLOGA .

A especialista que había trasladouse a Lugo e pasa consulta na Mariña únicamente os luns.

A Mariña, 10 de novembro de 2020. A Plataforma Sanitaria  ven de coñecer , a través de queixas de pacientes , que a reumatóloga que había no Hospital da Mariña  comezou a traballar no  HULA e , de momento, está a desplazarse os luns ao Hospital da Mariña a pasar consulta, polo que a efectos prácticos pérdese outro servizo máis  no distrito da Mariña.

O distrito da Mariña contaba ata hai pouco cunha reumatóloga para a atención de una poboación de uns setenta mil habitantes. Desde este colectivo sanitario denunciouse en reiteradas ocasións que era de todo insuficiente  e que se precisarían dúas profesionais para que a poboación estivese mínimamente atendida. Agora coa marcha da reumatóloga para Lugo quedamos nunha situación caótica , xa que unha reumatóloga un día á semana semella una tomadura de pelo para mariñás e mariñaos.

Pacientes sen ver desde o ano 2017.

A Plataforma Sanitaria ven facendo reclamacións de pacientes, tanto nos dispositivos móbiles que creou hai un tempo (UMAR) e que neste momento están suspendidos por mor da pandemia, como individualmente e “ a goteo” no resto dos días. Somos sabedor@s por este motivo, que hai pacientes de reumatoloxía sen ver desde o ano 2017. A coordinadora do colectivo sanitario, Montse Porteiro  asegura que “ este tempo de agarda é inadmisible e mesmo incumple toda normativa e leis de garantías, tanto se están en listas de agarda oficiais coma se están nas listas non estruturais “.

A este respecto o tamén portavoz da Plataforma, Víctor Vila manifesta que tiñamos razón cando advertimos da perda de servizos que suporía a eliminación da área sanitaria, e que os “máis e mellores servizos” que profetizaba o entón delegado da Xunta ” non son máis que una falacia “.

Desde este colectivo esiximos ao Sergas que poña fin a esta situación de desamparo e abandono de pacientes e dote o servizo dos profesionais necesarios a tempo completo, durante todos os días da semana.  Parécenos que a ampliación de espazos é moi necesaria, como así vimos mantendo desde o ano 2010, máis “ as publireportaxes vendendo metros cadrados e millóns de euros non teñen ningún sentido se perdemos servizos e profesionais, máis alá de lavar a imaxe privatizadora e destrutora da sanidade pública que ten o goberno da Xunta”- conclúen.

A PLATAFORMA SANITARIA ESIXE AO SERGAS QUE GARANTA UNHA ATENCIÓN SANITARIA BASEADA NA REACTIVACIÓN DA ACTIVIDADE PRESENCIAL

A PLATAFORMA SANITARIA ESIXE AO SERGAS QUE GARANTA UNHA ATENCIÓN SANITARIA BASEADA NA REACTIVACIÓN DA ACTIVIDADE PRESENCIAL.

Os centros de saúde deben dotarse do persoal necesario en todas as categorías para poder abrir as súas portas con total seguridade.

A Mariña, 14 de outubro de 2020. A Plataforma Sanitaria esixe ao Sergas que acometa todas as actuacións precisas para que os centros de saúde da comarca retomen a actividade presencial , rematando desta forma coa percepción que ten a poboación de que non está sendo atendida como se merece.

A raíz da pandemia de covid 19 o goberno da Xunta e o Sergas decidiron centrar a atención sanitaria  en citas e consultas telefónicas, reducíndose drásticamente a atención presencial, e mesmo en declaracións de Feijoo indicouse que a atención telefónica podería ser a “ medicina do futuro”. Este modelo de atención xenerou unha enorme dificultade para acceder aos servizos sanitarios, xa que non se dotou dos recursos materiais, tecnolóxicos e humanos precisos para que se poidera efectuar con garantías. O persoal sanitario e administrativo dos centros viuse totalmente desbordado, que viu como ás suas tarefas habituais se lle engadiron outras novas funcións de seguimento ,rastrexo  sin reforzarse  en absoluto o cadro de persoal e mesmo continuando coas súas políticas de non substitución do persoal ausente por diversos motivos. A esto hai que engadir a escasez de liñas habilitadas para as chamadas telefónicas , a desviación de chamadas a unha central privada de atención e á percepción pola poboación de que as chamadas non son atendidas, ao non dar ton de liña ocupada cando se está a atender unha chamada. A maiores da sobrecarga de traballo que desborda ao escaso persoal , estes profesionais teñen que soportar directa e inxustamente  as queixas de pacientes que se sinten desatendidos e abandonados polo sistema.

Desde este colectivo sanitario esiximos ao Sergas que adopte as medidas necesarias para garantir maioritariamente a atención presencial , dotando aos centros da ratio axeitado de persoal, substituindo aos profesionais  con ausencias xustificadas, garantindo un acceso seguro e progresivo aos centros e evitando as aglomeracións de persoas cuns protocolos de actuación precisos, pois ainda que a “ atención telefónica é unha ferramenta que pode solucionar certas situacións non debe ser en ningún caso a única nin a principal ferramenta “- refire Montse Porteiro, coordinadora do colectivo.

UNHA PACIENTE DENUNCIA QUE LLE DAN A ALTA CON SÍNTOMAS E SEN FACERLLE PCR DE CONTROL

UNHA PACIENTE DENUNCIA QUE LLE DAN A ALTA CON SÍNTOMAS E SEN FACERLLE PCR DE CONTROL.

A Plataforma Sanitaria insta ao Sergas a que faga público o protocolo onde figura a incorporación laboral sen confirmar a negatividade en coronavirus.

A Mariña 29 de xullo de 2020-07-29. Unha paciente denuncia que o Sergas négase a facerlle unha PCR de control antes de incorporarse á sua vida laboral a pesar de que sigue a manter algún dos síntomas da Covid 19.

A paciente contaxiouse no pasado mes de xuño e comezou a desenvolver síntomas da enfermidade . Tras a primeira PCR  é dada de baixa e comeza a ser seguida polos servizos sanitarios da comunidade asturiana, por residir no límite entre comunidades. Cando pasou a ser seguida polo Sergas comezou ter problemas co seguimento epidemiolóxico, xa que tivo que sere ela mesma a que se puxo en contacto con ditos servizos para indicarles que ninguén seguía o seu caso.

Recentemente , a principios do mes de xullo o Sergas pretende dala de alta, tras pasar o período de confinamento , sen repetirlle a PCR de control e mantendo síntomas da enfermidade. Foi a insistencia da paciente e a súa responsabilidade , pois traballa en contacto con moitas persoas , e a denuncia nos medios de comunicación escritos e audiovisuais os que finalmente conseguiros que se lle realizara a segunda proba de control, que foi positiva.

Pasado outro período de corentena,  a muller solicita de novo a realización dunha proba de control antes da súa incorporación laboral . A petición  é denegada polo Sergas ,alegando que mudou o protocolo e pese a que a paciente segue a ter  síntomas que desde o Sergas cualifican como “ residuais”.

Desde a Plataforma Sanitaria esiximos que cumplan coas normas máis elementales de prevención epidemiolóxica e que se deixen de “ aforros miserentos”, que o único que conseguirá é contribuir á expansión do virus . Demandamos desde este colectivo que se garanta a negatividade nas probas diagnósticas para covid 19 antes da incorporación laboral das persoas contaxiadas , pois sabemos que “ non todas as persoas tardan o mesmo tempo en negativizar e consideramos primordial protexer á poboación; isto é o mellor cheque sanitario con que poden agasallar á poboación

      RODA DE PRENSA PERSOAL SANITARIO. 9 XULLO 2020

RODA DE PRENSA PERSOAL SANITARIO. 9 XULLO 2020

Bo día achego convocatoria de rolda de prensa que daremos os profesionais sanitarios do distrito da Mariña hoxe no hospital da Mariña
                               CONVOCATORIA AOS MEDIOS

DATA: XOVES 9 DE XULLO 2020
HORA: 16HORAS
LUGAR: PORTA PRINCIPAL DO HOSPITAL DA MARIÑA
CONVOCA: PROFESIONAIS SANITARIOS DO DISTRITO DA MARIÑA
ASUNTO: ANÁLISE DA SITUACIÓN DO BROTE EPIDÉMICO DE COVID 19 NA MARIÑA QUE OBRIGOU A PECHAR A COMARCA.

Os sanitarios da Plataforma Sanitaria da Mariña queren denunciar a ausencia de información fidedigna por parte do SERGAS, tanto aos profesionais como aos usuarios dos servizos de saúde da Mariña. O xerente do HULA di ser xerente da que debería ser área sanitaria da Mariña, pero adícase a telexestión. O Conselleiro de Sanidade decreta o peche da que debería seguir sendo Area sanitaria da mariña dende o HULA, él teleconfina.

Do mesmo xeito reprobamos a falta de medidas contundentes ante o aumento dos casos , minimizando os números, maquillando as cifras e en definitiva actuándose tarde e mal. Ao noso entender, non se debeu agardar a que os contaxios adquiriran estas proporcións, podendo ter actuado e controlado moito antes nos concellos “cero”.  As medidas tomadas po lo SERGAS a estas alturas, por cinco días parécenos pouco acorde coa protección da saúde e cremos atenden a causas non sanitarias.
En relación as persoas que están illadas no seu domicilio e que deron positivo en PCR, queremos denunciar a incerteza sobre o elevado número que pode quedar afectado e non poder votar caso de manterese a convocatoria. Pero sobre todo o escaso seguimento que se lles está a facer, pasando varios días cando non TODO o confinamento, sen recibir una chamada telefónica dos Centros de seguimento de contactos (CSC) unha nova privatizacion da Xunta. Este CSC é o sistema de rastrexo de contactos (un call center) invento da Consellería para facerlles o seguimento de control da súa evolución. E especialmente grave o incumprimento desta empresa sen sanitarios que supervisen a evolución da enfermedade, do que debería ser un contacto diario segundo os protocolos (vixente dende o 13 de maio) o que remata provocando unha sobrecarga dos sanitarios de atención primaria  para darlles información e asesoramento. En Atención primaria non se dispón como decía o SERGAS que habilitaría, dunha ferramenta básica: a que  debería aparecer no apartado “listaxes de traballo” da historia clínica electrónica dx médicx de atención primaria, unha listaxe cos contactos identificados no seu cupo, e ao non existir non pode suplir a ausencia habitual de contacto do CSC e mesmo entéranse por chamadas dos usuarios de que foron contacto. Non hai explicación rexistrada na historia clínica electrónica do motivo para realizar as probas PCR nin seguimento rexistrado dos contactos.

Os datos disponibles nas pestañas do sistema Ianus de pacientes positivos tanto do centro de Saúde como do Servizo de Atención Primaria (SAP), non encaixan cos datos que fornece recentemente o SERGAS de casos activos (dende  o inicio do proceso de alta incidencia actual que o SERGAS califica como brote) dándose a sensación de non fiabilidade das cifras aportadas (ou facendo dubidar dos dados disponibles no Ianus) e que en todo caso fai pensar que a incidencia pode encaixar mais cunha transmisión comunitaria. Peor ainda remítese aos concellos a responsabilidade de tomar actuacións sanitarias, sen medios e cos dados mencionados que mesmo por veciñanza sábense non fidedignos.

Para o colectivo sanitario resulta moi preocupante que ante un proceso epidemiolóxico activo tan numeroso na comarca o goberno da Xunta e o Sergas dean as costas ás personas e continúen coa súa folla de ruta co proceso electoral do vindeiro domingo. As veces con argumentos certamente esperpénticos como que xa está controlado por unha suposta baixada de casos en 24 hs., nunha nova enfermedade que dificilmente pode ser tan predecible (como foi evidente ao dia seguinte co repunte de 23 casos), ou afinando aos 5 días por primeira vez no mundo para reevaluar unha actuación. E para os que queren mais innovacións epidemiolóxicas, as do Goberno da Xunta que decide incitar ao incumprimento do desconfinamento dos contactos illados por que semella que saben que durante “15 minutos” non hai problema (entendemos que debe ser por ter a papeleta na mao).  A propria Consellería por voz do Subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, recoñece que non se pode descartar transmisión comunitaria po lo que non entendemos a teima do Presidente da Xunta en insistir en que so e un abrocho controlado e en relación cun par de bares do porto. Esiximos aos responsables sanitarios que atendan á poboación como se merece,  pois hai persoas confinadas nas súas casas e que son positivas , afortunadamente son paucisintomáticas mais hainas síntomáticas e algúns precisan ingreso hospitalario e a banalización do proceso actual (“son poucos casos”, “todos sin apenas síntomas”) e unha nova irresponsabilidade, xera incerteza e medo nos usuarios.

Os profesionais están por outra banda moi descontentos co SERGAS. Despois de pasar o mais duro da pandemia con escaseza de medios (desfornecidos por unha plataforma loxística privatizada que NON da feito, tarde e mal na entrega do material básico) e están tamén desconcertados no manexo, contaxiándose masivamente, agardábamos algunha previsión mais acorde coa importancia do que estabamos vivindo. Mais en AP todo foi aplicar o Plan de Reactivación Asistencial vixente dende o 8 de maio que en 4 “etapas” volvía a facer que o sistema traballara con case normalidade dando a 4ª etapa por acadada o 22 de xuño, e non hai no Plan ningunha previsión de volta atrás nin como nin cando no caso dun brote como o actual, nin se deu po lo SERGAS ningunha explicación siquera verbal, agás a odontoloxía que nunha pregunta de pasillo foi autorizada a non realizar revisións de saúde. O resto, certificados para os centros de ensino, revisións, etc todo igual, etapa 4 en medio dun confinamento parcial único en toda Galiza. En medio deste proceso por etapas, houbo que aceptar realizar sen nengún reforzo un estudo epidemiolóxico estatal  e outro invento supostamente de prevalencia masivo do SERGAS, pretendidamente científico pero que o único que fixo foi sobrecargar as profesionais sen ningunha axuda extra nun momento de incerteza e cambio. E seguimos en fase de normalidade, co SERGAS decindo que o profesional de AP vexa aos casos sospeitosos de Covid unicamente con mascarilla cirúrxica (protocolo vixente toda a pandemia, pax 7) que mesmo o Servizo de Riscos Laborais desaconsellou recomendando como se fai, usar a FPP2. Con sanitarias contaxiándose novamente e causando baixa, e sen cobertura axeitada das ausencias programadas po la época estival nin reforzo previsto ante este rebrote na comarca. Non deben saber os que telexestionan, que  estamos nunha comarca que multiplica por tres a súa poboación durante os meses de verán,  engadido a que durante o confinamento adiáronse moitas consultas, po lo que consideramos irresponsable non ter reforzado o persoal sanitario no número e lugares onde fose necesario. Por riba, condenamos públicamente a decisión do Sergas de non substituir as e os profesionais de atención primaria , constatándose a falta de substitución da pediatra que atende os concellos de Cervo e Xove desde hai catro meses, así como varios profesionais facultativos de Viveiro e a ausencia de facultativo de desplazados no centro de saúde de Barreiros, así como facultativos e DUES no de Foz. Do mesmo xeito rexeitamos as políticas sanitarias de “bloqueo informático” de camas no hospital da Mariña , nome que adoitan utilizar desde o Sergas para referirse ao peche encuberto de camas, que só conducen a agravar a precariedade tanto da asistencia como da contratación de persoal.

Por todo consideramos debe avaliarse adecuadamente o mantemento do proceso electoral convocado que excederá con moito os 10 individuos que actualmente se consideran de límite de seguridade, que foi anulado o pasado 5 de abril cando existían moitos menos casos na nosa bisbarra e que ademais das aglomeracións habituais pode contar sen a participación dun número elevadísimo dos contactos confinados ou, peor ainda coa invitación do goberno da Xunta dos contactos confinados a incumplilo, agravando o risco de descontrol.

DIANTE DA MAGNITUDE DO BROTE DE COVID19, A PLATAFORMA SANITARIA ESIXE AO SERGAS E AO GOBERNO DA XUNTA QUE PROTEXAN A SAÚDE DE MARIÑÁS E MARIÑAOS

DIANTE DA MAGNITUDE DO BROTE DE COVID19, A PLATAFORMA SANITARIA ESIXE AO SERGAS E AO GOBERNO DA XUNTA QUE PROTEXAN A SAÚDE DE MARIÑÁS E MARIÑAOS.

O colectivo sanitario acusa ao Sergas do escaso seguimento que está a facer dos casos positivos en contraposición a outras comunidades limítrofes.

A Mariña, 7 de xullo de 2020. Despois de varios días  nos que están a aumentar de forma moi importante, case que de xeito exponencial, o número de positivos para coronavirus ,documentándose hoxe 119 casos positivos e aproximadamente 1100 personas en illamento preventivo, a Plataforma Sanitaria da Mariña esixe ao SERGAS e ao goberno da  Xunta que poñan todos os medios  para protexer a saúde das veciñas e veciños da comarca, diante do que podería ser un brote epidémico de gran magnitude.

Os primeiros casos documentados do rebrote de covid19 datan de finais do mes de xuño e afectaban a oito persoas tras unha reunión familiar no concello de Xove. O que parecía un foco pequeño e ben localizado, comeza a dispersarse por varios puntos da comarca a unha velocidade demasiado elevada. Apareceron focos nun parque de bombeiros , en establecementos hosteleiros de dúas localidades, nun supermercado de Ribadeo, nun clube de futbol ou en empresas do sector pesqueiro. Por esta razón instamos aos responsables sanitarios do Sergas a que demostren – se é posible – a relación  e a causística entre os positivos das diversas localizacións, pois de non ser posible “ teríamos que falar dunha transmisión comunitaria e non un brote como nos queren facer crer desde o Sergas”-comentan .

Desde o colectivo sanitario acusan ao Sergas de improvisar , xa que levamos agardando desde hai catro meses por un protocolo de rebrotes inexistente ata hai uns días, en plena expansión dos casos activos e  de illados, poñendo deste xeito en perigo á poboación e desprotexéndoa. Do mesmo xeito  reprobamos a falta de medidas contundentes ante o aumento dos casos , actuándose tarde e mal. Ao noso entender, non se debeu agardar a que os contaxios adquiriran estas proporcións , podendo ter pechado e controlado moito antes os dous concellos cero. “ A medida de confinar a comarca, inevitable a estas alturas ,  por cinco días parécenos pouco acorde coa protección da saúde, tendo en conta os confinamentos mínimos de catorce días que se decretan nestes casos, e que non atenden a causas sanitarias” – lamentan desde a coordinación da Plataforma.

Escaso seguimento das persoas illadas con PCR positivo

En relación ás persoas que están illadas no seu domicilio e que deron positivo en PCR, a Plataforma Sanitaria denuncia o escaso seguimento que se lles está a facer , pasando varios días sen recibir una chamada telefónica dos servizos sanitarios para facerlles o seguimento de control sintomático ou da súa evolución.Chama a atención que uns poucos quilómetros máis aló, pasando a ponte dos Santos, xa na comunidade veciña, o seguimento que se lles fai ás persoas positivas é moi exhaustivo,  chegando incluso a chamalas dúas veces ao día, para preocuparse do seu estado de saúde, se xurdiran síntomas e preocupándose polas persoas; máis una vez que pasei a depender da comunidade galega cesaron as chamadas, tiven que chamar eu despois duns días sen contacto algún pola súa parte, foi despois de contactar eu cando recibín a súa chamada por primeira vez en varios días– lamenta una paciente.

Para o colectivo sanitario resulta vergonzoso que ante un brote tan importante na comarca o goberno da Xunta e o Sergas dean  as costas ás personas e continúen coa súa folla de ruta do que realmente lles interesa, o proceso electoral do vindeiro domingo. De feito o confinamento da comarca que decretaron o domingo pasado é obrigado pola magnitude do brote que amenazaba con“ írselle das mans”. Esiximos aos responsables sanitarios que atendan á poboación como se merece,” pois hai persoas confinadas nas súas casas e que son positivas , que comezan a ter síntomas , que teñen medo a un agravamento da súa situación e que se sinten abandonadas polo sistema– indica a coordinadora da plataforma.

Déficit de profesionais

Ante este rebrote na comarca tan virulento , dado que estamos nunha comarca que multiplica por tres a súa poboación durante os meses de verán,   engadido a que durante o confinamento adiáronse moitas consultas , consideramos que se debe reforzar o persoal sanitario no número e lugares onde sexa necesario. Desde este colectivo condenamos públicamente a decisión do Sergas de non substituir as e os profesionais de atención primaria , constatándose a falta de substitución da pediatra que atende os concellos de Cervo e Xove desde hai catro meses, así como varios profesionais facultativos de Viveiro e a ausencia de facultativo de desplazados no centro de saúde de Barreiros. Do mesmo xeito rexeitamos as políticas sanitarias de “bloqueo informático” de camas no hospital da Mariña , nome que adoitan utilizar desde o Sergas para referirse ao peche encuberto de camas, que só conducen a agravar a precariedade tanto da asistencia como da contratación de persoal.

 

Para máis información chamar a a Montse Porteiro 615187637 ou a Víctor Vila  677343429