Presentación do Plan Director do Hospital da Costa

Sanidad |
Feijóo espera licitar a ampliación do Hospital neste ano
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a ampliación fará realidade un Hospital da Costa máis moderno e accesible para os pacientes e para os profesionais, con máis camas, un novo espazo ambulatorio e un hospital de día médico. “Será un hospital máis cómodo para traballar e para asistencia sanitaria; máis grande e con maior confort e máis accesible”, asegurou.
Durante o acto de presentación do Plan director do hospital, Feijóo explicou máis polo miúdo que: na área de hospitalización, crearanse 24 novas habitacións e remodelaranse outras 30; na área de consultas externas, construirase un novo espazo ambulatorio que deixará espazo libre para futuras actuacións no centro; na área ambulatoria estableceranse novos gabinetes de exploración e unha nova sala de cirurxía menor; e, crearase un hospital de día médico para complementar o cirúrxico e o de diálise.
“En definitiva imos licitar esta ampliación este ano 2015, cun investimento inicial de 14 millóns de euros”, dixo, co obxectivo de acadar un Hospital da Costa que prestará unha mellor atención aos seus pacientes e que será un lugar de traballo máis agradable para os seus profesionais.
Feijóo aseverou que a Sanidade pública ao servizo do paciente é a máxima do Servizo galego de Saúde e dos xestores públicos. E, neste sentido, referiuse á evolución deste Hospital Público da Costa desde o ano 2009 como proba disto: mellorando a súa xestión coa unificación da súa intranet, implantando o sistema de triaxe Manchester para priorizar as doenzas dos pacientes e optimizar así recursos prestando a mellor atención e poñendo en marcha o servizo de hospitalización a domicilio. Renovando a tecnoloxía a través da adquisición de novo equipamento para o servizo de uroloxía, mellorando a dotación da unidade de endoscopias dixestivas e instalando caldeiras de biomasa para un aforro enerxético. E investindo en novas infraestruturas, coa posta en marcha do hospital de día onco-hematolóxico.

Compromiso e traballo dos profesionais do Sergas
Logo de salientar que estas obras de mellora compleméntanse coa mellora dos centros de atención primaria de Mondoñedo, Ribadeo, Xove e O Valadouro, Feijóo destacou o compromiso e o traballo dos profesionais do Sergas que fixeron posible que desde 2009 ata o 2014, no Hospital da Costa: a espera cirúrxica global se reducise un 40%, pasando de case 100 días a menos de 60; e que os tempos de espera para os pacientes de prioridade 1 pasasen de oito a seis días, e para os de prioridade 2 de 60 días a 32. As intervencións cirúrxicas en xornada ordinaria creceron un 35%. Na área de xestión integrada no seu conxunto fixéronse un 65% máis de intervencións nas horas habituais de traballo e, as consultas hospitalarias en xornada ordinaria medraron en máis dun 10%, pasando de 100.000 a 112.000.
Feijóo concluíu a súa intervención incidindo nos dous retos durante a crise económica: garantir o Servizo Público de Saúde fronte á recesión e, adicionalmente, se era posible, modernizalo, axilizalo, melloralo e amplialo. Sobre este segundo aspecto, referiuse á Lei de Garantías Sanitarias: “sen ir máis lonxe a semana pasada aprobamos o decreto que desenvolve o dereito a unha segunda opinión médica e aprobaremos nas próximas semanas o decreto da liberdade de elección de centro, de médico, de pediatra e de enfermaría”. E na mesma liña, á renovación tecnolóxica sanitaria do Sergas, por un valor de 88 millóns de euros.
O presidente da Xunta finalizou facendo fincapé en que, ademais de dar máis dereitos aos pacientes e de mellorar a tecnoloxía sanitaria. ”O obxectivo é que en 2016 o 70% dos galegos conten na súa área sanitaria cun centro sanitario novo ou renovado”.