O BNG DE BARREIROS SOLICITARÁ UN ESTUDO E A SOLUCIÓN INMEDIATA PARA O SANEAMENTO EN BARREIROS

TUBO AUGA DEPURADAA formación nacionalista vén de realizar unha rolda de reunións en todas as parroquias nas que tomaron parte preto de 200 persoas que amosaron a súa preocupación pola situación do concello.

Barreiros, 19 de marzo de 2015.  Tras dous meses nos que o BNG en Barreiros realizou unha decena de reunións coa veciñanza nas distintas parroquias, a valoración que trasladan desde a formación é “moi positiva”. Sinalan que “o ambiente nas reunións foi estupendo e tomaron parte nelas preto de 200 persoas que trasladaron queixas, necesidades e propostas. A idea compartida en todas elas  foi a sensación xeral de estar nun concello paralizado, sen plans de futuro e a necesidade dun cambio de rumbo urxente para evitar o colapso municipal”, aseguran.

A portavoz municipal, Ana Ermida, agradeceu a participación das veciñas e veciños e asegurou que “nestas reunións saíron propostas moi interesantes que, desde o BNG trasladaremos ao concello e que teremos en conta á hora da elaboración do programa electoral. As cuestións máis demandadas son o arranxo das vías municipais e a atención aos servizos básicos, como o abastecemento de auga ou o saneamento; incluso o funcionamento do servizo de axuda no fogar.”

Neste sentido, desde o BNG solicitarán do goberno do Partido Popular que se realice un estudo serio e rigoroso da situación actual das redes tanto de abastecemento de auga como de saneamento da todo o concello, incluíndo tamén as catro parroquias non costeiras que non teñen un só metro de rede de sumidoiros. A portavoz municipal afirma que “é urxente completar o saneamento nas parroquias que o teñen iniciado e que nas que aínda hai zonas sen este servizo, pero é tanto ou máis urxente dotar o interior do concello dunha rede de sumidoiros que iguale ás veciñas e veciños que viven nas parroquias non costeiras.”

Ademais, desde o BNG volven a poñer o punto de atención no funcionamento das depuradoras existentes. “É unha vergoña ver como as estacións depuradoras que hai neste concello soltan a auga igual que a collen, nunha porcentaxe altísima sen ningún tipo de depuración”, afirma a portavoz. Poñen como exemplo a depuradora de San Cosme, que está situada no Xuncal. Explican desde o BNG que “a estación ten dous tubos: un deles polo que sae auga depurada que, a xulgar pola cantidade, probablemente non supere o 10%. E outro polo que sae a auga directamente, do mesmo xeito que entra na depuradora, co que isto supón para a saúde pública e o medio ambiente.”

Por isto, o BNG solicitará do goberno municipal, tal e como xa trasladou nunha moción no pleno de xaneiro que o Partido Popular se negou a tratar, que se realice con urxencia un estudo detallado da situación da rede existente, das estacións depuradoras e do seu funcionamento e das necesidades das parroquias onde carecen do servizo, así como que se negocie coa Xunta de Galiza para poder afrontar estas actuacións o antes posible.