O BNG CONVOCA UN ACTO LÚDICO-REIVINDICATIVO NA DEFENSA DO SERVIZO DE PEDIATRÍA EN BARREIROS

O BNG CONVOCA UN ACTO LÚDICO-REIVINDICATIVO NA DEFENSA DO SERVIZO DE PEDIATRÍA EN BARREIROS

O acto será o domingo 27 de xaneiro, ás 12 da mañá en San Cosme, e contará con actuacións dirixidas ás e aos menores.

“A situación actual e a falta de resposta efectiva por parte do SERGAS require de mobilización social para forzar que sexan atendidas as necesidades de nenas e nenos”, asegura Ana Ermida.

Barreiros, 18 de xaneiro de 2019. O BNG convoca ás veciñas e veciños de Barreiros a un acto que terá lugar o domingo 27 de xaneiro, ás 12 da mañá, para reivindicar e defender o servizo de pediatría en Barreiros.

Desde o BNG sinalan que “coa situación que se está producindo no servizo de pediatría no noso concello, onde sistematicamente o SERGAS deixa sen cubrir a praza nos casos de permisos da profesional, é fundamental que a veciñanza se mobilice e que as persoas afectadas ou preocupadas polo continuo deterioro da sanidade no centro de saúde de San Cosme fagan oír as súas queixas publicamente para amosar que a reivindicación é masiva e uniforme.”

A portavoz municipal do BNG, Ana Ermida, explica que este acto, que se desenvolverá na praza do Concello se o tempo o permite, contará con espectáculos para as nenas e nenos para que nel poida participar todo o mundo. “Queremos que sexa unha actividade familiar, á que poidan acudir as nenas e nenos, nais e pais, avós e avoas… e calquera persoa que queira defender que os servizos sanitarios que se presten en Barreiros sexan propios do século XXI”, afirma.

“Pretendemos que a reivindicación estea acompañada de diversión para as máis pequenas, porque non podemos esquecer que as nenas e nenos son o futuro deste concello e deste País. E deixalos sen atención pediátrica é, ademais dun acto de inxustiza con respecto aos que residen noutros lugares, un acto de desconsideración e de falta de humanidade, xa que se está a poñer en perigo o máis sensible das vidas de calquera persoa.”

No acto haberá actuacións musicais e actividades de entretemento e “tratarase de visibilizar e dimensionar esta problemática para que chegue a oídos e lle saque as cores a quen é responsable da situación”, afirma Ana Ermida