O ALCALDE DE BARREIROS DIRÍXESE Á XUNTA PARA PEDIRLLE QUE CUBRA DE INMEDIATO AS BAIXAS MÉDICAS QUE SE PRODUCEN NO CENTRO DE SAÚDE

O ALCALDE DE BARREIROS DIRÍXESE Á XUNTA PARA PEDIRLLE QUE CUBRA DE INMEDIATO AS BAIXAS MÉDICAS QUE SE PRODUCEN NO CENTRO DE SAÚDE. ALFONSO FUENTE ALUDE AO MALESTAR XERADO POLA AUSENCIA DO PEDIATRA.

Barreiros, 18 de xaneiro de 2019. O alcalde, Alfonso Fuente, ven de enviarlle unha carta á Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta para que cubra de forma inmediata as baixas médicas que se produzan no centro de saúde da localidade. O rexedor refírese ao malestar xerado pola ausencia de pediatra, xa que “ocasiona retrasos nas vacinas, na atención e nos tratamentos que precisan nenas e nenos deste concello”.

Alfonso Fuente contou que “ante a situación que está a pasar no centro médico onde non se está a cubrir a baixa do pediatra e ante a incertidume por parte dos pais dos nenos que necesitan atención pediátrica, desde o Concello o que fixemos foi dirixir unha carta ao director xeral pedíndolle que se cubran esas baixas de inmediato, porque non se está atendendo o calendario de vacinas e cremos que é importante que se faga así”.

O alcalde dixo que “é un servizo que xa o temos nunha serie de días á semana e o que pedimos é que se cubra esa baixa, que se atenda de inmediato. Somos conscientes ás veces dos inconvenientes que xorden para encontrar pediatras, pero tamén pedimos que non queremos ser eses cidadáns de segunda e poder ter esa atención con normalidade”.

Fuente Parga engadiu que “hai pais que están decidindo levar aos nenos ao médico de cabeceira e autorizando os médicos de cabeceira a colocar esas vacinas, que se están poñendo por parte dos ATS do centro médico. Polo tanto aínda que esta situación poida ser temporal, o que pedimos é que se cubra esa praza canto antes. Eu creo que a forma de facelo é desde institucións como é o Concello, dirixirse por escrito ao director xeral para que atenda esta situación”.

Carta enviada Direccion Xeral de Saude Publica

COPIA DIRECCIÓN XERAL DE SAUDE PÚBLICA
Edificio Administrativo de San Lázaro
15781 Santiago de Compostela
Estimado Director Xeral:
Poñome en contacto con vostede para facerlle partícipe da situación que está a acontecer no Centro de Saude deste concello de Barreiros en relación, principalmente, coa praza de pediatra.
En ocasións anteriores, e actualmente estase a repetir, cando a persoa que ocupa dita praza de pediatra se atópa de baixa, non se produce unha sustitución da mesma e o servizo pediátrico deixa de prestarse de forma indeterminada. Esto ocasiona moitos
trastornos ás veciñas e veciños deste concello xa que se producen retrasos nas vacinas, na atención e nos tratamentos das nenas e nenos, sen que exista unha alternativa para os mesmos.
Dado o malestar xeral que esta circunstancia ocasiona é polo que se SOLICITA que, no caso de producirse estas baixas do persoal médico (que en moitas ocasións son de longa duración), a praza se cubra de forma inmediata para evitar que o servizo quede desatendido.
Quedo á súa disposición para calquera aclaración ou información adicional que poda precisar para tratar este asunto.
Cordialmente,
Barreiros, 18 de xaneiro de 2019.
Jose Alfonso Fuente Parga
Alcalde do Concello de Barreiros
ASINADO DIXITALMENTE Á MARXE