O CONCELLO ESTARÁ A CARÓN DOS GANDEIROS, UNHA VEZ MÁIS, SEGUNDO ASEGUROU HOXE O ALCALDE

O CONCELLO ESTARÁ A CARÓN DOS GANDEIROS, UNHA VEZ MÁIS, SEGUNDO ASEGUROU HOXE O ALCALDE. FUENTE PARGA DIXO QUE AXUDARÁ A CUSTEAR O AUTOBÚS NO QUE SE DESPRAZARÁN A SANTIAGO OS  BARREIRENSES PARA PARTICIPAR NA MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DO SECTOR LÁCTEO.

Barreiros, 15 de xullo de 2015. O Concello colaborará, ao igual que xa fixo noutras ocasións, co Sindicato Labrego Galego axudando a custear un autobús para que os barreirenses poidan viaxar a Santiago o 17 de xullo a participar na manifestación en defensa do sector lácteo. Así o deu a coñecer esta mañá o alcalde, Alfonso Fuente.

O rexedor explicou que “hoxe pola mañá púxenme en contacto con Toño Villarino, do Sindicato Labrego Galego, precisamente porque nestes días vendo a mobilización do sector gandeiro que haberá o día 17 en Santiago, como noutras ocasión se tiñan dirixido ao Concello para solicitar o apoio para costear autobuses, chameino para dicirlle que contará con nós, coma sempre, como noutras ocasións, cando incluso acompañamos aos gandeiros a Madrid a manifestarse. E neste caso, como non podía ser doutra maneira, dado que é un sector moi importante no noso municipio, o Concello de Barreiros vai estar ao lado deles”.

Fuente Parga subliñou que “é un sector que está atravesando un momento difícil e pedimos enerxicamente á Xunta de Galicia que faga todo o que estea na súa man para que, xunto co Ministerio, se poida solucionar este problema, que é grave e está afectando a moitos veciños e veciñas do noso concello”.