O BNG PROPÓN QUE O CONCELLO HABILITE UN LOCAL PÚBLICO PARA PEQUENAS EMPRESAS E PERSOAS AUTÓNOMAS EN BARREIROS

O BNG PROPÓN QUE O CONCELLO HABILITE UN LOCAL PÚBLICO PARA PEQUENAS EMPRESAS E PERSOAS AUTÓNOMAS EN BARREIROS

A cabeza de lista do Bloque, Ana Ermida, acusa ao candidato do PP de “vender fume co polígono industrial antes das eleccións” e pregunta “se hai algún interese persoal nesta operación con unha empresa do  sector do transporte?”

A candidata nacionalista continúa visitando aos veciños e veciñas de todas as parroquias e afirma que “se o alcalde non sabe ou non quere atender o Concello que deixe o posto e se centre nos seus negocios privados, que son dos realmente se ocupa”

Barreiros, 14 de maio de 2015.-  O BNG de Barreiros propón no seu programa medidas de axuda a persoas autónomas e pequenas empresas, entre as que se inclúe a adecuación dun local municipal como local de oficinas, “facilitando o asentamento de empresas en Barreiros e axudando ao tecido que xa existe no concello.”

A candidata do BNG á alcaldía de Barreiros, Ana Ermida, asegura que “o concello debe servir para axudar ás veciñas e veciños e, neste caso, ás persoas autónomas ou pequenas empresas. O que non pode ser é outro problema máis, como está sendo actualmente, acumulando meses de retraso nos pagos.”

O BNG- Asembleas Abertas propón tamén aproveitar e apoiar aos sectores produtivos do concello, como o forestal, o gandeiro ou o marisqueiro. Neste sentido, a formación nacionalista propón unha oficina de asesoramento para estes sectores na que poder informarse e formarse con apoio técnico.

“Destas cuestións é das que ten que preocuparse un goberno municipal e non de atender máis aos seus negocios privados que ás necesidades da veciñanza. A xente sabe que en Barreiros é máis fácil atopar a Alfonso Fuente na xestoría que ten ao lado do concello ou recorrendo casas para buscar clientes que no despacho do concello ou recorrendo casas preocupándose polos problemas das veciñas e veciños”, aseguran.

A candidata do Bloque, que segue recorrendo as distintas parroquias do concello e reuníndose cos veciños e veciñas, afirma que “se Alfonso Fuente non sabe ou non quere atender o Concello, o mellor que pode facer é deixar o posto e centrarse nos seus negocios privados, que son realmente os que lle preocupan”. Ana Ermida acusa a Fuente Parga de “mirar só por si e non polo interese xeral do Concello nin polo dos veciños e veciñas”.

Por iso, Ana Ermida invita a todas as persoas que votaron ao Partido Popular nas últimas eleccións a “reflexionar” sobre “se este é o tipo de alcalde que queren para Barreiros, un alcalde que só mira por sí e os seus negocios sen importarle para nada os veciños e veciñas”.

Onde se vai instalar a empresa vasca?

A candidata do Bloque acusa tamén a Fuente Parga de “vender fume antes das eleccións co polígono industrial” e pregúntalle “en que parcela do polígono se vai instalar a empresa vasca que anunciou porque segundo os datos de Xestur, no polígono de Barreiros só quedan dispoñibles 6 parcelas salteadas e de pequenas dimensións, polo que parece pouco probable que nelas se poida instalar un gran grupo loxístico, como tentou vender o alcalde”. O BNG pregunta tamén polo saneamento do polígono e o funcionamento da depuradora, xa que “a primeira obriga do Concello é ter un polígono con todos os servizos para poder promocionalo.”

Ana Ermida lembra que hai catro anos Fuente Parga anunciou para o polígono “unha empresa sueca da que nada máis se soubo” e teme que desta volta aconteza o mesmo unha vez pasadas as eleccións. En todo caso, pregúntalle ao alcalde “se existe algún interese ou relación persoal ou familiar con esta empresa relacionada co sector do transporte?”.

O BNG segue recorrendo as parroquias e reuníndose cos veciños e veciñas

O Bloque Nacionalista Barreiros está a desenvolver unha campaña electoral “moi intensa” en Barreiros na que está a participar a candidata á alcaldía, Ana Ermida, o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, e toda a candidatura. Os nacionalistas están a percorrer estes días parroquia a parroquia para reunirse cos veciños e veciñas. Onte estiveron en San Pedro de Benquerencia, hoxe estarán en San Miguel de Reinante e o domingo estarán en Celeiro de Mariñaos, onde o Bloque organiza un acto público con xantar e música.

Mañá venres, o BNG de Barreiros reúnese no centro social Manuel Díaz Sampedro de San Cosme con asociacións para lles presentar as súas propostas para o Concello e responder ás súas preguntas. Este acto, ao que están convocadas todas as asociacións do Concello, ten lugar despois de que o alcalde se negara a acudir a un debate solicitado e organizado por 23 asociacións do concello para coñecer de primeira man as propostas das tres formacións políticas que se presentan ás eleccións o día 24. Ana Ermida di que negándose a acudir ao debate, Fuente Parga demostrou a súa “cobardía”. “Non se atreve a debater co Bloque”, afirma.

IMG_5125

(NOTA: FOTOGRAFÍA DO ACTO DO BNG ONTE EN SAN PEDRO DE BENQUERENCIA)