MOBILIZACIÓN DO SECTOR LEITEIRO

O BNG DE BARREIROS SOLICITA QUE O CONCELLO APOIE A MOBILIZACIÓN DO SECTOR LEITEIRO E FACILITE AUTOBUSES PARA ACUDIR A COMPOSTELA

Barreiros, 15 de xullo de 2015. O grupo municipal do BNG en Barreiros vén de rexistrar un escrito no concello solicitando a implicación da institución municipal na loita das gandeiras e gandeiros produtores de leite que están atravesando un dos peores momentos no seu traballo. O grupo nacionalista considera que “o sector gandeiro e leiteiro é crucial no noso concello e as institucións, e neste caso a municipal, por ser a máis achegada á xente, debe poñerse do lado das veciñas e dos veciños cando se trata de defender os seus intereses e o seu traballo.”

Desde o BNG solicitan que, unha vez acordado por todas as forzas con representación na corporación, o Concello de Barreiros emita unha declaración de toda a corporación apoiando e defendendo ao sector leiteiro galego.

A formación nacionalista pide que “o concello de Barreiros manifeste publicamente o seu compromiso coa defensa do sector lácteo, co dereito a producir dos e das gandeiras galegas, coa garantía da recollida do leite a uns prezos xustos en orixe, para asegurar a permanencia e recuperación dun sector vital para a economía do noso Concello.”

Neste sentido, consideran que a entidade municipal debe facilitar o transporte das persoas que desexen acudir á mobilización que o sector convoca para este venres en Compostela, polo que instan ao concello a poñer á súa disposición os medios de transporte que sexan precisos.

A portavoz municipal, Ana Ermida, sinala que “nesta campaña 2014-2015 en Barreiros figuran 57 explotacións con cota, supoñendo aínda unha parte fundamental da economía do concello; a pesar de que cada vez máis explotacións se vén abocadas ao peche, co que iso supón de abandono do rural e perda de dinamismo na economía local.”

“É fundamental implicarse na defensa dun sector vital para o País e para Barreiros: un sector que ten soportado a economía municipal e segue a ser sustento principal de moitas familias barreirenses, a pesar dos continuos problemas cos que se atopan como consecuencia dunhas políticas deseñadas para primar outras producións e outras zonas”, aseguran.

Por esta razón, desde o BNG fan un chamamento para apoiar as mobilizacións do sector, a comezar pola deste mesmo venres, ás 12, en Compostela.