Ampliación do Hospital de Burela

Preséntanse 11 ofertas ao concurso público para a redacción do proxecto e execución das obras de ampliación do Hospital de Burela

A empresa adxudicataria terá un prazo de 3 meses para elaborar o proxecto e de 28 meses para acometer as obras

O orzamento total desta actuación é de 12,8 millóns de euros

Os traballos consistirán na ampliación nun 30% da superficie actual e deberán acometerse de forma compatible co funcionamento de todas as áreas actuais e garantindo a integración estética co edificio existente

Santiago, 23 de novembro de 2015.- O período de presentación de ofertas do concurso público para redacción do proxecto e a execución das obras da primeira fase de ampliación e mellora do Hospital da Costa de Burela, rematou coa presentación de 11 propostas recibidas. Tal e como se recolle no prego, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) establece un prazo de 3 meses para a redacción do proxecto e de 28 meses para a execución das obras.

O concurso público, aprobado polo Consello da Xunta no mes de setembro, conta cun orzamento de 12,8 millóns de euros.

A ampliación e reforma que se levará a cabo no complexo hospitalario de referencia na Mariña lucense permitirá a reorganización dos espazos do centro e da zona ambulatoria, que non está adaptada na actualidade ás necesidades dos pacientes e dos profesionais.

As obras, que serán executadas pola AXI, supoñen o desenvolvemento do plan director elaborado polo Servizo Galego de Saúde para este centro hospitalario, que ten unha antigüidade superior aos 30 anos. Os traballos suporán un incremento do 30% da superficie actual do centro e levaranse a cabo de forma compatible co funcionamento de todas as áreas actuais, así como garantindo a integración estética da nova construción co edificio xa existente.

A actuación suporá melloras substanciais na atención sanitaria nesta zona. Así, na área de hospitalización practicamente se duplicará o espazo, dos case 2.800 m² actuais a máis de 4.500, o que mellorará a confortabilidade dos pacientes e mellorará circulacións e o traballo dos profesionais.

Na área de consultas externas construirase unha nova zona ambulatoria que deixará espazo libre para futuras actuacións no centro; na área ambulatoria estableceranse novos gabinetes de exploración e unha nova sala de cirurxía menor e crearase un hospital de día médico para complementar o cirúrxico e o de diálise.

A ampliación permitirá contar con 6.000 m² máis de superficie construída sobre os 17.600 m² existentes, para o que se construirá un novo pavillón en forma de “L” con catro plantas na parte máis longa e dúas na parte máis curta.