ABARROTE DE PÚBLICO NO CONCERTO DE DESPEDIDA DO EIDO DOURADO

ABARROTE DE PÚBLICO NO CONCERTO DE DESPEDIDA DO EIDO DOURADO. ARREDOR DE 400 PERSOAS SE DERON CITA A CARÓN DA PRAIA DA PASADA PARA ESCOITAR Á BANDA DA LOBA E PARA ACOMPAÑAR AO PROMOTOR DESTE ESPAZO DEDICADO AO ARTE, QUE TRAS DEZ ANOS DE ACTIVIDADE PECHA AS SÚAS PORTAS.

Barreiros, 20 de agosto de 2018. Arredor de 400 persoas asistiron onte ao último concerto no Eido Dourado. A velada estivo protagonizada pola Banda da Loba e pola carta de despedida deste espazo dedicado ao arte á que lle deu lectura Xiana Lastra, unha das compoñentes deste grupo.

O artista barreirense Celso Dourado explicou que “o concerto de onte foi o máis numeroso dos que se celebraron ao longo destes 10 anos no Eido Dourado. Contamos cunhas 400 persoas. Os xardíns quedáronse pequenos para acoller a todo o público que nos acompañou, incluso houbo xente que seguiu o concerto desde a estrada. A noite foi espléndida e o concerto que ofreceu a Banda da Loba unha auténtica loucura”.

Antes do remate do concerto Xiana Lastra deu lectura á carta de despedida do Eido Dourado, escrita polo seu promotor, Celso Dourado, que remataba así: “desexamos que a semente plantada ao carón da praia da Pasada agrome con forza nalgún lugar non lonxe de aquí, que pervivan en nós as lembranzas deste espazo máxico cheo de creación e de vida, onde cando menos procuramos facer as cousas ben, con poucos medios e altas pretensións. Finalmente, unha vez máis, como non podería ser doutra maneira, apertas e resistencia sempre”.

Xa hai uns días, cando se presentou o concerto da Banda da Loba, Celso Dourado deixou clara a súa postura: “o espírito do Eido Dourado espero seguir manténdoo, case con total seguridade, salvo que cambien moito as cousas, fora de Barreiros”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *