Archivo de la categoría: Folclore

O Arco da Vella abre paso aos nenos no Emigrante porque «o futuro son eles»

O Arco da Vella abre paso aos nenos no Emigrante porque «o futuro son eles»

Tres nenos debutarán como gaiteiros e un como bailarín no festival que acollerá hoxe o campo das Valgas, en Barreiros

CEDIDA
LUCÍA REY 
BARREIROS / LA VOZ 

«Os nenos teñen que ir incorporándose ao grupo dos maiores para ir pillando experiencia e pensando que o futuro son eles». Tal e como explica o seu presidente, Enrique Penabad, con esa filosofía prepara a Asociación Folclórica O Arco da Vella o Festival Folclórico Internacional do Emigrante, declarado de Interese Turístico de Galicia, e que se celebrará o sábado pola noite no campo de fútbol das Valgas, en San Miguel de Reinante, Barreiros. A partir das dez da noite, catro agrupacións folclóricas amosarán ao público músicas e danzas propias das súas terras, que teñen un gran valor cultural. Dese relevo xeneracional formarán parte nesta ocasión catro nenos e nenas. Tres deles debutarán ante o público tocando a gaita, mentres que un estrearase como bailarín. «Queremos darlle cancha a xente nova, que O Arco da Vella vaia renovándose pouco a pouco, así que por primeira vez no grupo dos gaiteiros van actuar tres nenos e nenas. Era importante que se integraran xa nas actuacións», recalca Penabad.

Ao redor de 25 persoas

En torno a 25 ou 26 membros da agrupación folclórica barreirense subirán esta noite ao escenario para interpretar pezas clásicas do seu repertorio, ademais dalgunha nova. É o caso dunha «carballesa» de Folgoso do Courel. No apartado da danza tamén haberá novidades. «Este ano tamén metemos a un cativo a bailar por primeira vez, facémoslle debutar tamén», comenta o presidente do colectivo que leva preto de catro décadas organizando un dos encontros culturais máis esperados do verán na Mariña.

Son días de moito traballo para que todo estea a punto cando comece o festival, como sinala Penabad. «Desde O Arco da Vella estamos coma sempre, tratando de traballar todos estes días e sabendo que aínda que vas chegar ao festival cansado vas ofrecer todo o mellor para o público», destaca.

Actuarán agrupacións folclóricas de Canarias (El Moral), Rusia (Song Dance Belgorie) e Tahití (Hei Show)

As culturas locais e internacionais misturaránse esta noite no Festival Folclórico Internacional do Emigrante de Barreiros, que chegará á súa trixésimo oitava edición pletórico de vida. Os centos de mariñáns e visitantes que se reúnan hoxe no campo de fútbol de San Miguel de Reinante poderán gozar das danzas e músicas de catro agrupacións folclóricas de moitísimo nivel. «Sempre tratamos de pensar no público asistente», subliña o director de O Arco da Vella, Enrique Penabad. En detalle, actuará en Barreiros a Agrupación Folclórica El Moral, de La Laguna (Tenerife), en Canarias, que no abano de ritmos e movementos que ofrece inclúe pezas do estilo das de Los Sabandeños.

Exotismo e folclore forte

A parte máis exótica chegará da man do grupo Hei Show Tamure, de Tahití. Finalmente, «a parte máis movida, máis atlética», será ofrecida polo grupo ruso Song Dance Belgorie. «É un tipo de folclore moi forte», comenta Penabad.

«É un orgullo situar a Barreiros desde o noso folclore no mapa, con grupos como o de Tahití»

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destaca que, logo de tantos anos, os veciños asumen «como algo moi propio» o Festival do Emigrante. «A xente está moi implicada e moi orgullosa del, e aí está a clave do éxito», subliña.

-Que supón para Barreiros esta celebración?

-Significa situar a Barreiros desde o noso folclore no mapa, con grupos como o de Tahití. É un pulo para Barreiros moi importante. É moi fermoso ver o teu folclore rodeado doutros folclores internacionais tan distintos. Esa é a capacidade que ten facer un evento deste tipo, e por iso quero felicitar a toda a xente que o fai posible.

-Participou algunha vez no festival?

-Eu bailaba cando era pequena, no grupo infantil, aínda que nunca cheguei a participar no festival. Practicamente todas as persoas de Barreiros pasaron por O Arco da Vella.

Foliada, empanada e bolos preñados animaron onte a noite na Praza do Souto

Desde que o festival do emigrante de Barreiros foi declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, O Arco da Vella organiza na véspera unha animada foliada. Ducias de persoas desprazáronse onte ata a Praza do Souto para compartir un tempo de música tradicional no que tamén houbo espazo para a gastronomía, posto que os asistentes puideron degustar empanada galega e bolos preñados, entre outros. Ademais de membros, colaboradores e simpatizantes do grupo organizador, estaba prevista a participación de pandereteiras de Ribadeo, de membros do grupo Os do 21, de O Vicedo, ou de agrupacións folclóricas de distintos lugares do entorno, como San Tirso de Abres. Tamén que se achegasen ata a Praza do Souto integrantes do grupo canario que participará hoxe no festival, cos que compartir un tempo de goce e intercambio de experiencias.

A Xunta apoia unha nova edición do Festival Internacional do Emigrante, cita de interese turístico galego que se celebra este sábado en Barreiros

Lugo, 01 de agosto de 2019.- A Xunta de Galicia apoia unha nova edición do Festival Folclórico Internacional do Emigrante, cita declarada de interese turístico galego que se celebra este sábado na localidade lucense de San Miguel de Reinante, no concello lugués de Barreiros.

A presentación do cartel contou coa presenza do delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro, quen gabou o esforzo que desenvolve a asociación O Arco da Vella que, desde 1980, promove este evento en colaboración co Concello.

Nesta ocasión a cita coas mellores músicas folclóricas do mundo terá lugar a partir das 22 horas no recinto do campo de fútbol das Valgas, salvo que as condicións climatolóxicas sexan adversas, nese caso, trasladarase ata o pavillón de San Miguel.

O festival presenta este ano un cartel especialmente salientable que incluirá as actuacións da asociación folclórica El Moral de San Miguel de Geneto, La Laguna (Canarias), Song and Dance Belgorie de Rusía, Hei Show Tamure de Tahití ademais da intervención da banda anfitrioa.

Trixésimo oitava edición
Este evento forma parte das citas de interese turístico galego desde o ano 2007 e nesta ocasión celebra a súa trixésimo oitava edición. Sempre destacou por acoller grupos de danza e música folclórica de todos os continentes así como doutras comunidades.

“Falamos dun festival singular, especialmente arraigado na localidade e cun valor cultural extraordinario capaz de atraer a miles de veciños e visitantes, cada ano, o primeiro sábado de agosto“-dixo Balseiro. A Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración con Abanca, apoia esta iniciativa cunha achega de 4.500 euros.

Por outra banda dentro deste mesmo cartel a asociación promotora organizará a IX Foliada do Emigrante, neste caso a celebración deste evento terá lugar o venres 2 de agosto a partir das 21,30 horas na praza do Souto. Trátase dun encontro festivo que serve de antesala ou como benvida aos participantes e ás persoas que ao día seguinte gozarán co encontro internacional.

ABARROTE DE PÚBLICO NO CONCERTO DE DESPEDIDA DO EIDO DOURADO

ABARROTE DE PÚBLICO NO CONCERTO DE DESPEDIDA DO EIDO DOURADO. ARREDOR DE 400 PERSOAS SE DERON CITA A CARÓN DA PRAIA DA PASADA PARA ESCOITAR Á BANDA DA LOBA E PARA ACOMPAÑAR AO PROMOTOR DESTE ESPAZO DEDICADO AO ARTE, QUE TRAS DEZ ANOS DE ACTIVIDADE PECHA AS SÚAS PORTAS.

Barreiros, 20 de agosto de 2018. Arredor de 400 persoas asistiron onte ao último concerto no Eido Dourado. A velada estivo protagonizada pola Banda da Loba e pola carta de despedida deste espazo dedicado ao arte á que lle deu lectura Xiana Lastra, unha das compoñentes deste grupo.

O artista barreirense Celso Dourado explicou que “o concerto de onte foi o máis numeroso dos que se celebraron ao longo destes 10 anos no Eido Dourado. Contamos cunhas 400 persoas. Os xardíns quedáronse pequenos para acoller a todo o público que nos acompañou, incluso houbo xente que seguiu o concerto desde a estrada. A noite foi espléndida e o concerto que ofreceu a Banda da Loba unha auténtica loucura”.

Antes do remate do concerto Xiana Lastra deu lectura á carta de despedida do Eido Dourado, escrita polo seu promotor, Celso Dourado, que remataba así: “desexamos que a semente plantada ao carón da praia da Pasada agrome con forza nalgún lugar non lonxe de aquí, que pervivan en nós as lembranzas deste espazo máxico cheo de creación e de vida, onde cando menos procuramos facer as cousas ben, con poucos medios e altas pretensións. Finalmente, unha vez máis, como non podería ser doutra maneira, apertas e resistencia sempre”.

Xa hai uns días, cando se presentou o concerto da Banda da Loba, Celso Dourado deixou clara a súa postura: “o espírito do Eido Dourado espero seguir manténdoo, case con total seguridade, salvo que cambien moito as cousas, fora de Barreiros”.

Bailarei mentres o corpo aguante

«Bailarei mentres o corpo aguante»

Sinala que conserva dende hai 37 anos os mesmos traxes galegos de gala e faena

PEPA LOSADA
YOLANDA GARCÍA 
BARREIROS / LA VOZ 

A pasada fin de semana o folclore galego e doutros recunchos do planeta foi protagonista na Mariña, non so coa Mostra de Viveiro. Tamén contribuíu, nesa tarefa de conservar e espallar as tradicións máis fondas e populares, o Festival do Emigrante, outro clásico que ofrece cada verán a Agrupación Folclórica O Arco da Vella de San Miguel de Reinante (Barreiros). Polo de agora, so coñeceu un presidente, Enrique Penabad, na formación dende que nacía esta alá polo ano 1980.

-Así que anda por Andalucía. Como está por aí a temperatura?

-40 graos cando vimos, e non era o día máis caluroso… ¡40!

-Terá morriña, seguro, deste fresco verán mariñano…

-Non, eu necesito unha semana enteira de sol. En San Miguel xa nos barruzou ao empezar o festival e presentar Orriols, logo parou e quedou unha noite espléndida.

-Vendo actuar a grupos folclóricos con ola de calor parece que sube máis a temperatura. Os traxes non son nada lixeiros. Deben suar a gota gorda…

-Si, sobre todo as mulleres, pois o traxe delas ten moitas pezas. Os homes levamos calzón (as cirolas) que é de fío e fresco e por enriba o pantalón. O meu é de lá pura que me fixo unha señora de Figueiras. Pica un pouquiño. Ela fixo todo o proceso de cortarlle o pelo ás ovellas, cardar e fiar. As mulleres levan medias, pololos, enaguas (nalgún baile dúas) e se a falda é de paño… Dios mío! Hai grupos que veñen como os cosacos rusos con traxes que pican que aquilo mete medo e son traxes gordos. Os de Sibeira teñen un verán moi caluroso e veñen coa roupa de verán.

-Falando de grupos, dos internacionais, o libro de anécdotas do Emigrante será grande.

-Lembro sobre todo as do primeiro grupo de Siberia que tivemos. Era de Minsk. Creo que hai 22 anos e chovía. Barruzaba bastante e non quixeron baixar do autobús. Estaban empeñados en que eu fora alí. Era para que eu vira que os zapatos que traían eran de cartón polo fondo e non bailaron. Pero ao día seguinte viñeron facer unha actuación so para nosoutros. Aínda hai unha segunda parte anecdótica (…) Cando acabaron montáronlles un comedor. De primeiro tiñan ensaladilla e de segundo carne asada con patacas fritas. Alguén preguntou se querían máis que levantaran o prato. Levantárono todos. Xa non quedaba carne asada, pero é que querían… máis patacas fritas! So comeron patacas fritas e Coca Cola.

-É un luxo contar con grupos que veñen de tan lonxe aquí.

-Estes circuitos son dunha calidade extraordinaria. E de entrada gratis. O Emigrante faise co esforzo da xente do Arco da Vella.

-Leva toda a vida no grupo.

-Teño dúas fillas pero en realidade teño tres, as miñas e O Arco da Vella. Empezou contigo, quixeches velo medrar, mellorar, superarse… pouco a pouco te vas especializando. Amañaron a primeira roupa entre miña nai e miña tía. Nos integrantes do primeiro grupo, os 18 cos que naceu O Arco da Vella, ía a miña familia enteira. Síntelo dunha maneira distinta. Eu son autodidacta dende o principio e fun aprendendo de todos. En San Miguel non había tradición nin de quen aprender.

-E seguirá bailando tamén…

-Mentres o corpo aguante.

-Conserva o primeiro traxe?

-Nunca tiven que cambiar de traxe, dende hai 37 anos.

GRUPOS DE TAILANDIA, SIBERIA E SERBIA PARTICIPARÁN, XUNTO AO ARCO DA VELLA, NO FESTIVAL FOLCLÓRICO INTERNACIONAL DO EMIGRANTE QUE SE CELEBRARÁ ESTE SÁBADO, 4 DE AGOSTO, EN SAN MIGUEL DE REINANTE

GRUPOS DE TAILANDIA, SIBERIA E SERBIA PARTICIPARÁN, XUNTO AO ARCO DA VELLA, NO FESTIVAL FOLCLÓRICO INTERNACIONAL DO EMIGRANTE QUE SE CELEBRARÁ ESTE SÁBADO, 4 DE AGOSTO, EN SAN MIGUEL DE REINANTE.

Barreiros, 2 de agosto de 2018. O XXXVII Festival Folclórico Internacional do Emigrante celebrarase este sábado, 4 de agosto, en San Miguel de Reinante. No evento participarán grupos de Tailandia, Siberia e Serbia, ademais do local Arco da Vella. Mañá, venres, terá lugar unha nova edición da Foliada na que a música tradicional galega será a protagonista. Aquí daranse cita as agrupacións Amado Lar, Amigos da Gaita e Arco da Vella. A presentación do evento tivo lugar este mediodía no Concello de Barreiros.

Enrique Penabad do Arco da Vella anunciou que “os actos comezan o venres, día 3, cunha foliada popular onde pode vir calquera a tocar, bailar e pasar un rato con nosoutros escoitando música tradicional. O normal é que a xente do Arco da Vella toque máis que os demais, pero vai vir xente de Amado Lar do Valadouro, xente de Amigos da Gaita de Ribadeo e se aparece alguén imprevisto por alí, que xa ten ocorrido, cunha gaita axudámoslle nós co tamboril para tocar algo tamén. Comeza sobre as nove e media da noite e ata que o corpo aguante”.

Penabad engadiu que “o Festival Folclórico é o sábado, día 4, a partir das dez da noite no campo de fútbol. Este ano contamos cun grupo de Tailandia, un grupo de Siberia e outro de Serbia ademais do Arco da Vella. Unha vez que remate o festival haberá unha verbena, na praza do Souto, co grupo Lecer. Son dúas cousas complementarias, tanto a foliada como o festival. A idea orixinal sempre foi o Festival Folclórico, onde se procura traerlle aos espectadores folclore de distintas partes do mundo e de España, sempre se aprenden cousas vendo a estes grupos, na maneira de vestir, complementos e tipos de instrumentos. O complemento está na foliada que é única e exclusivamente con música tradicional, xa non hai esa obrigatoriedade de vestir o traxe tradicional senón un pouco máis por libre, pero sempre escoitar música con gaitas, pandereteiras, e calquera tipo de cantigas tradicionais de Galicia. Á xente que lle guste a música pode pasar o venres e o sábado disfrutando dela, non só como espectador senón participando na foliada, pode bailar e tocar, aínda que no festival sexa vir a ver o espectáculo”.

O alcalde, Alfonso Fuente, animou “a todos os amantes da música e do folclore a achegarse esta fin de semana por San Miguel de Reinante”.

Desde o Concello de Barreiros e desde a asociación O Arco da Vella advirten que en caso de chuvia o XXXVI Festival Folclórico do Emigrante, que se celebrará mañá, 5 de agosto, trasladarase ao Polideportivo do Colexio de San Miguel

Desde o Concello de Barreiros e desde a asociación O Arco da Vella advirten que en caso de chuvia o XXXVI Festival Folclórico do Emigrante, que se celebrará mañá, 5 de agosto, trasladarase ao Polideportivo do Colexio de San Miguel.
Grupos de Colombia e Polonia participarán xunto ao Arco da Vella no XXXVI Festival Folclórico do Emigrante, que foi presentado nas últimas horas e que en principio está previsto que teña lugar no campo de fútbol de As Valgas a partires das 22 horas.

GRUPOS DE COLOMBIA E POLONIA PARTICIPARÁN XUNTO AO ARCO DA VELLA NO XXXVI FESTIVAL FOLCLÓRICO DO EMIGRANTE, QUE SE CELEBRARÁ ESTE SÁBADO, 5 DE AGOSTO, EN SAN MIGUEL DE REINANTE

GRUPOS DE COLOMBIA E POLONIA PARTICIPARÁN XUNTO AO ARCO DA VELLA NO XXXVI FESTIVAL FOLCLÓRICO DO EMIGRANTE, QUE SE CELEBRARÁ ESTE SÁBADO, 5 DE AGOSTO, EN SAN MIGUEL DE REINANTE.

Barreiros, 3 de agosto de 2017. O Concello acolleu a presentación esta mañá do XXXVI Festival Folclórico do Emigrante, que terá lugar o vindeiro sábado, 5 de agosto, en San Miguel de Reinante. No acto participaron o alcalde, Alfonso Fuente, e o director da asociación folclórica O Arco da Vella (organizadora do evento), Enrique Penabad, acompañados de varios membros deste colectivo.

Os actos desta tradicional cita xa darán comezo mañá, venres, coa VII Foliada de Música, na que participarán gaiteiros e pandereiteiras e na que haberá empanada, bolos preñados, cervexa, etc… Iso será ás 21:30 horas na pista do Souto.

E o sábado a partir das 22:00 horas celebrarase o XXXVI Festival Folclórico do Emigrante coa participación de Grupo de Danzas de Colombia, Dance Ensemble de Polonia e O Arco da Vella de San Miguel. Será no campo de fútbol. Os organizadores advirten de que “en caso de choiva o festival trasládase ao polideportivo do colexio”. A continuación, ás doce da noite dará comezo a verbena na pista do Souto, que estará amenizada polo Grupo Lecer.

Arrincou onte no Eido Dourado, en Barreiros, a xira por Galicia de Xógara

Arrincou onte no Eido Dourado, en Barreiros, a xira por Galicia de Xógara, “unha banda anglo-galega-galesa, esencialmente instrumental que bebe da música celta. Naceu en Oxford da mao de tres músicos británicos e un galego. É un proxecto que encarna a mellor tradición europeísta da música folk”, explicaba na súa presentación o artista barreirense Celso Dourado. Os xardíns do Eido Dourado enchéronse para presenciar este concerto. Xógara actúa esta noite en Ribadeo e durante o mes de agosto pasarán por Foz.