FUENTE PARGA VISITOU AS OBRAS DA DEPURADORA DE CELEIRO DE MARIÑAOS

FUENTE PARGA VISITOU AS OBRAS DA DEPURADORA DE CELEIRO DE MARIÑAOS, QUE ESTÁN A PIQUES DE REMATAR. O INVESTIMENTO ASCENDE A UN MILLÓN DE EUROS.

Barreiros, 19 de febreiro de 2019. O alcalde, Alfonso Fuente, visitou esta mañá as obras da depuradora de Celeiro de Mariñaos, que entrará en funcionamento en breve. O investimento realizado ascende a 1 millón de euros.

O rexedor contou que “visitei as obras da depuradora, da Etap, en Celeiro de Mariñaos para ver como ían. Esperamos que nuns días poidan estar rematadas xa totalmente esas obras, para poder poñer xa en funcionamento a nova depuradora e evitar así o que viña pasando, que cando o río baixaba revolto, por choivas ou por obras no cauce, iso ocasionaba que a auga saíse con turbidez”.

Alfonso Fuente engadiu que “para eliminar todo isto, unha vez se poña en marcha esta nova depuradora, iso xa quedará solucionado. Así mesmo amplía a capacidade de produción de auga potable, e tamén se aumentou o depósito de cabeceira. Tiñamos un depósito de 900 metros cúbicos e agora xa contamos cun depósito de 2.000 metros cúbicos”.

O alcalde lembrou que “o investimento está en torno a 1 millón de euros, que creo que nos vai dar moita mellora en toda a rede de abastecemento de auga do noso concello”.

AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA AUTÓNOMAS/OS E PEQUENAS EMPRESAS

RECORDATORIO:

Esta tarde, na “Xornada Informativa sobre Axudas e Subvencións para autónomas/os e empresas“, organizada pola asociación de Hostelería de Barreiros, tamén nos acompañará Rocío Rebolo Serén, Xefa do Servizo de Emprego e Economía Social, quen nos falará de AXUDAS que teñen por finalidade a promoción do emprego autónomo, e incentivos á contratación indefinida de persoas desempregadas.

Acompañaránnos ademais:

– José Manuel Balseiro Orol, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo.

– Cristina Sanz Arias, Técnico de Información Especializada do IGAPE.

– Paloma Vázquez Fernández, Xefa da Área Provincial de Turismo en Lugo.

– Elena Martínez, xerente do GDR Terras de Miranda (xestión do programa LEADER).

Será HOXE (martes ) ás 19:30h. no Centro Sociocultural de San Cosme de Barreiros.

O FESTIVAL INFANTIL DO ENTROIDO 2019 EN BARREIROS TERÁ LUGAR O 3 DE MARZO. HABERÁ DESFILE, BAILE, XOGOS MÁXICOS E PHOTOCALL

O FESTIVAL INFANTIL DO ENTROIDO 2019 EN BARREIROS TERÁ LUGAR O 3 DE MARZO. HABERÁ DESFILE, BAILE, XOGOS MÁXICOS E PHOTOCALL.

Barreiros, 18 de febreiro de 2019. A Concellería de Cultura organiza o Festival Infantil do Entroido 2019 o 3 de marzo.

A festa terá lugar no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro entre as 17:30 e as 20:15 horas.

Haberá un desfile infantil de disfraces con agasallos, bailes en grupo, xogos máxicos e photocall. Desde o Concello advirten que “nas actividades os menores deberán estar acompañados dun responsables desa rapaza ou rapaz”.

Os números de dinamización e maxia correrán a cargo de Chrystyan Magic. No Festival Infantil do Entroido 2019 en Barreiros tamén participarán Os Cabezudos.