«Buscamos que Eido Dourado sexa máis que un espazo expositivo»

«Buscamos que Eido Dourado sexa máis que un espazo expositivo»

O programa cultural deste espazo acolle danza, teatro, talleres para nenos e máis

.
CEDIDA CELSO DOURADO
SARA GIL M. C. 
BARREIROS / LA VOZ 

Celso Dourado abriu por novena tempada este verán o espazo Eido Dourado en Barreiros, onde a arte do noso país ten un lugar no que medrar… E hai tres días pechou as portas por este ano, cun balance máis que positivo das actividades que se organizaron ao longo destes meses. Neste recuncho houbo concertos, teatro, danza, talleres para nenos e tamén se renovou a exposición con novas pezas do autor. Todo, como el di, «gratuíto e altruísta», para potenciar a cultura que temos preto da casa. Os concertos, enmarcados no ciclo Sons ao Solpor, acolleron a unha grande variedade de artistas. Entre eles, Mónica de Nut, que presentou nel o seu disco «Raíces Aéreas»; ou o grupo Odaiko, que fixo retumbar coa súa percusión o entorno da praia de As Pasadas, onde se ergue Eido Dourado. As tardes foron dos máis pequenos, cos laboratorios creativos dirixidos por Lucía Vila, e que despertaron a curiosidade artística de nenos e nenas. «Síntome moi ledo de aguantar firmemente esta bandeira de promover eventos con escasos recursos», apuntou.

-Cal é o balance deste verán en Eido Dourado?

-Moi positivo, dada a cantidade de actividades que se organizaron e a acollida que tiveron.

-De todas as opcións de ocio ofertadas, cal foi a que máis gustou ao público?

-Creo que os laboratorios creativos para os pequenos e o ciclo de concertos Sons ao Solpor son as que máis público tiveron. Os laboratorios creativos para os pequenos estaban impartidos por Lucía Vila e tiveron lugar nas tardes de xullo e agosto. Dentro do ciclo de concertos Sons ao Solpor -que tiveron lugar en Eido Dourado e no Cámping Gaivota- púidose escoitar a moitos artistas galegos e que presentan un aire fresco na nosa música.

-Que se traballaba nos laboratorios creativos para os nenos?

-Era un lugar no que os máis pequenos podían poñer toda a súa atención no que lles rodeaba. Traballaban en torno á miña obra e fomentando a curiosidade artística. Lucía Vila, a encargada de dirixilos, quedou moi satisfeita co traballo realizado.

-Cal é a finalidade de abrir as portas deste lugar que acolle tantas alternativas de ocio?

-Buscamos que sexa máis que un espazo expositivo, senón que sexa máis completo. Preténdese promover a cultura do noso país, os proxectos novos dos músicos e moito máis. Hai que potenciar a arte da nosa terra e darlle espazo. Por aquí pasou, por exemplo, o grupo Xógara, de folk británico e formado en Oxford e que inclúe temas en galego no seu repertorio. É un dos exemplos da diversidade cultural.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *