O GOBERNO DE BARREIROS NON SOLICITOU O ARRANXO DO TRAMO DE ESTRADA QUE PEDIU CEDIDO Á DEPUTACIÓN NO CENTRO DE BARREIROS

O GOBERNO DE BARREIROS NON SOLICITOU O ARRANXO DO TRAMO DE ESTRADA QUE PEDIU CEDIDO Á DEPUTACIÓN NO CENTRO DE BARREIROS

Desde o BNG solicitouse en sesión plenaria municipal que se negociase a transferencia acompañada de melloras ou de diñeiro para afrontar o arranxo do vial.

“Solicitar unha cesión dun vial en mal estado sen pedir o seu arranxo ou diñeiro é mostra do pouco interese que ten o goberno municipal nas necesidades do Concello”, afirman desde a formación nacionalista.

Barreiros, 26 de xuño de 2018. “O goberno municipal de Barreiros, co alcalde Alfonso Fuente á fronte, volve a amosar a súa incapacidade e, unha vez máis, facendo deixación de funcións, solicita a transferencia dun tramo de 860m da estrada provincial LU-P 0608 sen reclamar previamente que a Deputación lla entregue arranxada ou acompañada de diñeiro para poder realizar o arranxo, tal e como lle propuxeramos desde o BNG en sesión plenaria municipal”, afirman desde a formación nacionalista.

No pleno celebrado hoxe na deputación, onde se aprobou a transferencia dese tramo que vai desde o centro de San Cosme ata o enlace coa estrada Trabada-Barreiros LU-P-6103, o Vicepresidente da deputación e delegado de Vías e Obras, Argelio Fernández, confirmoulle ao deputado do BNG e concelleiro en Barreiros, Antonio Veiga, en resposta a unha pregunta ao respecto que o concello barreirense só solicitara a transferencia, tal como consta no expediente, pero que non solicitara ningún arranxo.

Desidia e deixación de funcións por parte do alcalde e do goberno municipal.

Para a portavoz municipal do BNG, Ana Ermida, o alcalde unha vez máis deixa de exercer as súas funcións e, “nunha nova mostra de incapacidade e incompetencia, non fai algo tan sinxelo como é demandar o arranxo deste tramo que lle vén de transferir a institución provincial. “Só tiñan que pedir”, asegura. “Deste xeito, como consecuencia da súa deixadez, o Concello perde a ocasión de recibir este vial debidamente asfaltado, xa que precisa dunha urxente reparación” manifestou Ana Ermida; quen tamén afirmou que “foi unha mágoa que o concello de Barreiros non solicitase o acondicionamento dese tramo, sobre todo tendo en conta que en días pasados, a Deputación estivo asfaltando a estrada Trabada-Barreiros. Sería beneficioso para o Concello e resultaría económico para a Deputación, pero como podemos comprobar todos os días, desde o concello de Barreiros non se actúa de acordo a razoamentos lóxicos nin pensando no interese xeral das barreirenses.”

“Gustaríanos saber en base a que se actúa neste Concello, porque pedir un tramo dun vial en mal estado para sumar ás ducias de quilómetros de vías municipais que xa se atopan nun estado deplorable, parécenos un insulto á intelixencia”, afirma Ana Ermida. “Salvo que o interese en pedilo sen arranxar sexa outro e o Partido Popular prefira gastar os xa escasos fondos que o Concello dedica ao arranxo de vías nunha estrada que acaba de recibir”, conclúen.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *