O EIDO DOURADO, EN BARREIROS, ACOLLE ESTE DOMINGO, 22 DE XULLO, A ACTUACIÓN DE MILESIOS

O EIDO DOURADO, EN BARREIROS, ACOLLE ESTE DOMINGO, 22 DE XULLO, A ACTUACIÓN DE MILESIOS.

Barreiros, 20 de xullo de 2018. O Eido Dourado continuará este domingo, 22 de xullo, co seu ciclo musical Sons no solpor. O concerto desa xornada correrá a cargo de Milesios, un grupo de música tradicional galega e irlandesa. A actuación dará comezo ás dez e media da noite, nos xardíns do Eido Dourado, a carón da praia da Pasada en Barreiros.

O artista barreirense Celso Dourado anunciou que “o domingo, no Eido Dourado, entre as dez e cuarto e dez e media da noite, temos unha nova cita. Neste caso vai ser con outro grupo referente do panorama folk galego. Forma parte do ciclo musical Sons no solpor do Eido Dourado, e imos ter a actuación do grupo Milesios”.

Dourado explicou que “Milesios é unha formación que xa ten dez anos, nace no 2009. Une o seu interese pola música tradicional galega e irlandesa dende as súas primeiras actuacións que foron en distintos festivais, podemos mencionar o Rabafolk, o San Froilán ou o de Pardiñas. Tamén compartiu escenario con grupos como Berrogüetto, Kepa Junquera, Pepe Vaamonde, Quempallou, etc…”.

O promotor do Eido Dourado e deste ciclo de concertos subliñou que “Milesios ten moitos galardóns na súa traxectoria, podo mencionar que no 2011 foi un dos dez finalistas do proxecto Runas do Festival de Ortigueira. Son unha delicia, unha formación moi numerosa, pero realmente moi conxuntada e moi ben ensaiada”.

E engadiu: “como sempre, quen coñece o ciclo musical Sons no solpor no Eido Dourado, se a noite acompaña é unha marabilla, se fai frío ou chove non tanto, pero as previsións parece que apuntan ben e imos agardar que a cousa saia ben”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *