O CONCELLO DE BARREIROS VOLVE A UTILIZAR CERTAS EMPRESAS PRIVADAS PARA LABORES DE LIMPEZA E DESBROCES

O CONCELLO DE BARREIROS VOLVE A UTILIZAR CERTAS EMPRESAS PRIVADAS PARA LABORES DE LIMPEZA E DESBROCES

 

A falta de organización por parte do goberno municipal imposibilita que estas labores se poidan realizar con persoal municipal.

Barreiros, 30 de maio de 2018. “Un ano máis asistimos ao esperpento en Barreiros de que o goberno municipal é incapaz de xestionar os recursos humanos propios para prestar servizos e iso lévanos á contratación de empresas para facer traballos que, de existir un goberno digno de chamarse tal, poderían facerse con persoal municipal.” Deste xeito se referiu nas últimas horas a portavoz municipal do BNG en Barreiros, Ana Ermida, ao feito de que novamente son empresas privadas as que están facendo labores de limpeza de beirarrúas en San Miguel ou en San Cosme.

“A desorganización é tal, que hai unhas semanas esas mesmas empresas, que nalgúns casos prestan outros servizos ao Concello con un notable custo,  comezaban a limpar os paseos marítimos a cachos, sen nin sequera recoller os restos, e agora atópanse limpando beirarrúas”, explican desde o BNG. “Non acaban un traballo para comezar outro, están saltando de sitio en sitio en función de quen proteste ou dos avisos que haxa. Iso o que demostra son dúas cousas: unha, o descoñecemento por parte do goberno municipal das necesidades reais deste concello. E outra, a incapacidade para xestionar os medios cos que conta.”

Para o Bloque Nacionalista Galego este tipo de actitudes só logran trasladar unha imaxe nefasta de Barreiros: “por ter todo a medio facer: desbroces, baixadas ás praias sen arranxar, escombros tirados á beira dos contedores de lixo sen recollelos durante semanas, que ven a sumarse á falla de planificación dos traballos por parte do goberno.”

“A pesar de que recentemente o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, aseguraba que podía rebaixar as partidas dedicadas a desbroces e limpeza porque grazas a unha mellor organización se podían facer con medios propios; a realidade é que volvemos a asistir ao malgasto do diñeiro sen ningún tipo de planificación”, afirma Ana Ermida. “Outra vez o goberno municipal está incorrendo en gastos que non poderá afrontar e seguirá facendo o burato económico que cada día é maior a consecuencia da incapacidade de Alfonso Fuente e o seu equipo para xestionar este Concello.”

“A imaxe que se vende de Barreiros non son só palabras bonitas ou fotos visitando obras. A imaxe real é a que ven todos os días as veciñas e veciños, que ven como os cartos de todas e todos se están utilizando en contratar a empresas privadas para facer traballos que, de haber organización por parte do goberno, poderían facerse con persoal municipal”, conclúen desde o BNG.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *