O concello de Barreiros amplía a oferta turística para atraer visitantes en outono

O concello de Barreiros amplía a oferta turística para atraer visitantes en outono

Uns 15.000 veraneantes encheron no verán o municipio da costa lucense e non só para gozar da praia das Catedrais. Falamos de Barreiros, un concello que amplía as actividades deportivas para o turismo que agarda atraer tamén neste outono.

Son máis de nove quilómetros de praias de area fina e galardoadas con varias bandeiras azuis, pero o certo é que entre elas, a que atrae máis curiosidade e cada vez máis, é a praia das Catedrais. Chegou a reunir máis de 20.000 visitantes diarios que este verán se viron limitados a 4.812 por xornada coa entrada en vigor do novo plan de conservación do areal.

“Pero todo o mundo que veu este verán a Barreiros puido ver a praia das Catedrais, ninguén que o solicitara quedou sen poder entrar nela… En Barreiros as praias son estupendas, pero hai moito máis que ver”, afirma Sandra Amieiro, responsable da oficina do concello lugués de Barrreiros.

“Nós claro que fomos ver a praia das Catedrais que é moi fermosa, tamén o resto dos areais de aquí. Pero o certo é que en Barreiros sorprendéronnos moitas máis cousas, coma os bosques… E por suposto a gastronomía. Aquí cómese estupendamente. E o clima é xenial, medio fresquiño”, opina unha turista madrileña que visita Barreiros.

É o caso das zonas interiores do concello lugués de San Cosme de Barreiros, con extensas zonas de bosques autóctonos, como neste lugar. Estamos na área de Santo Estevo do Ermo. Un lugar perfecto para facer sendeirismo ou ciclismo. Pódese visitar a capela e por exemplo un par de fontes de augas medicinais, coma a de Augas Santas ou a de Santa Rosa. O outro grande atractivo do lugar é esta fervenza.

“Viñemos visitar esta zona. Gústanos moito pola vexetación. Amais está moi ben que estea tan preto o monte da praia”, explica un neno madrileño de visita na zona.
“Esta zona está moi ben… Estivemos subindo polo monte… Amais gústanos moito comer por aquí, e a temperatura é xenial… E non sei máis que dicir”, di entre risas outro meniño madrileño, turista en Barreiros.

“Este verán pódese dicir que recibimos unhas mil consultas na oficina de turismo. Pero en Barreiro, que somos 3.000 habitantes, o certo é que neste verán chegamos a ser máis de 15.000 persoas… Eu creo que cada vez nos visita máis xente… Barreiros ofrece a posibilidade de practicar distintos deportes durante todo o ano… Dende surf ata parapente, e moitas outras actividades, di Sandra Amieiro, responsable da oficina do concello lugués de Barrreiros.

“A verdade é que se pode ver tanta natureza… Iso non é habitual noutros lugares… Isto é unha marabilla”, conta un turista madrileño de visita na zona.