O CONCELLO CONTA CUNHA ORDENANZA PARA REGULAR AS CORTAS DE MADEIRA NOS MONTES DO CONCELLO

FUENTE PARGA SUBLIÑA QUE O CONCELLO CONTA CUNHA ORDENANZA PARA REGULAR AS CORTAS DE MADEIRA NOS MONTES DO CONCELLO. E ADVIRTE QUE AS EMPRESAS DEBEN PEDIR AUTORIZACIÓN PARA REALIZALAS. DESTE XEITO EVITARANSE PROBLEMAS NO SUBMINISTRO DE AUGA, COMA O OCORRIDO ONTE EN SAN MIGUEL.

Barreiros, 5 de xuño de 2015. O alcalde, Alfonso Fuente Parga, subliña que o Concello conta cunha ordenanza para regular as cortas de madeira nos montes do concello. E advirte que as empresas deben pedir autorización para realizalas. Así evitaranse problemas no subministro de auga da traída, coma o ocorrido onte en San Miguel.

O alcalde, Alfonso Fuente, asegurou que “unha empresa, Maderas Naciente, que estivo a cortar e a sacar estes días madeira do monte, ocasionou que a auga da traída se enturbase na zona de A Barranca, en San Miguel. Alí tivemos que cortar o subministro desde o cemiterio porque a auga saía moi turbia”. E explicou que “os camións desta empresa cruzaban polo río”.

O rexedor lembrou esta mañá que “onte detectamos un enturbamento na captación de auga na barranca. Despois de realizar as investigacións correspondentes comprobamos que esa empresa que estaba a sacar madeira do monte, botou ramas e troncos nun regato para pasar dun lugar a outro, producindo esa incidencia no subministro de auga. Xa onte nos puxemos en contacto con esa empresa para que retirase ese material do río, eles dixéronnos que descoñecían que esa fora a captación de auga para toda a zona de San Miguel e Santiago de Reinante”.

Fuente Parga contou que “aínda hoxe, venres, a auga sae moi revolta nas casas de A Barranca. Nun par de días agardamos que a problemática estea solucionada, pero teremos que limpar o encoro, teremos que limpar os depósitos e os filtros. Por iso insistimos unha e outra vez, e por iso hai unha ordenanza que lles marca ás empresas madeireiras que teñen que solicitar autorización no Concello para facer esas cortas. No mesmo momento no que nos din que van cortar nós xa lles advertimos o que poden atopar en cada sitio, neste caso un rego desde onde se capta a auga da traída”.

O alcalde barreirense en funcións dixo que “xa me contou algún veciño que a situación mellorou un pouco, pero tendo en conta que está a chover é posible que ata mañá ou pasado a auga non desapareza esta turbidez da auga”.

Fuente Parga subliña que “aos veciños e ás veciñas afectadas de Reinante e de San Miguel se lles descontará esta incidencia no recibo da auga, tal e como xa acordamos e como é de xustiza. E no expediente que se lle abrirá a esa empresa Maderas Naciente terá que asumir os custes da limpeza dos depósitos e dos filtros, cando menos”.

O rexedor barreirense pide desculpas aos veciños polo ocorrido: “traballaremos para que os subministro de auga volva á normalidade o antes posible”.