O ALCALDE BARREIRENSE PROPÚXOLLE AO PRESIDENTE DA XUNTA QUE SE AFRONTE A MELLORA DO SANEAMENTO NO MUNICIPIO EN VARIAS ANUALIDADES

O ALCALDE BARREIRENSE PROPÚXOLLE AO PRESIDENTE DA XUNTA QUE SE AFRONTE A MELLORA DO SANEAMENTO NO MUNICIPIO EN VARIAS ANUALIDADES. O PROXECTO QUE CONTEMPLA A CONSTRUCIÓN DA NOVA DEPURADORA DE SAN MIGUEL DE REINANTE SUPORÍA UN INVESTIMENTO DE 4.700.000 EUROS.

Barreiros, 27 de setembro de 2017. O alcalde, Alfonso Fuente, mantivo unha xuntanza nas últimas horas co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para abordar cuestións como o saneamento ou o plan xeral, aínda que tamén falaron da situación da sanidade na Mariña. O titular do executivo galego pediulle ao rexedor que lle transmita tranquilidade aos veciños e veciñas de Barreiros e díxolle que non haberá merma de servizos no Hospital da Costa. Fuente Parga cualificou de cordial o encontro de onte, e declarou que o presuposto para mellorar o saneamento de Barreiros ascendería a 4.700.000 euros. O proxecto incluiría, entre outras obras, a construción dunha nova depuradora en San Miguel de Reinante. O rexedor propón que, debido ao importante custe do que se está falar, se poida executar en varias anualidades.

Fuente Parga manifestou que “aínda que a reunión foi pedida para o tema de saneamento, para ver as posibilidades do investimento segundo o proxecto que ten redactado Augas de Galicia, ver as posibilidades de incluílo xa no próximo presuposto da Xunta de Galicia. Eu lle trasladaba ao propio presidente tamén a reunión que xa mantivera co presidente da Deputación, falamos daquel convenio que se firmara xa no seu momento de colaboración entre as tres entidades”.

O alcalde barreirense contou que “o presidente, despois de analizar todos os datos que ten de Augas de Galicia e estar vendo sobre un plano como era a situación e cal era o problema, comprometeuse a estudalo dentro das posibilidades presupostarias que ten a Xunta de Galicia, igual que calquera outra administración. Quedamos en estar en contacto por este tema e ir vendo se hai que facelo de forma plurianual, en varias anualidades ou cómo se pode ir elaborando igual que noutros convenios que se veñen firmando noutros concellos”.

O rexedor declarou que “eu lle trasladaba tamén que o propio Concello está a investir 1 millón de euros na rede de abastecemento de auga, o cal el valoraba positivamente que  os concellos se comprometan e fagan eses investimentos e a Xunta de Galicia a colaborar. A inversión rolda, segundo o proxecto que ten elaborado Augas de Galicia, 4.700.000 euros. Iso suporía a construción dunha nova depuradora en San Miguel de Reinante, construír un pozo de bombeo en Reinante para axudar á depuradora existente e tamén unha rede de sumidoiros desde o centro de San Miguel de Reinante ata esa nova depuradora, así como outra serie de sumidoiros para ir facendo a separación entre o que son pluviais e fecais. Non podemos pensar que só é actuar na zona de Reinante senón que todo o proxecto levaría implícito a construción dunha nova depuradora en San Miguel, cambiar tamén a impulsión que hai a día de hoxe na zona de San Miguel para a nova depuradora. Son investimentos importantes”.

Para o alcalde de Barreiros “tendo en conta ese presuposto hai que pensar na posibilidade de facelo plurianual e ir traballando xa nesa liña para evitar na medida do posible que eses vertidos poidan chegar ás praias. Teño que ser optimista no senso de que non pode ser doutra forma porque o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, nunca lle fallou a Barreiros. Entende perfectamente as necesidades que hai no noso concello. Eu así llas trasladei, sempre tendo en conta como nos pasa a calquera administración, nós moitas veces na propia administración local estaríamos encantados de facer moitas cousas, pero ás veces a limitación presupostaria nos leva a non poder acometer investimentos no momento que queremos. Trasladáballe a posibilidade de ir facendo actuacións, igual que xa estaba contemplado naquel convenio creo recordar en catro anualidades, neste estaríamos falando ao mellor de facelo dunha forma similar. Firmar un convenio e en catro anualidades estaríamos falando de poder ir facendo as actuacións máis inmediatas xa no 2018, continuando así nos tres vindeiros anos. Igual que está en calquera outro concello, igual que se fixo en Foz ou en calquera outro concello de Galicia”.

Alfonso Fuente comentou que “por outro lado tamén se falou da sanidade na Mariña. Un tema que estes días está moito na prensa, e está en boca de todos, e o da área sanitaria. El quere que eu lles traslade a todos os veciños de Barreiros a tranquilidade no senso de que se está a investir como se pode ver no hospital de Burela, que non vai haber merma de servizos e que evidentemente o hospital de Burela vai seguir crecendo e prestando servizos. Neste caso igual que se comprometera no seu momento na inversión neste hospital, evidentemente se comprometía a seguir mantendo os servizos”.

Fuente Parga dixo que “falamos ademais do plan xeral e dunha serie de cuestións que afectan ao noso concello aproveitando esa reunión, que foi cordial e na que trasladou a súa preocupación por todos os concellos de Galicia e evidentemente polo de Barreiros”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.