NENAS E NENOS DE BARREIROS PARTICIPARON NUNHA VIDEO CONFERENCIA CON PAPÁ NOEL

IMG_20151216_123418

NENAS E NENOS DE BARREIROS PARTICIPARON NUNHA VIDEO CONFERENCIA CON PAPÁ NOEL. A CITA FOI ORGANIZADA POLA AULA CEMIT.

Barreiros, 16 de decembro de 2015. A Aula CeMIT de Barreiros conectou con Laponia os días 15 e 16 de decembro para realizar unha videoconferencia con Papá Noel, a través da que un total de 50 alumnas e alumnos de Educación Infantil e Primaria dos colexios de San Cosme e San Miguel, puideron realizar as súas peticións de Nadal e solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel.

Barreiros é unha das 29 localidades galegas que reciben esta visita virtual de Papá Noel. A rede de videoconferencias, que comezou o 10 de decembro e que se desenvolverá ata o día 18, cunha visita de media hora en cada aula, chega a máis de 1.400 alumnas a alumnos de toda Galicia.

O obxectivo desta actividade, que neste ano cumpre o seu oitavo aniversario e que conta cun gran interese entre a comunidade educativa, reside en establecer unha comunicación cara a cara entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poden falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos do mundo.

Con este tipo de experiencias, a rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrecen este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.

IMG_20151215_103222