MANIFESTO PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA MARIÑA

No hay texto alternativo automático disponible.MANIFESTO PLATAFORMA EN DEFENSA DA

SANIDADE PÚBLICA DA MARIÑA

(PARTE 1)

Bo día veciños e veciñas.

O primeiro de todo agradecervos a vosa resistencia e capacidade de mobilización desde fai 5 meses contra este novo ataque de quen está a gobernar contra a nosa sanidade pública, a sanidade de todas e de todos.

Sodes un exemplo de traballo e dignidade que sitúa a esta comarca na vangarda na defensa da sanidade de todas.

Tamén o noso agradecemento a aquelas e aqueles que agora mesmo están traballando e que lles gostaría estar aquí. Que saibades que estades aquí e agora connosco.

Como ben sabedes, o pasado 2 de agosto, foi publicado o Anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei de Saúde de Galicia na que suprimen as actuais Áreas Sanitarias de O Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés. Publicación feita con premeditación, aleivosía e escurantismo, en pleno mes de Agosto, con moitos profesionais e veciñanza de vacacións e sen diálogo previo.

Xa vemos como concibe o Goberno do Señor Núñez Feijoó a negociación e a transparencia!!

A pesar de este escurantismo hai que resaltar a importante participación cidadá e do movemento social no rexeitamento desta reforma sanitaria, posto que nunca antes se acadaran un número tan elevado de queixas no Portal de Transparencia da Xunta.

O obxectivo do Goberno do PP con esta reforma é avanzar nas políticas de desmantelamento da Sanidade Pública, consolidando a liña de recortes, que tanto dano fixeron e están facendo o noso Sistema de Saúde, provocando un perda no numero de camas e servizos nos hospitais comarcais e afastando de este xeito a resolución dos problemas da cidadanía.

Baleira de contido os hospitais comarcais coa finalidade de concentrar os servizos sanitarios nos grandes hospitais. Esta medida supón unha gran barreira para o acceso da cidadanía a atención hospitalaria , especialmente a poboación rural e máis avellentada.

A modificación da Lei introduce un perigoso cambio na maneira de xestionar e planificar os servizos sanitarios, un perverso cambio de modelo no que pasamos de basearnos “nas necesidades sanitarias e asistenciais da poboación” (Lei vixente) a ter só en conta os “recursos sanitarios existentes” (Lei modificada). Cambio moi substancial, que permite concentrar os recursos onde máis conveña ou estean xa instalados e que sexa a poboación a que teña que acudir a eles… SE PODE.

Consolida, ademais, o abandono e relegación da Atención Primaria, a máis próxima e accesíbel para os cidadáns e doentes, que xa non recuperará as súas estruturas de planificación e xestión, o seu presuposto propio e os seus orzamentos, afondando nun deterioro da calidade asistencial xa imparable.

Señor Núñez Feijoo: A SANIDADE NON SE VENDE!!… DEFÉNDESE!!

(PARTE 2)

SABEDES O QUE ACONTECEU DESDE QUE PASAMOS A DEPENDER DE LUGO NO ANO 2013? ÍMOSVOLO A CONTAR

Dende que pasamos a depender de Lugo no 2013 esta Área sufriu unha parálise no seu crecemento con unha perda total da súa autonomía, identidade e desenvolvemento. Xa naquel momento manifestamos a nosa preocupación pola situación de esta Área Sanitaria e polas condicións nas que nos atoparíamos unha vez que se materializase esta integración. Temiamos que isto suporía unha absorción por parte do HULA ao trasladarse a ese centro todos os órganos de decisión, planificación e xestión. Non nos equivocábamos.

– Sabedes que agora desaparecemos como Área Sanitaria e pasamos a ser pacientes de Lugo?, que ata o de agora nos invitaban a ir a Polusa e a Virxen dos Ollos Grandes pero cando desapareza a Área pasarán a obrigarnos?

– Sabedes que nos están a retirar servizos sanitarios?

– Sabedes que queren centralizar as intervencións cirúrxicas en Lugo e que moitos especialistas din que se os obrigan a ir a operar a Lugo pedirán traslado e marcharán da Mariña e que ninguén quererá vir a traballar aquí nesas condicións?

– Sabedes que agora para implantar un marcapasos nos derivan a Lugo?, que pra cambiarlle as pilas temos que ir a Lugo?

– Sabedes que agora para operar ao teu neno dunha fimose nos derivan a Coruña?

– Sabedes que agora para operar unhas cataratas nos derivan a Lugo a centros privados?

_Que para operarnos dun xeonllo nos derivan a Lugo a centros privados?

– Sabedes que unha soa enfermeira queda toda a noite ao cuidado de máis de 30 pacientes?

_Sabedes que so hai 3 celadores polas noites para atender urxencias, quirófanos, UCI, partos, cambios de postura de pacientes encamados etc, e que esta falla de celadores paraliza a actividade de persoal sanitario que teñen que esperar por un celador que non hai.

– Sabedes que o servizo de oncoloxía non ten consulta de enfermeira para prestar educación sanitaria a pacientes e familiares como no resto de hospitais? Sabedes que o hospital de día de oncoloxía está en precario, sen oncólogos propios que se ven obrigados a vir á Mariña dende Lugo despois de facer unha garda e sen durmir? Sabedes que no hospital non temos presenza de oncólogos e cando ingresa un paciente queda ao cargo dun internista xa que os oncólogos non pertencen á Mariña?

– Sabedes que para facer unha proba de esforzo de cardioloxía temos que agardar máis de un ano?

Sabedes que o servizo de Anatomía Patolóxica se atopa abandonado, sen persoal suficiente atrasando o diagnostico do cancro e de enfermidades moi graves?

– Sabedes que a ampliación do Hospital amplía espazos pero non servizos? Non teremos máis quirófanos, non teremos máis plantas de hospitalización, non amplían a UCI, non teremos novas especialidades. O que realmente se amplía é a área de consultas.

– Sabedes que levamos anos demandando a necesidade dunha resonancia magnética e de aparellos para realizar a densitometría ósea, electromiográmas, placas dentais e sempre nos dicían que non había espazo para ubicalos e agora que están a crear espazo sabedes que non queren traelos? Sabedes que non os queren traer xa que teñen un negocio montado coas privadas de Lugo?

– Sabedes que o persoal do servizo de diálise elaborou un proxecto para implantar na comarca hemodiálises a domicilio? Sabedes que para iso precisaban atopar pacientes dispostos a inicialo? Sabedes que logo de atopalos e presentar o proxecto, Lugo apoderouse da iniciativa e os pacientes da Mariña tiveron que pasar 1 mes en Lugo recibindo educación sanitaria?. Resumindo, roubáronnos o servizo e o implantaron en Lugo.

– Sabedes que os nosos centros de saúde están totalmente abandonados, con falta de persoal médico, de enfermería, administrativo, material e longas listas de espera?

– Sabedes que non se cubren as ausencias dos nosos profesionais e non mandan a ninguén de Lugo para aquí?

(PARTE 3)

Dende a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña…

EXISIMOS a retirada do Proxecto de Reforma da Lei Galega de Saúde

EXIXIMOS A NON SUPRESIÓN das Áreas Sanitarias

EXIXIMOS A DESVINCULACIÓN da xestión integrada con Lugo e que A MARIÑA SEXA UNHA ÁREA SANITARIA INTEGRADA PROPIA como a comarca de Ferrol.

EXIXIMOS A MELLORA NA ATENCION PRIMARIA e a dotación de recursos económicos e humanos necesarios para acadar a mellor calidade asistencial.

PORQUE GOBERNE QUEN GOBERNE A SANIDADE NON SE VENDE: DEFENDESE!!

E témola que defender as persoas que cremos nela, que apostamos por unha sanidade pública e de calidade.

Empregando a linguaxe sanitaria, poderiamos afirmar que a sanidade na Área da Mariña esta na UCI e cun prognostico reservado, e de levarse a cabo a supresión da Área Sanitaria, a gravidade desta paciente que é a Sanidade Pública da Mariña

empeorará drasticamente, mentres non se cambien as políticas que esta a aplicar o goberno do PP e que afogan á cidadanía.

Non consintamos que continúen co desmantelamento da Área da Mariña!!

LOITEMOS POLA SANIDADE PUBLICA !!

Burela a 13 de xaneiro de 2018.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *