FUENTE PARGA AFRONTA O SEU TERCEIRO MANDATO COS OBXECTIVOS DE CREAR EMPREGO E DE SEGUIR POTENCIANDO O TURISMO


X14C9F4FUENTE PARGA AFRONTA O SEU TERCEIRO MANDATO COS OBXECTIVOS DE CREAR EMPREGO E DE SEGUIR POTENCIANDO O TURISMO. NO SEU DISCURSO DE INVESTIDURA DIXO QUE “EN BARREIROS SOMOS XENTE DE COSTA, COÑECEMOS BEN AS MAREAS E AGUANTAMOS BEN A MAREA”.

Barreiros, 13 de xuño de 2015. O alcalde, Alfonso Fuente, afronta o seu terceiro mandato cos obxectivos de crear emprego en Barreiros e de seguir potenciando o turismo no municipio.

No seu discurso o rexedor popular agradeceu “a participación de todos os veciños e veciñas que acudiron a votar o pasado 24 de maio, así como aos compañeiros e compañeiras da miña formación e do resto de grupos políticos que se presentaron ás eleccións, e nas que en liñas xerais fixemos unha campaña electoral respectuosa”.

Fuente Parga considera que “debemos analizar ese aumento na abstención, un incremento en 200 persoas con respecto a hai catro anos” e subliña que “en Barreiros os veciños e as veciñas votaron maioritariamente ao PP. Barreiros volveu decidir que fose o PP quen gobernase con maioría. En Barreiros o pobo non quere pactos, non quere cambalaches, como está a pasar noutros Concellos e nese sentido encargáronlle ao PP que goberne”.

O alcalde barreirense, que leva 10 anos no cargo, dixo que “no día a día en base ás necesidades que nos marquen os veciños e as veciñas de Barreiros temos que seguir traballando na liña da creación de emprego. A asistencia social aos nosos maiores, aos nenos, etc, está garantida, entón temos que loitar pola creación de emprego, labor que non podemos descoidar, e apoiar ao sector primario, que está a atravesar un momento complicado, e seguir fomentado o turismo, que tamén é base para o noso concello”.

Alfonso Fuente Parga tamén agradeceu “a todos os veciños os esforzos que tiveron que facer ao longo dos últimos catro anos, foron conscientes de que había que tomar medidas, foron conscientes de que para saír da situación na que estaba o país había que tomar decisións, que moitas veces non gustan”.

O rexedor subliñou que “nós nunca lles imos pedir aos veciños cousas que despois nós mesmos fagamos ao contrario” e engadiu que “en Barreiros somos xente de costa, coñecemos ben as mareas e neste caso aguantamos ben a marea política”.

Alfonso Fuente Parga converteuse por primeira vez en alcalde de Barreiros, en maio de 2005, tras o falecemento do seu antecesor Luis Fraga. No 2007, 2011 e 2015 foi o candidato do PP á alcaldía barreirense e nas tres convocatorias foi elixido rexedor por maioría absoluta.