El BNG se va a reunir con los vecinos de Barreiros para presentar alegaciones a los presupuestos municipales

Barreiros |
El BNG se va a reunir con los vecinos de Barreiros para presentar alegaciones a los presupuestos municipales

O BNG de Barreiros votou en contra dos orzamentos presentados polo goberno do PP xa que consideran que “son uns orzamentos improvisados, para saír do paso, continuístas e que non recollen as necesidades e demandas da xente”, afirmou a portavoz do BNG en Barreiros. Por esta razón, o BNG convocará á veciñanza para recoller as súas necesidades e poder presentar alegacións para modificar os orzamentos municipais e que sexan os que Barreiros precisa.
Segundo dixo o propio alcalde, “os orzamentos son para seguir mantendo os servizos e pagando as nóminas”, o que demostra que este goberno carece de proxectos de futuro para Barreiros e se conforma con intentar manter, a costa dos impostos das veciñas e veciños, os poucos servizos que hai no concello. Ana Ermida lembroulle ao rexedor que “os servizos os manteñen as veciñas e veciños que pagan os seus impostos e taxas e, en moitos casos, as propias persoas usuarias dos mesmos, que viron como nos últimos anos se incrementou o coste sen melloras substanciais na súa prestación.” Ademais, para o grupo do BNG é “insultante” que se diga que o obxectivo é pagar as nóminas, xa que “ese non é un obxectivo, é unha obriga legal que, de non facerse, conlevaría o peche do concello.”
O BNG sinalou que os orzamentos que se presentan nin sequera recollen fondos para proxectos anunciados polo propio alcalde, como o inicio do saneamento da zona interior. Ana Ermida sinalou que non aparece nin un céntimo destinado a “aquel proxecto que se lles ocurrira presentar en plena campaña electoral con saneamento para varias parroquias do interior e que está claro que só o fixeron con fins electoralistas. Tampouco unha cuestión de urxente necesidade, como a depuradora de Reinante que provoca vertidos na praia de Arealonga está orzamentada. Ou cuestións como a mellora de vías públicas, para a que se recollen 40.000€ e que hai pendentes de pago do ano 2015 máis de 48.000€.
Segundo o BNG, os orzamentos de Barreiros fanse simplemente para cadrar números e, para iso, “utilizan o millón de euros depositados polos promotores en función de se o precisan ou non, como demostra que no 2015 non se contemplara ese investimento que si se mete neste 2016 e que xa aparecera no 2014.”
Apróbanse gastos pendentes do 2015 por máis de 380.000€.
Nada máis aprobarse o orzamento para o 2016, o goberno municipal do PP aprobou reducilo en máis de 380.000€ para pagar gastos pendentes do ano anterior para os que non chegara o orzamento do 2015. “Deste xeito, explica Ana Ermida, o que se nos presenta como un orzamento que nace con un superávit de 180.000€ para este ano queda desvirtuado e, en realidade, xa empezamos con un orzamento que non contempla suficientes ingresos para os gastos que se recollen.” Segundo o BNG, “isto vén a demostrar que os orzamentos municipais de Barreiros son un intento de maquillar e tapar a mala xestión económica que se vén facendo e que arrastra unha situación de endebedamento desde hai anos que non se logra superar.”
Dous puntos da orde do día para desfacerse de bens municipais.
O BNG votou en contra de dous puntos da orde do día nos que a alcaldía propoñía modificar o inventario de bens no relativo a unha parte do Teleclub de Vilamartín Grande e outro punto sobre a desafectación dun camiño municipal para o súa posterior venda.
O grupo municipal do BNG manifestou dúbidas a respecto dos procedementos seguidos e da idoneidade de realizalos para o interese público e votou en contra de ambos acordos que, no caso da desafectación do camiño, tivo que ser aprobado co voto de calidade do alcalde tras terse producido un empate entre votos a favor e en contra.