ANA ERMIDA PRESENTOU A CANDIDATURA DO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS

ANA ERMIDA PRESENTOU A  CANDIDATURA DO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS ARROUPADA POLOS ALCALDES DE RIBADEO, MONDOÑEDO E RIOTORTO, AOS QUE PON DE EXEMPLO DE CÓMO SERÍA UN GOBERNO DO BLOQUE EN BARREIROS

No acto interviron tamén outras persoas da candidatura que representaban a mocidade, a loita pola recuperación dos espazos naturais, o emprego precario ou a situación do sector lácteo galego.

A candidata nacionalista acusa ao alcalde de “gobernar para si e os seus amigos os construtores e non para os veciños e veciñas de Barreiros” e de “querer calar ao BNG con extorsións ao máis puro estilo siciliano”01

Barreiros, 25 de abril de 2015.- A candidata do BNG á alcaldía de Barreiros, Ana Ermida, pon a Ribadeo, Mondoñedo e Riotorto de exemplo do que sería o Goberno municipal do Concello de Barreiros se estivese gobernado polo Bloque. O acto de presentación da candidatura nacionalista, celebrado onte pola noite no Centro Sociocultural de San Cosme, estivo arroupado polos tres alcaldes nacionalistas da comarca, Fernando Suárez, Orlando González Cruz e Federico Gutiérrez, aos que Ana Ermida puxo de “exemplo de alcaldes ao servizo dos seus veciños e veciñas”.

“Nós queremos que o Concello de Barreiros sexa un concello da xente, das veciñas e veciños, e non de quen veu destruír o noso concello e que só querían e seguen querendo gañar cartos, sen importarlles para nada as veciñas e veciños de Barreiros. Queremos que Barreiros sexa coma Ribadeo, coma Riotorto e coma Mondoñedo, que teñen alcaldes do Bloque que defenden aos seus veciños e veciñas e gobernan ao seu servizo. Non fan coma o alcalde de Barreiros, que goberna para si e os seus amigos”, afirmou Ana Ermida.

A candidata nacionalista acusou ao actual alcalde de “non ter feito nada nestes catro anos” e de “endebedar ao Concello”. “O Concello de Barreiros é o que máis débeda por habitante ten de toda Galiza e iso non é porque se fixeran moitas cousas e haxa moitos servizos, é porque o PP gobernou para os amigos e hipotecou ao Concello para os vindeiros 20 anos”, denunciou.02

“Ese é o modelo do PP. O modelo do despilfarro, do gasto do diñeiro de todos en comprar vontades por un puñado de votos, o modelo do amiguismo, o caciqueo, os asfaltados ata as portas e a 3 semanas das eleccións. Calquera persoa con un mínimo de conciencia sinte vergoña allea de ver o que se leva feito neste concello e o que se está a facer”, afirmou.

“Pero está nas mans de todas as veciñas e veciños de Barreiros que isto cambie, facer que o Concello deixe de ser a Cosa Nostra  e empeze a ser cousa de todas e todos os veciños. E para que o concello cambie só se pode facer unha cousa, apoiar o cambio o día 24 de maio”, afirmou a cabeza de lista do Bloque.

Usar as institucións para atacar aos rivais políticos

Ana Ermida acusou ao alcalde de facer “política indecente e sen escrúpulos, usando as institucións para atacar aos rivais políticos”. “Usan o Concello, que pagamos todas e todos, para atacarnos porque lles molesta que denunciemos as súas políticas urbanística. Pero que saiban que non nos van calar, nin coas súas ameazas nin coa apertura de investigacións a un mes das eleccións”, anunciou a cabeza de lista do Bloque. “O BNG non ten nada que ocultar e por iso fomos nós mesmos os que decidimos facer públicas as actitudes chantaxistas e mafiosas deste alcalde e a súa pandilla, que actúan coma se de matóns se tratase”, criticou.

“Abren unha investigación, é dicir, piden información sobre unhas obras feitas hai 6 anos e denunciadas no ano 2012 nada menos que por Xabier Díaz, ese promotor imputado en múltiples casos urbanísticos, que constrúe en solo rústico, que desgracia o entorno dun edificio emblemático coma os colexios vellos de San Miguel e que destrúe un acceso aos colexios coa súa obra que despois o señor alcalde amaña con cartos de todos e todas.  Ese é o amigo do alcalde e do PP de Barreiros, ao que premia con traballos varios para o Concello. E esa é a mafia urbanística que se instalou en Barreiros e que campa ás súas anchas coma se se tratara da mesma Sicilia, eses son os que marcan o ritmo deste Concello”, explicou Ana Ermida.03

A lista do BNG, a mellor de cantas se presentan

Ademais da cabeza de lista tamén interviron no acto outras persoas da candidatura, como Belén Fernández Soto, mestra; Diego Vizoso, estudante e que, con 21 anos, é a persoa máis nova da candidatura; Lucía Pérez, que representando á mocidade emigrada, enviou un video desde Perú; Dámaso Ratoeira, axente forestal e activista na recuperación do Santo Estevo do Ermo; Marta Castrillón, “enfermeira por vocación e traballadora do comercio por obligación”, tal e como ela mesma se presentou e Cándido Álvarez, que expuxo a situación pola que está atravesando o sector gandeiro en xeral e o leiteiro en particular e as alternativas que podería haber.

“Presentamos un equipazo que teño a honra e a responsabilidade de encabezar, no que, como xa vístedes, dá igual comezar por diante que por detrás. No que as persoas van polo que valen e non polo que costan”, afirmou Ana Ermida, que destacou que “o Bloque é garantía de seriedade e honradez en Barreiros e de que o Concello sempre estará ao servizo de todos os veciños e veciñas e non de intereses persoais e particulares”.

Candidatura de xente moza xunto a persoas con experiencia

Os nacionalistas, que se presentan baixo a fórmula BNG-Asembleas Abertas, presentan en Barreiros unha candidatura paritaria formada por 8 homes e 8 mulleres e na que dan entrada a 10 persoas independentes, das que 9 nunca antes tomaran parte dunha lista electoral “porque cremos que a política municipal é cousa de todas e todos e non é necesario ter carnet de ningunha organización para aportar, construír e traballar polo ben común”, afirmou Ana Ermida.

Logo da actual portavoz municipal, Ana Ermida, de 31 anos e licenciada en Dereito, e do vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, integran a lista como número 3 Montse Porteiro, diplomada en Enfermería na Unidade de Diálise do Hospital da Costa, e Dámaso Ratoeira Basanta, axente medioambiental e veciño de San Cosme, como número 4.

Como número 5 irá María Belén Fernández Soto, mestra e veciña de San Miguel, como número 6 Cándido Álvarez Veiga, gandeiro da Rilleira, e como número 7 Marta Castrillón, de 25 anos e traballadora do sector do comercio. A lista complétana Daniel García, Xoán Antonio Fernández Sante, Aurora Moreira Bermúdez, Diego Vizoso, Cristina González, Xoán Manuel Díaz Branco, Lucía Pérez García, Olga Villarino e Xesús Díaz.