O BNG explicou no Valadouro as súas propostas evitar a escandalosa suba do recibo da luz

 O BNG explicou no Valadouro as súas propostas evitar a escandalosa suba do recibo da luz

A deputada do BNG Olalla Rodil e o alcalde nacionalista de Muras, Manuel Requeixo, xunto co tenente alcalde do Valadouro, Eduardo Chao informaron á veciñanza das iniciativas ao respecto.

A Mariña, 1 de novembro 2018. Dentro da campaña que o BNG vén desenvolvendo desde o pasado mes contra a escandalosa suba do recibo da luz, os nacionalistas celebraron  unha xuntanza coa veciñanza do Valadouro para falar desto que resulta ser unha auténtica estafa, nun país coma Galiza, productor de electricidade.

O Concello de Muras, un exemplo a imitar

O alcalde nacionalista de Muras, Manuel Requeixo, expuxo o modelo desenvolvido no seu concello, donde as veciñas e veciños benficianse dos rendimentos dos parques eólicos instalados alí, grazas a que o concello estableceu unha ordenanza para devolver aos veciños o importe do recibo da luz. Eduardo Chao, tenente alcalde do Valadouro puxo como referencia  o exemplo do concello veciño de Muras, máxime  tendo en conta que no término municipal do Valadouro tamén hai instalados xeneradores eólicos.

Tarifa Elécrica Galega, para que a factura da luz sexa mais barata

Neste acto, que foi presentado por Ruth Rodríguez, do BNG no Valadouro, a deputada no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil explicou as iniciativas que o BNG vén presentando non só agora, senón desde hai moitos anos, no parlamento e noutras institucións. “Nós producimos electricidade, e temos dereito a que esa riqueza reverta sobre o pobo galego, e non podemos permitir que

Galiza pase a ser o teritorio que pague a factura da luz mais cara do Estado”, afirmou.

As alternativas que propón o BNG para rematar con este espolio son, entre outras, a creación dunha tarifa eléctrica propia para Galiza que atendendo aos verdadeiros custos da produción, a factura da luz sexa mais barata que a actual en benficio de consumidor@s particulares e das nosas empresas. E tamén a baixada do IVE na factura eléctrica, baixándoo do actual 21% ao 4%.

Campaña do BNG por toda  A Mariña

A responsable comarcal do BNG, Ana Ermida, anuncia que esta campaña iniciada en Mondoñedo o 19 de outubro nas San Lucas, vai seguir desenvolvéndose nos meses de novembro e decembro na práctica totalidade dos concellos da comarca, con instalación de mesas para recollida de sinaturas contra a suba do recibo, difusión de dípticos informativos e tamén con actos públicos coma este que vén de celebrarse no Valadouro,  e así mesmo  presentando mocións nos concellos.

 

O CONCELLO DE BARREIROS DESTINA ARREDOR DO 10% DO ORZAMENTO A PAGAR FACTURAS DUN ÚNICO GRUPO DE EMPRESAS DO MESMO TITULAR

O CONCELLO DE BARREIROS DESTINA ARREDOR DO 10% DO ORZAMENTO A PAGAR FACTURAS DUN ÚNICO GRUPO DE EMPRESAS DO MESMO TITULAR

Facturas por traballos no alumeado, instalacións en festas, pintado ou reparacións de edificios diversos ou transporte preséntanse sistematicamente por un mesmo grupo de empresas; ás que deben sumarse os contratos de mantemento do alumeado e de abastecemento de auga dos que resultaron adxudicatarios.

Barreiros, 31 de outubro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego vén de comprobar que o goberno de Barreiros encarga sistematicamente traballos a un mesmo grupo de empresas cuxa titularidade é coincidente e para os que se destinan arredor de 400.000 euros anuais. Esta cantidade obtense sumando facturas de conceptos tan diversos como pintado de igrexas, reparacións en edificios, instalacións eléctricas en festas, reparacións no servizo de augas ou traballos de poda; aos que se engaden os contratos de mantemento de alumeado eléctrico e o recentemente privatizado servizo de mantemento do abastecemento de auga.

Segundo se pode comprobar nos datos publicados polo propio Concello en cumprimento da Lei de contratos, que obriga a publicar as adxudicacións directas con independencia do importe; só nos meses de abril, maio e xuño ese grupo, ben sexa como persoa física ou xurídica, recibiu pagos por importe de 109.190,26 euros. A esas facturas, que non se apoian en ningún contrato con procedemento aberto, hai que sumar as cantidades relativas aos contratos de mantemento do alumeado (que ten un orzamento anual de 153.500 euros) e o recentemente adxudicado contrato de mantemento do abastecemento de auga (que supón un custo para dous anos de 217.800 euros).

A portavoz nacionalista no concello, Ana Ermida, sinala que se dan “situacións tan curiosas como que en só dous días do mes de abril esas empresas facturan ao Concello de Barreiros 55.863,97 euros; correspondentes a facturas dunha mesma denominación social do 3 de abril por importe total de 20.185,43 euros e 35.678,54 euros, do 4 de abril, doutro provedor do mesmo grupo.” “E mesmo- asegura- dúas das facturas de distintos días correspondían ao traslado dun pantalán e traballos no mesmo, sen estar aínda aprobada e autorizada a súa colocación.”

A formación nacionalista asegura que “co importe dos dous contratos, segundo o previsto nos orzamentos, supoñen anualmente un gasto de máis de 262.000 euros. Só sumando as facturas xa presentadas neste ano e esa cantidade, obtense un total de 371.590,23 euros.”

“Tendo en conta que o Concello de Barreiros presenta un orzamento de 4,4 millóns que na realidade quedan en arredor de 3,7 millóns reais, o gasto que supoñen pode superar anualmente o 10% do orzamento municipal”, manifestan.

Desde o BNG cualifican esta situación como “anormal, porque un Concello coma Barreiros non pode permitirse gastar unha porcentaxe tan importante do seu orzamento nun mesmo grupo de empresas, provocando de facto un monopolio na prestación de servizos municipais e mesmo creando confusión na poboación á hora de discernir a relación das persoas empregadas nesas empresas e o Concello de Barreiros.”