O CONCELLO DE BARREIROS DESTINA ARREDOR DO 10% DO ORZAMENTO A PAGAR FACTURAS DUN ÚNICO GRUPO DE EMPRESAS DO MESMO TITULAR

O CONCELLO DE BARREIROS DESTINA ARREDOR DO 10% DO ORZAMENTO A PAGAR FACTURAS DUN ÚNICO GRUPO DE EMPRESAS DO MESMO TITULAR

Facturas por traballos no alumeado, instalacións en festas, pintado ou reparacións de edificios diversos ou transporte preséntanse sistematicamente por un mesmo grupo de empresas; ás que deben sumarse os contratos de mantemento do alumeado e de abastecemento de auga dos que resultaron adxudicatarios.

Barreiros, 31 de outubro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego vén de comprobar que o goberno de Barreiros encarga sistematicamente traballos a un mesmo grupo de empresas cuxa titularidade é coincidente e para os que se destinan arredor de 400.000 euros anuais. Esta cantidade obtense sumando facturas de conceptos tan diversos como pintado de igrexas, reparacións en edificios, instalacións eléctricas en festas, reparacións no servizo de augas ou traballos de poda; aos que se engaden os contratos de mantemento de alumeado eléctrico e o recentemente privatizado servizo de mantemento do abastecemento de auga.

Segundo se pode comprobar nos datos publicados polo propio Concello en cumprimento da Lei de contratos, que obriga a publicar as adxudicacións directas con independencia do importe; só nos meses de abril, maio e xuño ese grupo, ben sexa como persoa física ou xurídica, recibiu pagos por importe de 109.190,26 euros. A esas facturas, que non se apoian en ningún contrato con procedemento aberto, hai que sumar as cantidades relativas aos contratos de mantemento do alumeado (que ten un orzamento anual de 153.500 euros) e o recentemente adxudicado contrato de mantemento do abastecemento de auga (que supón un custo para dous anos de 217.800 euros).

A portavoz nacionalista no concello, Ana Ermida, sinala que se dan “situacións tan curiosas como que en só dous días do mes de abril esas empresas facturan ao Concello de Barreiros 55.863,97 euros; correspondentes a facturas dunha mesma denominación social do 3 de abril por importe total de 20.185,43 euros e 35.678,54 euros, do 4 de abril, doutro provedor do mesmo grupo.” “E mesmo- asegura- dúas das facturas de distintos días correspondían ao traslado dun pantalán e traballos no mesmo, sen estar aínda aprobada e autorizada a súa colocación.”

A formación nacionalista asegura que “co importe dos dous contratos, segundo o previsto nos orzamentos, supoñen anualmente un gasto de máis de 262.000 euros. Só sumando as facturas xa presentadas neste ano e esa cantidade, obtense un total de 371.590,23 euros.”

“Tendo en conta que o Concello de Barreiros presenta un orzamento de 4,4 millóns que na realidade quedan en arredor de 3,7 millóns reais, o gasto que supoñen pode superar anualmente o 10% do orzamento municipal”, manifestan.

Desde o BNG cualifican esta situación como “anormal, porque un Concello coma Barreiros non pode permitirse gastar unha porcentaxe tan importante do seu orzamento nun mesmo grupo de empresas, provocando de facto un monopolio na prestación de servizos municipais e mesmo creando confusión na poboación á hora de discernir a relación das persoas empregadas nesas empresas e o Concello de Barreiros.”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *