O GOBERNO DE BARREIROS NON SOLICITOU O ARRANXO DO TRAMO DE ESTRADA QUE PEDIU CEDIDO Á DEPUTACIÓN NO CENTRO DE BARREIROS

O GOBERNO DE BARREIROS NON SOLICITOU O ARRANXO DO TRAMO DE ESTRADA QUE PEDIU CEDIDO Á DEPUTACIÓN NO CENTRO DE BARREIROS

Desde o BNG solicitouse en sesión plenaria municipal que se negociase a transferencia acompañada de melloras ou de diñeiro para afrontar o arranxo do vial.

“Solicitar unha cesión dun vial en mal estado sen pedir o seu arranxo ou diñeiro é mostra do pouco interese que ten o goberno municipal nas necesidades do Concello”, afirman desde a formación nacionalista.

Barreiros, 26 de xuño de 2018. “O goberno municipal de Barreiros, co alcalde Alfonso Fuente á fronte, volve a amosar a súa incapacidade e, unha vez máis, facendo deixación de funcións, solicita a transferencia dun tramo de 860m da estrada provincial LU-P 0608 sen reclamar previamente que a Deputación lla entregue arranxada ou acompañada de diñeiro para poder realizar o arranxo, tal e como lle propuxeramos desde o BNG en sesión plenaria municipal”, afirman desde a formación nacionalista.

No pleno celebrado hoxe na deputación, onde se aprobou a transferencia dese tramo que vai desde o centro de San Cosme ata o enlace coa estrada Trabada-Barreiros LU-P-6103, o Vicepresidente da deputación e delegado de Vías e Obras, Argelio Fernández, confirmoulle ao deputado do BNG e concelleiro en Barreiros, Antonio Veiga, en resposta a unha pregunta ao respecto que o concello barreirense só solicitara a transferencia, tal como consta no expediente, pero que non solicitara ningún arranxo.

Desidia e deixación de funcións por parte do alcalde e do goberno municipal.

Para a portavoz municipal do BNG, Ana Ermida, o alcalde unha vez máis deixa de exercer as súas funcións e, “nunha nova mostra de incapacidade e incompetencia, non fai algo tan sinxelo como é demandar o arranxo deste tramo que lle vén de transferir a institución provincial. “Só tiñan que pedir”, asegura. “Deste xeito, como consecuencia da súa deixadez, o Concello perde a ocasión de recibir este vial debidamente asfaltado, xa que precisa dunha urxente reparación” manifestou Ana Ermida; quen tamén afirmou que “foi unha mágoa que o concello de Barreiros non solicitase o acondicionamento dese tramo, sobre todo tendo en conta que en días pasados, a Deputación estivo asfaltando a estrada Trabada-Barreiros. Sería beneficioso para o Concello e resultaría económico para a Deputación, pero como podemos comprobar todos os días, desde o concello de Barreiros non se actúa de acordo a razoamentos lóxicos nin pensando no interese xeral das barreirenses.”

“Gustaríanos saber en base a que se actúa neste Concello, porque pedir un tramo dun vial en mal estado para sumar ás ducias de quilómetros de vías municipais que xa se atopan nun estado deplorable, parécenos un insulto á intelixencia”, afirma Ana Ermida. “Salvo que o interese en pedilo sen arranxar sexa outro e o Partido Popular prefira gastar os xa escasos fondos que o Concello dedica ao arranxo de vías nunha estrada que acaba de recibir”, conclúen.

O CONCELLO INSTALOU UN POSTO DE SOCORRO NA PRAIA DE AREALONGA

O CONCELLO INSTALOU UN POSTO DE SOCORRO NA PRAIA DE AREALONGA. É O SEGUNDO CO QUE CONTARÁN OS AREAIS BARREIRENSES ESTE VERÁN. 21 SOCORRISTAS, 2 TÉCNICOS SANITARIOS, 1 AMBULANCIA E 2 ZODIACS FORMAN O DISPOSITIVO DESTA TEMPADA.La imagen puede contener: una o varias personas, personas de pie, cielo y exterior

No hay texto alternativo automático disponible.

La imagen puede contener: texto

Barreiros, 26 de xuño de 2018. O Concello instalou esta mañá un posto de socorrismo na praia de Arealonga. Un total de 21 socorristas, 2 técnicos sanitarios, unha ambulancia e dúas zodiacs prestarán os seus servizos do 1 de xullo ao 31 de agosto nos areais barreirenses, nos que haberá dous postos de socorro, un na praia de Coto e outro na de Arealonga.

O alcalde, Alfonso Fuente, anunciou que “hoxe en Barreiros deixábamos xa instalado ese posto de socorro que se coloca na praia de Arealonga, en Reinante. No posto de socorro vaise contar cunha camilla, cun baño e auga quente para prestar ese servizo. Nós o que queremos é priorizar a atención ás persoas, aos usuarios das praias, e darlles ese mellor servizo”.

O rexedor subliñou que “este é o segundo posto de socorro, que se suma ao que xa tíñamos fixo en Coto. Deste xeito contaremos con estes dous postos nos oito quilómetros de praias que temos”.

Fuente Parga engadiu que “a isto temos que sumarlle que este ano imos contar cunha ambulancia, xa hai pouco tempo prestaba o servizo de ambulancia medicalizada na Mariña, e agora esa ambulancia, que é como unha UCI móbil, imos tela a disposición no concello de Barreiros durante todo o verán. Oxalá non haxa que usala, pero sabemos que sempre hai algunha cousa e ímola tela aí con dous técnicos sanitarios sumados aos 21 socorristas, que algúns comezarán traballar este xoves e outros este próximo fin de semana. Nós levamos xa tempo traballando neste tema”.

O alcalde barreirense declarou que “tamén hoxe á tarde nos entregarán unha das zodiacs que adquirimos, unha zodiac nova, e outra que seguramente dispoñemos dela para a próxima semana, para dar un mellor servizo de salvamento e socorrismo aos usuarios”.

Alfonso Fuente Parga referiuse ás críticas vertidas nas últimas horas polo BNG: “onte recibíamos unhas críticas porque hai retraso na corta da herba. Non digo que non sexa importante, pero nós cremos que máis importante é prestar un servizo ás persoas cando realmente o necesitan nun momento de urxencia, colocando esta caseta. Víamos desgraciadamente como fai un tempo pasaba un accidente nas Catedrais, e á rapaza houbo que sacala con poucos medios naquel momento e non queremos que isto nos pase en Barreiros polo menos na época estival do 1 de xullo ao 31 de agosto. Tamén me dirá alguén que poderíamos ter este servizo no mes de xuño e en setembro, e se quentara o sol en maio tamén habería que telo nese mes, pero nesta zona consideramos todos que a tempada empeza o 1 de xullo ao 31 de agosto, e cando poidamos ampliala o faremos. Pero ese é o prazo que consideramos que debemos ter todos eses medios en servizo”.

O Concello procede estes días a realizar tarefas de mantemento nos baños e nas duchas das praias, para que estean listos a vindeira fin de semana.