Ollomao convoca a unha reunión a quen queira botar un cabo na I Carreira Popular Ao Son do Masma O luns 31 ás 20:30h

Ollomao convoca a unha reunión a quen queira botar un cabo na I Carreira Popular Ao Son do Masma O luns 31 ás 20:30h. haberá unha reunión nas Escolas de Celeiro de Mariñaos para organizar o traballo que require a realización desta proba deportiva. Será aberta a todas as persoas que desexen colaborar.

O Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros leva dende hai unha década realizando, entre outras, diferentes actividades dirixidas a dar a coñecer e reivindicar a necesidade de mellorar o estado do río Masma ao seu paso por Celeiro de Mariñaos. Así pois, tamén con esta finalidade naceu no ano 2012 “Ao Son do Masma”, o festival de música galega de ritmos tradicionais feito a carón do río. Catro anos despois, Ollomao ten deseñadas varias actividades vencelladas a este fluvial e ao seu entorno, mediante as cales mostrar a riqueza do río, o seu ecosistema, así como as potencialidades de ocio que permite e permitiría no caso de estar nun mellor estado.

O pasado 9 de outubro tivo lugar unha limpeza simbólica arredor do río en vinculación coa Limpeza Simultánea de Ríos organizada por ADEGA, e para este 5 de novembro realizarase a I Carreira Popular Ao Son do Masma. A realización de actividades deportivas foi unha novidade incorporada recentemente aos estatutos de Ollomao, que se estrea coa realización desta carreira como medio para dar a coñecer o entorno do río Masma a persoas que gusten do deporte e que serán chegadas dende distintas provincias galegas e o occidente asturiano.

A I Carreira Popular Ao Son do Masma está pensada como unha ocasión para reunir en Celeiro de Mariñaos a persoas que desexen participar nunha proba deportiva tanto en categoría adulta como infantil, esta última de balde. Ademais establécese a categoría adaptada para dar a oportunidade de participar a persoas con algún tipo de discapacidade acreditada que opten por non competir na categoría absoluta. Esta carreira busca ser tamén un espazo para a participación de persoas con diversas capacidades funcionais polo que se organizará o paseo pola integración “Quen non corre, camiña” para que sexa realizado por todas aquelas persoas que non queiran participar na carreira pero desexen pasear un par de quilómetros a carón do río.

Igualmente, Ollomao ten previstas actividades para entretemento das máis e os máis pequenos, como unha sesión de cinema infantil feito en Barreiros, e “O salmón saltón”: un gran xogo de preguntas para todas as nenas e nenos que desexen participar. Toda a actividade terá lugar a partir das 16:30h.do sábado 5 de novembro e a sesión pecharase cunha merenda para todas as persoas presentes. Toda a información referida a esta competición deportiva así como o espazo para poder inscribirse está dispoñible na páxina web http://inscripciones.prueba-t.es/inscripcion. O colectivo organizador habilita tamén o enderezo electrónico [email protected] e o teléfono 650542932 como canles para consultar calquera dúbida.

Coa finalidade de organizar todos os requerimentos dunha proba destas características, Ollomao convoca unha reunión para o luns 31 de outubro ás 20:00h. á cal quedan convidadas todas as persoas que desexen aportar a súa colaboración como apoio físico o propio día da competición.