O XIMNASIO MUNICIPAL ACOLLE DENDE MAÑÁ SESIÓNS DE ADESTRAMENTO PERSOAL. A INSCRICIÓN ESTÁ ABERTA E A ACTIVIDADE É GRATUÍTA

O XIMNASIO MUNICIPAL ACOLLE DENDE MAÑÁ SESIÓNS DE ADESTRAMENTO PERSOAL. A INSCRICIÓN ESTÁ ABERTA E A ACTIVIDADE É GRATUÍTA.

Barreiros, 14 de setembro de 2017. Mañá, 15 de setembro, darán comezo no ximnasio municipal de Barreiros unhas sesións de adestramento persoal que terán lugar ata o 13 de outubro. A actividade, que era presentada polo alcalde, Alfonso Fuente, e o concelleiro de Deportes, Adrián Blanco, é gratuíta, e desenvolverase os mércores e venres en horario de 16:00 a 20:00 horas, en clases dunha hora de duración.

O rexedor barreirense subliñou que “se trata  dunha actividade que nos parece novidosa e interesante para os rapaces, como son unhas sesións de adestramento persoal. Non se trata simplemente duns adestramentos, senón que aquí en colaboración coa Xunta de Galicia plantexámoslle un proxecto para a mocidade, que é saber adestrar”.

Fuente Parga declarou que “se están incrementando moito as tarefas deportivas e o inicio ao deporte, pero en moitos casos faise sen seguir unhas pautas saudables. Aquí o que van a aprender das mans de técnicos deportivos, de xente experimentada, é cómo hai que facer os adestramentos, cales son hábitos saudables incluso desde a nutrición, os tempos de adestramento, etc”.

Para o alcalde “esta actividade é interesante tanto para rapaces como para persoas maiores. É un tema novidoso e creo que interesante para toda aquela xente que se dedica a facer calquera actividade deportiva pola súa conta porque aquí lle van marcar unhas pautas que debe seguir en canto a tempos de adestramento como alimentación e todo o que se relaciona co deporte”.

O rexedor anunciou que “a inscrición está aberta. As persoas interesadas poden achegarse ao ximnasio municipal en Barreiros. Vai ser dende o 15 de setembro ata o 13 de outubro, e será sempre mércores e venres desde as 16:00 ás 20:00 horas. Son sesións dunha hora de duración e faranse grupos para que sexa máis intensivo e poidan aproveitar mellor o tempo”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.