O Praias de Barreiros FS buscará en Begonte a clasificación para a fase final da Copa Federación

O Praias de Barreiros FS buscará en Begonte a clasificación para a fase final da Copa Federación

O conxunto barreirense logrou impoñerse por 4 goles a 3 ó Begonte FS o pasado fin de semana na ida dos cuartos de final da Copa de Autonómica e Provincial de fútbol sala de Lugo. Os mariñáns viaxarán a Begonte o próximo sábado para disputar o encontro de volta que comezará ás 20:30 horas.

O vencedor desta eliminatoria accederá ás semifinais da Copa, unha competición que se resolverá o próximo sábado 30 de maio no Pavillón Municipal de Barreiros. Unha motivación extra para os barreirenses que tratarán de conseguir o billete para poder disputar esa fase final. O vencedor do Begonte FS- Praias de Barreiros enfrontarase en semifinais ó vencedor da eliminatoria que disputan o Castroverde FS e o Talleres Vilaboa (que na ida rematou con empate, 2-2).

Polo outro lado do cadro atópanse o Hotel Roma FS e a Peña Españolista de Sarria, que no encontro de ida empataron 2-2. E no outro encontro de cuartos de final, o Outeiro de Rei parte con certa vantaxe tras impoñerse por 5 goles a 1 ó CD Cubelas FS.

A fase final disputarase o próximo sábado 30 de maio no Pavillón Municipal de Barreiros. A primeira semifinal terá lugar ás 16:30 horas e a segunda ás 18:00 horas. A final da Copa Federación de fútbol sala de Liga Provincial e Autonómica de Lugo está programada para as 19:30.