O GOBERNO DE BARREIROS IGNOROU O INFORME DE ADEAC E NON ATENDEU ÁS RECOMENDACIÓNS

O GOBERNO DE BARREIROS IGNOROU O INFORME DE ADEAC E NON ATENDEU ÁS RECOMENDACIÓNS.

O BNG non entende a sorpresa do rexedor cando no informe recibido o 18 de xullo xa se advertía da posibilidade de perder os distintivos.

A convocatoria de contratación dos socorristas só ofertaba 20 postos para este servizo.

Barreiros, 3 de agosto de 2016. O BNG lamenta o pasotismo e a prepotencia coa que reaccionou o alcalde de Barreiros á retirada de todas as Bandeiras Azuis das praias barreirenses. Desde o grupo municipal nacionalista din non entender “a sorpresa amosada polo rexedor, tendo en conta que nun informe recibido no concello o día 18 de xullo, ADEAC xa advertía dunha serie de deficiencias nas praias que poderían conlevar a retirada definitiva dos galardóns”.

“Non o entendemos porque, facendo gala da deixadez e a prepotencia de quen nunca asume as consecuencias dos seus actos, tal informe non foi sequera contestado nos 10 días que se outorga para tal e, deste xeito, amosar a intención de corrixir as deficiencias”, explica a portavoz municipal Ana Ermida.

Para o BNG non é de recibo que se presuma de mellorar os servizos das praias por ter colocado uns baños nalgunhas praias a metade da temporada, por ter privatizado o servizo de limpeza dos areais ao nonn ser quen de xestionalo desde o concello ou por pechar unha zona ao baño tras ser incapaz ano tras ano de solucionar o problema dos vertidos de Arealonga. “O que fai o goberno de Barreiros non é xestionar e mellorar os areais, senón ir poñendo parches en cada un dos problemas que aparecen. Se iso é do que presumen, queda á vista cal é o seu modo de gobernar”, afirman os nacionalistas.

Os postos ofertados para socorrismo foron 20.

Desde o BNG tamén amosan a súa sorpresa ao escoitar que a intención do goberno municipal era a de contratar máis socorristas, pero foi imposible debido á escaseza de profesionais. “Non entendemos moi ben que a intención fora a de contratar máis persoal de salvamento xa que na resolución da alcaldía, de data 3 de xuño, na que se aproba a convocatoria para a contratación de socorristas, só se contemplan os 20 postos subvencionados pola Xunta. E ata o 30 dese mesmo mes non se convocou ningunha praza máis para este servizo”, explica Ana Ermida.

“Descoñecemos se houbo algunha resolución no mes de xullo, pero non nos parece lóxico que se agarde ao mes de xullo para ofertar algunha praza a maiores sabendo a solicitude de profesionais do socorrismo que existe. Se realmente houbera planificación e interese, teríase feito a convocatoria en tempo e poderían terse cuberto as prazas precisas”, aseguran desde o BNG.

As praias como mostra da xestión do PP en Barreiros.

O BNG lamenta que “a incapacidade do goberno municipal remate deste xeito no que ás praias se refire” e, aseguran que “é a marca do goberno do PP en Barreiros”.

“A xestión de Alfonso Fuente á fronte do goberno municipal é tan nefasta que nin o seu xefe Feijoo quere pasar por este concello, tal e como se evidenciou na visita que fixo onte aos municipios limítrofes de Foz e Ribadeo”, afirman.

Ana Ermida manifesta “a preocupación do BNG pola situación que hai neste concello: non se planifica, non se priorizan investimentos nin gastos, malgástanse os cartos en caprichos e nimiedades mentras se desatenden cuestións fundamentais. As praias son o primeiro exemplo palpable de como está este concello por dentro. A incapacidade non pode ser maior, nin facéndoo adrede”, conclúen.