O GOBERNO DE BARREIROS GASTARÁ UN UN 205% MÁIS NA EMPRESA DE LIMPEZA DE PRAIAS

O GOBERNO DE BARREIROS GASTARÁ UN UN 205% MÁIS NA EMPRESA DE LIMPEZA DE PRAIAS

Mentres se reducen os cartos para a rede viaria, increméntase para pagarlle a empresas privadas que limpan as praias nos meses de verán.

Barreiros, 27 de xaneiro de 2018. O custe da empresa de limpeza de praias volverá a incrementarse neste ano 2018. “O ano pasado o goberno municipal destinaba á partida de traballos realizados por empresas 36.000€. E para este ano, esa cantidade sube ata os 75.000 euros”, explica a portavoz municipal do BNG, Ana Ermida.

Para a formación nacionalista, este incremento “reflicte perfectamente a política do goberno municipal do PP: sacan cartos das partidas máis necesarias para as necesidades das veciñas e dos veciños, como pode ser o mantemento da rede viaria, para destinalos a pagarlle a determinadas empresas que fan traballos que antes se facían con medios municipais.”

“Estamos asistindo a unha continua privatización de servizos que, lonxe de beneficiar ás veciñas e aos veciños, a quen benefician é ás empresas ás que se lles dan eses traballos”, afirman. “Que se lles dan, por certo, -cando menos nestes anos así foi- sen ningún tipo de procedemento para garantir a concorrencia de outras empresas que puideran facer os traballos máis económicos e, mesmo, mellor”, di Ana Ermida.

O BNG propón que se cambien os orzamentos para atender as necesidades reais do Concello.

Na asemblea que tivo lugar hoxe en Reinante o BNG explicou a súa postura a respecto dos orzamentos presentados a semana pasada polo PP e asegurou que “votamos en contra deles porque estes non son os orzamentos que precisa Barreiros. Séguese facendo un furado, acumulando débedas que colocan ao Concello nunha situación económica cada día máis difícil. E o PP, coa súa maioría no pleno, segue empeñado en deixar a Barreiros ao borde do abismo, mentres manda os cartos para empresas privadas.”

Desde o BNG anuncian que o seu compromiso é traballar para que os orzamentos atendan ás necesidades das veciñas e dos veciños. “Que deixen de gastarse cartos en empresas e avogados, en propaganda e protocolo e empecen a investirse en servizos e infraestruturas necesarias para este Concello”, afirman,

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *