O CONCELLO ESTREA UN RENOVADO PORTAL WEB

O CONCELLO ESTREA UN RENOVADO PORTAL WEB CON CONTIDOS E FUNCIÓNS DE INTERESE TANTO PARA @S VECIÑ@S COMO PARA OS VISITANTES. TRÁTASE DUNHA PÁXINA MODERNA, DESEÑADA PARA A SÚA CORRECTA VISUALIZACIÓN EN TODA CLASE DE DISPOSITIVOS. ESTÁ DISPOÑIBLE EN GALEGO E EN CASTELÁN.

Barreiros, 20 de novembro de 2015. O Concello de Barreiros dispón, desde hoxe, dun renovado espazo web (www.concellodebarreiros.com) con contidos e funcións de interese tanto para veciñas e veciños como para visitantes. Así o anunciou o propio alcalde, Alfonso Fuente, que afirmou que “esperamos que o novo portal web municipal do Concello de Barreiros sirva de axuda no día a día dos habitantes da nosa localidade e vaia no camiño de mellorar a promoción das bondades do noso municipio, que son moitas”.

Trátase dunha web moderna, deseñada para a súa correcta visualización en toda clase de dispositivos, dispoñible en galego e castelán, e que ofrece unha ampla información organizada en distintos apartados.

No primeiro deles, denominado Concello, ademais da benvida do alcalde, accédese a datos sobre a corporación municipal, orzamentos, contratación, ordenanzas; así como ó directorio, o taboleiro de anuncios, o apartado de noticias e a axenda. Estes dous últimos estarán en constante actualización para que se coñezan os últimos acontecementos no municipio e as vindeiras ofertas e actividades.

O segundo apartado recolle información sobre as instalacións das que dispón o Concello e de todos os servizos que ofrece, entre os que se inclúe o aviso de incidencias e a caixa de suxestións; mentres que o terceiro bloque reúne datos sobre a historia do municipio, as súas parroquias, así como mapas, teléfonos de interese e un subapartado de mobilidade e transporte.

Ademais, hai unha parte específica sobre turismo, no que se atopa información detallada sobre as praias, a montaña, as rutas de sendeirismo, o Camiño Norte de Santiago, gastronomía, patrimonio e festas, coa súa correspondente galería de imaxes, e no que se explica como chegar ó municipio, con distintos mapas e indicacións e con enlaces ós medios de transporte público que pasan por Barreiros.

Neste sentido, o rexedor barreirense explicou que “a mellor forma de coñecer este renovado portal web é entrando nel, para descubrir todo o contido que recolle, contido que combina tanto información escrita como gráfica, polo que se fai máis atractivo”.

“Grazas a este novo espazo dixital o Concello está a un só click de veciñ@s e visitantes, xa que nel se poden consultar horarios nos que están abertas todas as instalacións, as taxas dalgúns servizos, e incluso descargar directamente a documentación para facer uso dos servizos que se ofrecen desde o Concello”, concluíu Alfonso Fuente.