O BNG REXISTRA UNHA MOCIÓN EN BARREIROS PARA QUE O CONCELLO EXIXA MEDIDAS PARA REBAIXAR A FACTURA DA LUZ

O BNG REXISTRA UNHA MOCIÓN EN BARREIROS PARA QUE O CONCELLO EXIXA MEDIDAS PARA REBAIXAR A FACTURA DA LUZ

A formación nacionalista recolleu máis dun cento de sinaturas de apoio á súa proposta entre as veciñas e veciñosdo m   unicipio.

A deputada Olalla Rodil, presente na recollida, asegurou que “a luz a día de hoxe é un ben de absoluta primeira necesidade, polo que non pode estar grava co mesmo IVE ca un paquete de tabaco”

 

Barreiros, 9 de novembro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego rexistrou na mañá de hoxe unha moción no Concello de Barreiros para instar á corporación municipal a esixir, no pleno que se celebrará a finais de mes, que se adopten medidas que permitan rebaixar o recibo da luz; que vén sufrindo escandalosas subas mensualmente e que repercuten especialmente nas consumidoras e consumidores galegos.

A presentación da moción produciuse despois de que, durante pouco máis de dúas horas, recollesen máis dun cento de sinaturas de apoio ás propostas defendidas pola formación para lograr unha tarifa eléctrica galega e medidas que garantan o acceso da poboación á electricidade como un ben de primeira necesidade.

Así o defendeu a deputada nacionalista, Olalla Rodil, presente na recollida, que asegurou que “a día de hoxe a luz tense convertido nun ben de primeira necesidade, polo que non é comprensible que o IVE do recibo da luz sexa o mesmo que o do tabaco ou o alcool.”

Rodil manifestou que ademais de para as familias, as propostas do BNG terían unha importante incidencia no sector industrial e empresarial, “desde as gandeirías ata as persoas autónomas que están vendo como a factura da luz é cada vez máis alta e un dos principais gastos aos que se enfrentan mensualmente.”

Desde o BNG aseguran que unha tarifa eléctrica galega permitiría reducir o custo da enerxía arredor do  30% con respecto ao prezo actual. E cren que “nun País produtor coma Galiza, é lóxico que poidamos beneficiarnos cando menos nos nosos recibos, tendo en conta o impacto que teñen as infraestruturas produtoras de enerxía, tales como encoros ou os eólicos nos montes”, afirma a portavoz en Barreiros, Ana Ermida.

Desde a formación frontista defenden tamén a eliminación dos suplementos territoriais que se contemplan nos recibos, “xa que supoñen unha clara discriminación para Galiza”.

O BNG mantén ademais que “o lóxico sería que aquelas centrais que rematen a concesión, fundamentalmente encoros que se consturíron durante o franquismo con un importante impacto social e ecolóxico, retornen a mans públicas e se xestionen por unha empresa pública galega que socialice os beneficios da producción eléctrica en Galiza”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *