O BNG PIDE A REPROBACIÓN DA XUNTA DE GOBERNO DE BARREIROS NUN PLENO EXTRAORDINARIO

O BNG PIDE A REPROBACIÓN DA XUNTA DE GOBERNO DE BARREIROS NUN PLENO EXTRAORDINARIO

A formación nacionalista pide a comparecencia dos tres membros da Xunta de Goberno sobre os que pesa a petición da fiscalía de prisión e inhabilitación para que lle expliquen ás veciñas e aos veciños en que situación queda o Concello de Barreiros.

Barreiros, 30 de novembro de 2015. O BNG de Barreiros vén de rexistrar na mañá de hoxe un escrito no Concello de Barreiros solicitando a convocatoria dun pleno extraordinario a consecuencia dos últimos acontecementos coñecidos sobre a petición da Fiscalía a a inminente apertura de xuízo oral para o Alcalde e os outros dous membros da Xunta de Goberno, acusados dun presunto delicto de prevaricación urbanística continuada pola concesión de 45 licenzas en contra dos criterios legais.

Segundo a formación nacionalista,  “é o mínimo democrático que podemos esixir dunhas persoas que foron elixidas hai seis meses e que se están enfrontando a unha petición tan seria. Non se trata dun mero problema administrativo na tramitación dun expediente, senón de ignorar os criterios legais na concesión continuada de licenzas de obra para 45 expedientes.”

“Estamos ante un deses casos que noutros lugares do Estado deron pé a auténticos supostos de corrupción e as veciñas e veciños de Barreiros teñen o dereito de coñecer no lugar onde procede, que é o pleno municipal, as explicacións oportunas”, afirman.

Segundo explicou a portavoz do BNG, Ana Ermida, a súa formación pretende que quen, de momento, ten responsabilidade de goberno explique diante da veciñanza en que situación queda a corporación municipal, “pois o anuncio feito polo Alcalde da solicitude de baixa como militantes do PP non é máis ca un xeito de intentar non perxudicar ao partido, como el mesmo dixo, pero sen importarlle os perxuízos que poida causarlle ao Concello de Barreiros. Non deben esquecer estas tres persoas que foron elixidas nunhas listas dunha formación política concreta e que, se a abandonan, pasan a ser non adscritos, xa que abandonan a disciplina partidaria e o sistema electoral español é un sistema no que se elixe ao partido, non á persoa”, explica.

Por iso, desde o BNG sinalan tamén que “terá que explicar o PP que vai facer. Se as tres persoas que lle quedan na corporación van seguir apoiando e mantendo unha xunta de goberno baixo as súas siglas que, en realidade xa non os representa e se dan por ben feita a actuación destas tres persoas actualmente á fronte do goberno barreirense”.

“Estas persoas non están lexitimadas para seguir representando ás veciñas e aos veciños. Se non valen para representar ao PP, non debe permitírselles que representen a Barreiros”, afirma Ana Ermida.

Explicacións das consecuencias que pode ter para Barreiros

Na solicitude de pleno que vén de rexistrar o BNG, propón como primeiro punto da orde do día a comparecencia da actual Xunta de Goberno Local para dar todas as explicacións que sexan solicitadas polos grupos municipais a respecto non só da nova conformación da corporación “que pasaría a estar composta por 4 persoas do BNG, 3 do PP, 3 non adscritos e 1 concelleira do PSOE” e da situación na que quedaría esa Xunta de Goberno se seguen mantendo os seus cargos; senón tamén cal é a actual situación económica do Concello no relativo ao traballo de elaboración dos orzamentos municipais e dos gastos contemplados como asistencia xurídica. “Porque non podemos esquecer”, explican desde o BNG, “que só neste ano 2015 o PP aprobou máis de 65.000€ para gastos de representación en xuízos que debemos saber a que se destinan e canto gasto máis se pode estimar”. Ademais, “os responsables municipais deben ter unha estimación do que pode supoñer esta nova situación para o Concello a todos os niveis, tanto legal como economicamente, se poden producirse reclamacións económicas por parte de promotores das obras ou propietarios de pisos desas construccións que están en entredito”, expoñen os nacionalistas.

A totalidade do pleno terá que posicionarse sobre a reprobación da Xunta de Goberno.

Unha vez escoitadas as explicacións que os diferentes grupos municipais poidan requirir da Xunta de Goberno, someterase a debate unha moción na que o grupo nacionalista insta ao pleno municipal  a “reprobar a actual Xunta de Goberno Local de Barreiros, composta polos acusados de prevaricación urbanística continuada pola concesión de 45 licenzas urbanísticas Alfonso Fuente Parga, José Manuel Gómez Puente e Lorenzo Penabad Bolaño; trasladando publicamente a falta de apoio por parte dos grupos municipais existentes na corporación de Barreiros para seguir manténdose como concelleiros de goberno e únicos membros da Xunta de Goberno Local.”

“Non entendemos que estas tres persoas que conforman o órgano de goberno deste concello non teñan confianza para seguir vinculados ao partido que representaban inicialmente, pero que ese mesmo partido poida seguir confiando neles para mantelos como gobernantes das veciñas e veciños”, explica Ana Ermida.

Ademais, desde o BNG sinalan que “a situación na que pode quedar Barreiros é absolutamente excepcional e pode ter consecuencias graves para o Concello”, polo que piden tamén o posicionamento de todas as concelleiras e concelleiros barreirenses sobre a “complexidade que pode existir para a gobernabilidade municipal e a asunción de responsabilidades por parte de quen decida permitir a continuidade desta situación.”

————————————————–

Ana Ermida Igrexas, Antonio Veiga Outeiro, Montserrat Porteiro Sánchez e Dámaso Ratoeira Basanta; concelleiras e concelleiros do Grupo Municipal do BNG en Barreiros, ao abeiro da legislación vixente, presentan a seguinte

MOCIÓN SOBRE A REPROBACIÓN DA ACTUAL XUNTA DE GOBERNO LOCAL E A FALLA DE LEXITIMIDADE PARA REPRESENTAR ÁS E AOS BARREIRENSES

Nos últimos días téñense producido acontecementos xudiciais con respecto a parte dos membros do goberno de Barreiros que deben ser analizados polo conxunto da corporación local xa que, máis alá das consecuencias legais ou xudiciais que poidan conlevar, xa teñen comezado as consecuencias políticas, podendo afectar gravemente á situción e á gobernabilidade do Concello de Barreiros. Non podemos obviar que a acusación do Ministerio Público reviste extrema gravidade xa que se trata dun presunto delicto de prevaricación urbanística continuada que representa un dos supostos máis públicos e notorios que teñen trascendido a todos os niveis dentro das redes de corrupción extendidas en determinadas instancias políticas. Tras coñecerse o escrito de acusación da fiscalía no que solicita penas de prisión e inhabilitación para Alfonso Fuente Parga, José Manuel Gómez Puente e Lorenzo Penabad Bolaño (actualmente os membros da Xunta de Goberno), e o auto de apertura do xuízo oral, estas tres persoas solicitaron a baixa como militantes do PP. Esta circunstancia supón o abandono (sexa voluntario ou incitado) da disciplina baixo a que se presentaron as eleccións, pois é ben sabido que o sistema político do Estado español responde á representatividade dos partidos ou formacións que elaboran as candidaturas e non ao sistema de listas abertas nas que a escolla é persoal. Polo tanto, a lexitimidade acadada nas urnas polas persoas que concurren nunha lista vén dada polos apoios que obtén tal candidatura, con independenza das persoas que poidan conformala. En base a isto, é obvio que estas persoas perden a lexitimidade desde o momento que deixan de pertencer á formación política pola que foron escollidas, pasando (segundo o artigo 73 do ROF) a formar parte da corporación como concelleiros non adscritos. A maiores, supón unha importante falta de respecto cara ás veciñas e veciños que a xustificación para abandonar a militancia no PP sexa a intención de non perxudicar ao partido; mentras se aferran ao cargo institucional, ostentando a máxima representación do Concello de Barreiros e, polo tanto, das súas veciñas e veciños, sen importarlles o perxuízo que poida traer. É vergoñento ver como se priorizan os intereses partidarios fronte aos intereses públicos para os que, na teoría, foran os que se comprometeran a defender. Curiosa é tamén a postura do Partido Popular, unha forza que obtivo 6 representantes nas pasadas eleccións de maio, que queda agora reducida á metade (tras o abandono destas tres persoas) e que prefire seguir mantendo no goberno a tres persoas que, na teoría xa non representan á formación, antes que dar a posibilidade dunha nova conformación gubernamental, acorde coa nova composición da corporación: 4 concelleir@s do BNG, 3 concelleir@s do PP, 3 concelleiros non adcritos e 1 concelleira do PSOE. Esta situación, ademais dos problemas que veñen de debaterse, é importante sinalar que esta tendo xa numerosas consecuencias económicas para o Concello de Barreiros. É de destacar que o mantemento dos cargos gobernamentais supón o mantemento de certos privilexios como o propio salario do alcalde ou uns gastos de asesoramento legal que están sendo sufragados con cargo aos orzamentos municipais, creando importantes dúbidas, incluso no tocante á legalidade, a este respecto. En base ao anteriormente exposto, as concelleiras e concelleiras asinantes propoñen ao pleno da corporación municipal de Barreiros a adopción do seguinte ACORDO: Reprobar a actual Xunta de Goberno Local de Barreiros, composta polos acusados de prevaricación urbanística continuada pola concesión de 45 licenzas urbanísticas Alfonso Fuente Parga, José Manuel Gómez Puente e Lorenzo Penabad Bolaño; trasladando publicamente a falta de apoio por parte dos grupos municipais existentes na corporación de Barreiros para seguir manténdose como concelleiros de goberno e únicos membros da Xunta de Goberno Local. Igualmente, trasladar que, de manterse esta situación, a corporación municipal de Barreiros atoparíase nunha situación extraordinaria e tremendamente complexa para a gobernabilidade municipal, podendo acarrear consecuencias legais e económicas para o Concello que deben ser asumidas por quen permita o mantemento de tal situación. En Barreiros, a 30 de novembro de 2015. Ana Ermida Igrexas Antonio Veiga Outeiro Concelleira- portavoz do BNG Concelleiro do BNG

——————————————————–

SOLICITUDE DE PLENO EXTRAORDINARIO

Ana Ermida Igrexas, Antonio Veiga Outeiro, Montserrat Porteiro Sánchez e Dámaso Ratoeira Basanta; concelleiras e concelleiros do Grupo Municipal do BNG en Barreiros, en base aos seguintes FEITOS

PRIMEIRO: á vista dos acontecementos producidos nos últimos días no relativo á apertura do xuízo oral a varias persoas que formaron e forman parte da corporación municipal de Barreiros, entre os que se atopan a totalidade dos membros da actual Xunta de Goberno de Barreiros;

SEGUNDO: á vista do anuncio realizado por estas persoas de que deixan a militancia no Partido Popular, lista que encabezaban nas pasadas eleccións de maio e pola que foron elixidos para formar goberno;

TERCEIRO: á vista da lexislación existente e a súa interpretación doutrinal e xurisprudencial segundo a cal no caso de abandono voluntario ou obrigatorio da militancia da formación pola que se foi elixido, @s concelleir@s en tal situación pasan a ser non adscritos;

CUARTO: á vista de que a nova situación modifica sustancialmente a composición da corporación local;

QUINTO: tendo en conta que todas estas cuestións poden afectar notablemente á gobernabilidade e ter importantes consecuencias para o futuro a curto e medio prazo do Concello de Barreiros;

SEXTO: As razóns expostas aconsellan a celebración dun pleno extraordinaro para coñecer e adoptar as medidas que correspondan, non debendo agotar os prazos establecidos na legislación vixente, debendo facerse coa maior urxencia posible.

Ao abeiro da correspondente normativa legal, contando coa representatividade esixida pola LBRL e o ROF, SOLICITAN A CONVOCATORIA DUN PLENO EXTRAORDINARIO para tratar a seguinte ORDE DO DÍA:

1.- COMPARECENCIA DO ALCALDE E DO RESTO DE MEMBROS DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL (AO ABEIRO DO ARTIGO 106 DO ROF (RD 2568/1986) PARA RESPONDER ÁS PREGUNTAS DOS GRUPOS MUNICIPAIS A RESPECTO DAS SEGUINTES CUESTIÓNS:

– situación organizativa do pleno: adscrición das concelleiras e concelleiros aos distintos grupos municipais e composición dos mesmos.

– situación da xunta de goberno local: composición por persoas non adscritas a ningún grupo.

– situación económica do concello: avance dos orzamentos municipais e gastos estimados de representación xurídica durante o ano 2016.

– estimación das consecuencias legais e económicas do proceso xudicial en marcha para o concello de Barreiros.

2.- DEBATE E APROBACIÓN DA MOCIÓN SOBRE A REPROBACIÓN DA ACTUAL XUNTA DE GOBERNO LOCAL E A FALLA DE LEXITIMIDADE PARA REPRESENTAR ÁS E AOS BARREIRENSES.

En Barreiros, a 30 de novembro de 2015. Ana Ermida Igrexas Antonio Veiga Outeiro Concelleira- Portavoz do BNG Concelleiro do BNG Montserrat Porteiro Sánchez Dámaso Ratoeira Basanta Concelleira do BNG Concelleiro do BNG