O BNG PEDIRÁ NO PLENO DE BARREIROS O COMPROMISO PARA CREAR UNHA FRAGA VISITABLE NO SANTO ESTEVO DO ERMO

BNGBarreiros, 22 de xaneiro de 2015. O BNG de Barreiros levará ao pleno do vindeiro luns unha petición de respaldo á iniciativa xurdida nos últimos días para recuperar montes próximos ao Santo Estevo e convertelos en referente turístico .

“Despois de coñecer a solicitude feita pola asociación Irmandade Augas Santas na pasada semana, consideramos oportuno que a totalidade da corporación municipal se pronuncie ao respecto e, desde logo, que se acade un compromiso do goberno municipal de iniciar as actuacións precisas para a posta en valor desta paraxe natural”, explica a portavoz municipal, Ana Ermida.

Desde o BNG recordan que en varias ocasións desde o ano 2000, se adoptaron acordos para a conservación e recuperación da zona a raíz de iniciativas do grupo municipal nacionalista, pero lamentan que as actuacións ao respecto por parte do goberno local foron practicamente inexistente.

Para o BNG “a posta en valor dos espazos naturais que ten o concello, como o Santo Estevo ou o río Masma, sempre foi unha prioridade e unha oportunidade para a diversificación turística e a promoción dunha oferta de ocio respectuosa co medio ambiente”, explica Ana Ermida. “Desde logo que o noso grupo apoia a iniciativa desta asociación para a creación dun espazo natural máis amplo e así o solicitamos en pleno hai poucos meses, cando pedimos que se iniciaran as xestións para a declaración do Santo Estevo como Espazo Natural de Interese Local.”

Desde o BNG aseguran que “é unha oportunidade que non podemos deixar pasar, aproveitar todos os recursos e, sobre todo, o interese social que esperta esta iniciativa; especialmente se a inversión que se debe realizar non é moita e os resultados poden ser de moito interese.”

Por esta razón, a formación nacionalista instará ao goberno municipal a que realice as investigacións oportunas para comprobar o estado dos montes e que inicie as xestións para convertelos nun espazo natural e turístico, así como que axilice a declaración da zona como Espazo Natural de Interese Local, tal e como foi aprobado,a iniciativa do BNG, hai poucos meses.

 

Un saúdo,

BNG Barreiros