O BNG DE BARREIROS REUNIRASE NAS DÚAS VINDEIRAS SEMANAS COAS VECIÑAS E VECIÑOS DAS PARROQUIAS DO INTERIOR PARA FALAR DE PROPOSTAS PARA O SEU LUGAR

BNGO BNG DE BARREIROS REUNIRASE NAS DÚAS VINDEIRAS SEMANAS COAS VECIÑAS E VECIÑOS DAS PARROQUIAS DO INTERIOR PARA FALAR DE PROPOSTAS PARA O SEU LUGAR

O luns 2, ás 21 horas, convocan á veciñanza de Cabarcos para manter un encontro no centro social.

Barreiros, 31 de xaneiro de 2015. O BNG comezará o vindeiro luns con unha rolda de reunións nas parroquias do interior do concello para coñecer as necesidades das veciñas e veciños e recoller as propostas que poidan incluír no programa electoral para as eleccións municipais de maio.

A formación nacionalista considera que é urxente atender as necesidades das persoas que viven nestas parroquias, que son sempre esquecidas polo goberno municipal do PP e que só se igualan ao resto do concello para as obrigas, sen que teñan os mesmos dereitos.  A portavoz municipal do BNG, Ana Ermida, sinala que “as parroquias que non son costeiras teñen moitísimas máis carencias ca estas. En servizos, como o saneamento ou a recollida de lixo, pero tamén en atencións, como o mantemento das estradas e camiños ou dos seus locais sociais”, explica.

“Desde o BNG cremos que quen mellor sabe das necesidade das parroquias é quen vive nelas cada día e se atopa con problemas e dificultades que non son atendidas”, asegura Ana Ermida. “Por iso nos queremos achegarnos a todas as parroquias, falar directamente coa xente e escoitar as súas preocupacións e demandas, e tamén trasladarlles as nosas alternativas, para que entre todas e todos poidamos determinar mellor que precisa Barreiros.”

Tras a negativa do Partido Popular a acordar iniciar con urxencia os trámites para dotar de saneamento as parroquias do interior do concello, as veciñas e veciños amosaron o seu malestar, ao considerar que “o concello discrimina ás persoas en función de onde vivan.”

Fronte a ese modo de actuar, o BNG aposta por escoitar as súas inquedanzas e incluír as súas demandas entre as propostas de futuro que precisa Barreiros.  A primeira cita terá lugar o vindeiro luns, 2 de febreiro, ás 21 horas no centro social de Cabarcos. Achegaranse a Vilamartín grande o mércores 4 de febreiro e, na seguinte semana, xuntaranse en San Xusto e Vilamar.

Desde o BNG fan un chamamento a que “a xente participe, trasladando os seus problemas, necesidade e tamén ideas para mellorar a calidade de vida destas veciñas e veciños que non poden ser tratados de diferente xeito por vivir nunha zona ou outra do concello, como está a pasar actualmente co goberno do Partido Popular”.