O BNG DE BARREIROS IMPUGNA A CONVOCATORIA DUN PLENO MUNICIPAL NO QUE O ALCALDE IMPIDE QUE SE SOLICITE O ARRANXO OU DIÑEIRO Á DEPUTACIÓN PARA O  VIAL CEDIDO AO CONCELLO

O BNG DE BARREIROS IMPUGNA A CONVOCATORIA DUN PLENO MUNICIPAL NO QUE O ALCALDE IMPIDE QUE SE SOLICITE O ARRANXO OU DIÑEIRO Á DEPUTACIÓN PARA O  VIAL CEDIDO AO CONCELLO

O Alcalde incumpre a lei e négase a tratar a solicitude de pleno extraordinario pedido polo BNG para solicitar o arranxo do vial ou diñeiro á Deputación, incluíndoa irregularmente nun pleno que non responde ao solicitado.

O BNG pide a suspensión da sesión alegando nulidade de pleno dereito da mesma, por terse realizado prescindindo do procedemento establecido.

A convocatoria do pleno foi asinada desde Tenerife, non tendo delegado as súas funcións a pesar de pasar máis de media semana fóra de Barreiros.

Barreiros, 9 de xullo de 2018. O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar un recurso de reposición contra a convocatoria do pleno a celebrar no día de hoxe por entender que a mesma é nula de pleno dereito por facerse infrinxindo a lei.

Segundo explica a portavoz municipal do BNG, Ana Ermida, “o alcalde convocou un pleno no que pretende tratar a solicitude que o noso grupo fixo a semana pasada, pero faino incumprindo lei e intentando baleiralo de contido. Pretende que se debata sobre as condicións da cesión dun vial por parte da Deputación ao Concello unha vez que xa se teña aceptado esa cesión.”

“Non sabemos se cre que somos parvas ou o parvo é el. Ou se ten algún interese inconfesable en que ese vial se entregue ao Concello sen arranxar e que teñan que ser as veciñas e veciños de Barreiros os que sufran as consecuencias dunha decisión carente de lóxica e de sentido común”, afirman desde o BNG.

“Xa sabemos que para o goberno municipal de Barreiros saltarse a Lei non é algo que lles cause preocupación, pero deberían ter coidado porque o cántaro que vai moito á fonte acaba rompendo”, aseguran.

O Alcalde convocou o pleno desde Tenerife.

Ademais de incumprir o procedemento ao non respectar a petición do BNG, é chamativo que a convocatoria do pleno foi asinada o 5 de xullo, o mesmo día que o Alcalde comunicaba á prensa que se atopaba en Tenerife. “O Regulamento  de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais establece claramente que cando o Alcalde se ausente do término municipal por máis de vintecatro horas, sen ter conferido delegación, (…) substituirao na totalidade das súas funcións, o Tenente de Alcalde a quen lle corresponda, dando conta ao resto da Corporación.”, explica Ana Ermida. “Neste caso, vese que o Alcalde ten un problema grave de confianza no seu primeiro Tenente de Alcalde e no seu equipo de goberno, porque preferiu “gobernar” desde Tenerife que delegar as súas funcións durante o tempo que estivo fóra.”

“É un novo insulto cara a veciñanza de Barreiros que ve como o Alcalde é tan prescindible que mesmo é capaz de “gobernar” a máis de 2.000km do Concello en plena semana de inicio da tempada de verán, cando a poboación de multiplica e se producen situacións que teñen que ser atendidas por alguén con responsabilidade de goberno. Isto vén a demostrar que cando está en Barreiros tampouco ten a cabeza pensando no Concello, pois se é capaz de facer o mesmo desde Tenerife ca estando aquí, é que pouco fai cando está no Concello”, conclúen.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *