HOXE DERON COMEZO OS TRABALLOS DE ARRANXO DA ESTRADA QUE UNE A N-634 COA PRAIA BAIRRENSE DAS PASADAS

HOXE DERON COMEZO OS TRABALLOS DE ARRANXO DA ESTRADA QUE UNE A N-634 COA PRAIA BAIRRENSE DAS PASADAS. A DEPUTACIÓN INVISTE NESTES TRABALLOS 140.000 EUROS.

Barreiros, 3 de agosto de 2015. Comezaron os traballos de arranxo da estrada que une a N-634 coa praia barreirense das Pasadas. É un vieiro de titularidade provincial no que a Deputación de Lugo inviste 140.000 euros, segundo explicou esta mañá o alcalde, Alfonso Fuente.

O rexedor dixo que “hoxe en Barreiros iniciáronse os traballos de aglomerado da estrada que vai dende a Nacional 634 ata a praia das Pasadas. É unha obra que se está a realizar neste momento aínda que a verdade é que as datas, a principios de agosto, cando hai moito tráfico, non son as máis adecuadas, pero eu creo que benvido sexa o aglomerado desa estrada que está a realizar a Deputación Provincial nunha vía que é da súa competencia”.

Fuente Parga insiste na necesidade de acometer eses traballos: “a verdade é que o necesitaba, igual que o precisan outras estradas da Deputación, para as que iremos demandando a súa mellora. Pero nesta iniciáronse hoxe os traballos e vai quedar nun perfecto estado, porque leva unha capa de aglomerado de 5 centímetros”.

O alcalde de Barreiros pide desculpas “porque esta semana vai haber cortes de tráfico nesa estrada e haberá que utilizar algunha vía alternativa, pero nuns días vaise poder circular perfectamente por esa estrada”.