«Cando elixes o traballo de socorrista sabes que podes ter que arriscar a vida»

«Cando elixes o traballo de socorrista sabes que podes ter que arriscar a vida»

«Afortunadamente temos avanzado moito, pero aínda hai quen segue sen respectar as normas»

La imagen puede contener: 1 persona, sentado y exterior
PEPA LOSADA
ANDREA ARRUÑADA J.A. 
BARREIROS / LA VOZ 

Borja Rocha Vázquez repite por segundo ano como coordinador do servizo de vixilancia de praias de Barreiros. Leva sete anos de socorrista.

-Barreiros é dos poucos concellos que conseguiron cubrir todas as prazas de socorristas.

-Si, 19 subvencionados pola Xunta, dous polo Concello e dous ATS. Dez repiten do ano pasado e o resto son novos. Fomos falando entre nós, tirando de amigos, de xente que viña preguntar e ao final amañamos. Penso que o bo ambiente no equipo é fundamental e aquí buscámolo.

-Que é o peor dun traballo así?

-O principal é que a túa vida corre un risco, aínda que é algo que asumes cando optas por este traballo. O outro ten que ver cos usuarios da praia, cando non te respectan a ti nin as túas indicacións. Algúns pensan que estas aí para amolar. É un traballo no que hai que mediar moito e falar, porque non tes a autoridade dun policía ou dun garda civil.

-Entón, son os bañistas pouco respectuosos co voso traballo?

-Afortunadamente, nos últimos anos temos avanzado moito, pero seguen sen respectarse as normas. Parece como se na praia mudasen todos os códigos que usamos na vida cotiá. Eu creo que inflúe que ao ser un espazo natural parece como si tiveras barra libre para facer casqueira cousa.

-Non respectar a bandeira roxa, é o máis habitual?

-Nos intentamos poñela o menos posible. Entendemos que a xente que ven á praia no verán o que quere é bañarse. Cando o mar está perigoso, se as condicións o permiten, habilitamos pequenas zonas de baño que sexan fáciles de controlar.

-Cales son as outras indicacións que menos se respectan?

-O uso da papeleiras. Parece como se para algúns fose unha obriga tirar o papel do xeado na area. E o mesmo cos cigarros.

-E iso? Falta de educación?

-Antes podías falar de ignorancia, pero agora non. A xente sabe que a auga do mar estase contaminando día a día. Penso que é por pereza. Sen embargo, moita xente pregunta por que non quitamos as algas da area, e témoslles que explicar que non pode ser, que forman parte dun proceso natural e que son necesarias para o medio mariño.

-A pregunta máis habitual dos bañistas?

-Pola baixamar e a preamar. Tamén cales son as mellores zonas para bañarse.

-Cales son as intervencións máis habituais?

-Por picaduras de fanecas bravas. Pero tamén sempre se dan casos de algún rescate, de xente a quen leva a corrente e lle custa saír, ou de nenos pequenos que se poñen nerviosos no mar.

-Cal foi a situación mais complexa que ten vivido como socorrista?

-O ano pasado tivemos un rescate na praia de Lóngara que acabou co falecemento dun home. Chamáronnos cara as oito menos cuarto da tarde, cando o servizo de vixilancia e salvamento xa estaba rematado, pero volvemos o máis rápido que puidemos. Arriscamos a vida para intentar salvalo, porque o estado do mar era bastante malo, e despois intentou ser reanimado durante cerca de dúas horas, pero non se puido, e morreu.

-Que recomendación lle da a un bañista?

-Sobre todo, que sexan prudentes e que respecten as sinais e indicacións. Tamén que confíen máis en nós e no noso traballo. A nosa única intención e garantir a súa seguridade e todo o que facemos vai nesa liña, non para amolar a alguén prohibindo, por exemplo, o baño.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *