ANA ERMIDA DI QUE “O ÚNICO QUE FIXO ALFONSO FUENTE EN 10 ANOS COMO ALCALDE DE BARREIROS FOI ENDEBEDAR O CONCELLO”

ANA ERMIDA DI QUE “O ÚNICO QUE FIXO ALFONSO FUENTE EN 10 ANOS COMO ALCALDE DE BARREIROS FOI ENDEBEDAR O CONCELLO”

A cabeza de lista do Bloque di que o actual alcalde “non inviste, despilfarra os cartos de todas e todos” e explica que o Concello de Barreiros debe 5,5 millóns de euros aos bancos e esa débeda terán que pagala os veciños e veciñas durante 20 anos

O BNG de Barreiros celebrou en Celeiro de Mariñaos o Día das Letras Galegas nun xantar-mitin que reuniu a un cento de persoas

Barreiros, 18 de maio de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego de Barreiros celebrou onte en Celeiro de Mariñaos o Día das Letras Galegas cun xantar-mitin que reuniu a un cento de persoas e onde a candidata do BNG á alcaldía de Barreiros, Ana Ermida, afirmou que o candidato do PP, Alfonso Fuente, “o único que fixo en 10 anos que leva de alcalde foi endebedar o Concello”.

A cabeza de lista do Bloque explicou que “o Concello de Barreiros ten unha débeda cos bancos de 5,5 millóns de euros pola nefasta xestión de Alfonso Fuente que teremos que pagar todos os veciños e veciñas de Barreiros cos nosos impostos durante 20 anos”. Ana Ermida dixo que o actual alcalde, Fuente Parga, “non inviste, despilfarra os cartos de todas e todos”. “En que se gastaron os millóns de euros que ingresou o Concello estes anos por licenzas? Onde están eses cartos?”, preguntou a candidata do Bloque.

Ana Ermida acusou a Fuente Parga de “pasar máis tempo na súa xestoría que no Concello” e de “estar máis preocupado por vender apartamentos no seu negocio privado que en atender as necesidades dos veciños e veciñas de Barreiros”.

“Moita xente que votou ao PP en 2011 avergóñase deste alcalde

A candidata do Bloque pediu ás veciñas e veciños de Barreiros “que non teñan medo a cambiar de voto e confíen no BNG”. “Moitas persoas que votaron ao PP no 2011 avergóñanse de ter como alcalde a Alfonso Fuente”, afirmou, “e por iso non quere sair nos carteis”. Ana Ermida pediulle “a todas esas persoas” que voten ao BNG. “Pedimos que nos dean unha oportunidade e se non o facemos ben dentro de catro anos poden volver ao que había, pero estamos convencidos de que non os imos defraudar, porque o Bloque aí onde goberna non defrauda”, afirmou.xantar-mitin Celeiro1