A MODIFICACIÓN DA ORDENANZA DE PRAIAS EN BARREIROS FAISE PARA TAPAR UNHA ILEGALIDADE

A MODIFICACIÓN DA ORDENANZA DE PRAIAS EN BARREIROS FAISE PARA TAPAR UNHA ILEGALIDADE.

O Alcalde leva dous veráns autorizando actividades e actuacións nas praias que están prohibidas pola normativa en vigor.

O BNG foi a única forza que alegou no 2013 á ordenanza inicial para habilitar praias para mascotas e permitir a realización de actividades deportivas.

Barreiros, 2 de agosto de 2017. O BNG en Barreiros votou, no pleno do luns, en contra da modificación da ordenanza das praias porque non queren “ser cómplices dunha manobra para tratar de tapar unha ilegalidade”, asegurou a portavoz municipal Ana Ermida.

“No pleno, o propio Alcalde aseguraba que a modificación se facía para dar cobertura a, por exemplo, unha resolución da Alcaldía do 19 de xullo que prohibe realizar kitesurf na praia de Altar en horario de socorrismo”, explica Ana Ermida. Para o BNG esta manifestación é “extremadamente grave, xa que está recoñecendo que ditou unha resolución autorizando actividades, tanto este verán como o verán pasado, sabendo que estaban prohibidas pola normativa en vigor. Polo tanto, ditou resolucións inxustas, para favorecer a unha determinada persoa ou empresa, a sabendas de que contradicían a normativa en vigor. Iso, en termos xurídicos ten un nome”, afirman. “Para amparar unha resolución do 19 de xullo a normativa tiña que ser modificada antes. Iso sábeo calquera persoa, non fai falta ser xurista. Pero é que as modificacións da ordenanza que se aprobaron onte teñen que expoñerse ao público para poder presentar alegacións durante 30 días e, se hai alegacións, aínda ten que haber outro pleno para aprobala definitivamente. Polo tanto, a ordenanza non vai estar modificada definitivamente ata ben entrado o mes de setembro e calquera resolución que se dicte mentres está en vigor a ordenanza contradicíndoa é nula de pleno dereito.”

“Esta actitude é unha irresponsabilidade e unha chulería do equipo de goberno que só demostra ou a súa ignorancia ou a súa prepotencia e a falla de respecto cara as normas”, afirma Ana Ermida. “Como pretenden facerlle a alguén cumprir as normas cando eles as incumpren reiteradamente, incluso as normas que eles mesmos impoñen coa súa maioría absoluta?”, pregunta retoricamente a portavoz nacionalista en Barreiros.

Pero, ademais, desde o BNG aseguran que “o que se pretende tapar é unha autorización non só dunha actividade deportiva, senón tamén dunha actividade económica, xa que na praia de Altar hai un cartel ben grande que anuncia clases a partir de cinco euros. E para as actividade económicas e perigosas ten que existir unha autorización preceptiva de Costas que, neste caso, tamén se está ignorando”, afirman desde o BNG.

Alfonso Fuente, apoiado polas concelleiras e concelleiros do Partido Popular en Barreiros, “está actuando como se o Concello fora o seu cortixo particular. Esquece que a época na que os Alcaldes eran a autoridade que ordenaba e mandaba xa pasou e que agora teñen que ser meros servidores públicos”, manifesta Ana Ermida.

“O feito de que introduciran unha modificación para poder autorizar praias para mascotas despois de ter colocado un cartel no que anuncian unha praia habilitada; ademais de estar no mesmo suposto que o caso anterior, con menos gravidade xa que, a priori, non se está tratando de beneficiar a ninguén; só é unha especie de desculpa para que pareza que cambian algo máis”, afirman. “Queren disimular, incluíndo o tema das mascotas, o que realmente fan: beneficiar a particulares con unha decisión que xa veñen adoptando desde o ano pasado e que agora pretenden corrixir e darlle cobertura legal. Pero disimulan tan mal que nin sequera modifican a definición de mascota ou recollen a obriga das persoas que circulen con animais de recoller as deposicións. Que nos digan se o que fan é unha regulación ou unha mera cortina de fume”, insisten.

Unha ordenanza nefasta que non serve para Barreiros.

Ana Ermida lembra que a ordenanza que hai en vigor é “totalmente nefasta” para este concello, porque hai catro anos, cando o PP a aprobou “foron tan prepotentes que non asumiron que a copiaran literalmente doutra do Levante español e negáronse a aceptar ningunha das numerosas alegacións que presentou o BNG”

Desde o BNG aclaran que foron “os únicos que xa naquel momento presentaron numerosas alegacións para adecuala á realidade do concello e permitir e fomentar outros usos dos areais, permitindo prácticas deportivas ou presenza de mascotas. Pero é que ademais en novembro do 2016 presentamos unha moción para pedir que se empezara a traballar na organización das praias e se elaborara un plan de xestión das mesmas e o PP negouse.”

“E as cousas hai que facelas ben”, asegura Ana Ermida. “Se hai unha ordenanza (que vén sendo unha especie de lei municipal) que non gusta, pode modificarse, pero seguindo o cauce legal.”

“O noso concello ten a sorte de contar con suficientes quilómetros de praias para poder convivir pacificamente diversos usos das mesmas. Pero para iso hai que traballar, organizar e coordinar. Para nós é fundamental que se elabore un plan de praias que sexa onde se ordenen e regulen os usos dos areais, pero iso supón traballo e organización e nin o Alcalde nin as súas compañeiras e compañeiros do goberno están con ganas de traballar por este concello”, aseguran. “O único que queren é figurar, aparentar, facer propaganda a conta de actuacións que nin sequera están amparadas na legalidade. Se realmente quixeran que en Barreiros puideran usarse as praias para usos distintos dos habituais terían que ter modificado a ordenanza primeiro e despois adoptar acordo do órgano competente de acordo coa normativa.”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *