A INCOMPETENCIA DO GOBERNO DE BARREIROS REFLÍCTESE NA PENOSA IMAXE QUE SE PODE VER EN TODO O CONCELLO

A INCOMPETENCIA DO GOBERNO DE BARREIROS REFLÍCTESE NA PENOSA IMAXE QUE SE PODE VER EN TODO O CONCELLO.

Baños das praias destrozados, zonas de descanso e ocio sen desbrozar, paseos marítimos a medio arranxar, lixo acumulado á beira dos contenedores ou vertedoiros incontrolados son só algunha das imaxes que pode ver as persoas que visitan Barreiros.

“É urxente que o goberno municipal se poña a traballar e deixen de perder o tempo e os cartos das veciñas e veciños en pagar favores”, sinalan desde o BNG.

Barreiros, 25 de xuño de 2018. O Bloque Nacionalista Galego de Barreiros esíxelle ao goberno municipal “que se poña a traballar.” “Son seis persoas que foron elixidas polas veciñas e veciños para gobernar e solucionar os problemas do concello. Pola contra, o único que están facendo é pagar favores a determinadas empresas que enchen os petos a costa dos cartos de todas e todos os barreirenses”, manifesta a portavoz municipal, Ana Ermida.

Segundo a formación nacionalista, “a estas alturas a zona turística está absolutamente abandonada”. “Os paseos marítimos parece que están sendo sachados, en lugar de desbrozados. O lixo acumúlase a carón dos contenedores. As zonas de ocio como áreas recreativas ou parques infantís da zona da praia teñen rozados os accesos, pero están absolutamente inmersos na herba que os tapa. Hai baños de praias destrozados desde hai máis de dous meses… e un longo etcétera que o único que fai é confirmar o que vimos dicindo nos últimos anos: en Barreiros hai un goberno municipal que a única preocupación que ten é solucionar os seus propios problemas e utilizar os cartos públicos para repartir ao seu antollo”, sinalan.

Para o BNG o máis grave é a actitude do goberno municipal e, nomeadamente, do Alcalde e responsable de turismo que nega o evidente e atrévese a afirmar que Barreiros está listo para recibir visitantes. “Se isto é o que van ver as persoas que nos visitan non nos extraña que teñan unha oficina de turismo parcialmente atendida en horario de oficina e que non se realice ningún tipo de actividade de promoción turística que poida beneficiar ao noso concello”, afirma Ana Ermida.

A zona interior, a gran esquecida.

Segundo a portavoz municipal, a situación da zona interior é aínda peor ca a da costa. “No último pleno reiteramos a existencia dun vertedoiro incontrolado na parroquia da Rilleira, cara a Gondán, pedindo que se limpara con urxencia. E máis tendo en conta que é nunha parcela municipal”, sinalan desde o BNG. “A realidade é que semanas despois daquel pleno segue sen facerse ningún traballo ao respecto, demostrando a falta de interese pola imaxe que se traslada e polo medio ambiente. Ademais de amosar unha responsabilidade absoluta, deixando acumular lixo de todo tipo que é un auténtico polvorín en época de lumes.”

Desde o BNG lamentan “a imaxe que se dá a visitantes e a que soportan día a día as veciñas e veciños e esíxenlle ao goberno municipal que se poña a traballar e deixen de utilizar o Concello como moeda de cambio para pagar favores.”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.