A DESIDIA, AS PRÉSAS E A INCOMPETENCIA DO PP DE BARREIROS PROVOCAN ACCIDENTES QUE PODEN TER GRAVES CONSECUENCIAS

bng“A DESIDIA, AS PRÉSAS E A INCOMPETENCIA DO PP DE BARREIROS PROVOCAN ACCIDENTES QUE PODEN TER GRAVES CONSECUENCIAS”, AFIRMA ANA ERMIDA.

Un depósito de auga que levaba máis de dous meses  sen colocar, e sobre o que os veciños xa tiñan advertido da perigosidade, provocou importantes danos no Teleclub de O Val do Caínzo.

“O Teleclub presenta importantes danos e incluso perigo para as persoas e a zona nin sequera esta valada ou sinalizada. É urxente que se proceda á sinalización e valado da mesma”, asegura Ana Ermida.

“É a consecuencia da política que fai o PP en Barreiros: improvisación, présas a poucas semanas das eleccións e que pareza que fan sen facer nada, teñen estes resultados”, afirman desde o BNG.FOTO 2

Barreiros, 1 de maio de 2015.- O BNG de Barreiros visitou hoxe ás veciñas e veciños do Val do Caínzo para avaliar a situación na que quedou o Teleclub tras o impacto que sufriu por un depósito municipal de auga que agardaba desde hai máis de dous meses para ser colocado.

“Segundo nos explicaron, hai máis de dous meses que se presentou un depósito de auga neste lugar, en teoría para colocalo como depósito contra incendios. Esta medida, foi solicitada publicamente polo BNG tras as reunións que estivemos mantendo nas diferentes parroquias e nas que se nos trasladou esa necesidade”, explica a portavoz municipal e candidata á alcaldía de Barreiros polo BNG, Ana Ermida. “Desde aquel momento, os veciños e veciñas do lugar advertiron á concelleira da parroquia, e tamén no propio concello, do perigo que supoñía deixar un depósito desas características no alto sen ningún tipo de protección, xa que  único que lle puxeron foron uns troncos horizontais aos lados que, loxicamente, non foron freo no momento en que comezou a rodar.”

“Pero, coma sempre, as actuacións municipais realízanse sen ningún tipo de planificación e carecendo do mínimo rigor. Así, por facerse ver e nun intento de enganar ás veciñas e veciños, levan un depósito para un lugar e deíxano alí sen ningún tipo de medida de seguridade. E máis de dous meses despois, o depósito segue sen estar colocado e provoca importantísimos danos non só no propio depósito, se non nun lugar de uso público como o teleclub da parroquia e en postes de teléfono e da luz”, continúa.

“É a mostra da incapacidade para xestionar, das actuacións feitas sen planificación nin un mínimo de coñecemento das necesidades. O que fixeron neste caso é o que fan habitualmente cada catro anos: poñen maquinaria a traballar uns días, levan material ou moven persoal para aparentar actividade, pero sen facer realmente nada. Dous meses para empezar a colocar un depósito é unha falla de respecto a quen paga os impostos para recibir servizos, ademais de demostrar o tipo de goberno municipal que hai en Barreiros”, afirman.

“Desde o BNG alegrámonos de que non houbese ningún tipo de dano persoal”, afirma Ana Ermida, “pero iso non pode servir para desviar a atención sobre os danos que se produciron e a perigosidade da situación, que pode ter consecuencias aínda sen valorar, incluso a construcción dun novo centro social.”

Ademais, desde o BNG pídenlle ao concello de Barreiros que proceda “inmediatamente a sinalizar e valar o lugar, tendo en conta a situación na que quedou o teleclub, que presenta un risco inminente para calquera persoa que se achegue.”