A DESESPERACIÓN DO GOBERNO DE BARREIROS PARA APARENTAR QUE FAN ALGO LÉVAOS A FACER O RIDÍCULO

A DESESPERACIÓN DO GOBERNO DE BARREIROS PARA APARENTAR QUE FAN ALGO LÉVAOS A FACER O RIDÍCULO

A decisión de cambiar as prazas de aparcamento de taxis por unha razón de seguridade das persoas usuarias e poñer no seu lugar unha praza para persoas con mobilidade reducida é absurdo e irresponsable.

Barreiros, 8 de xullo de 2017. O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros cualificou a decisión do goberno municipal de cambiar a parada de taxi para a praza do concello, baixo o argumento de seguridade para as persoas usuarias, e poñer no lugar desta, á beira da estrada xeral, unha praza de estacionamento para persoas con mobilidade reducida como “unha ocorrencia. Un intento desesperado de aparentar que fan algo e tratar de realizar unha operación de estética”, manifestou a portavoz municipal, Ana Ermida.

Desde o BNG argumentan que “se a praza de taxi non era segura pola dificultade de acceder desde a beira da estrada, gustaríanos que nos explique o señor Alcalde como van acceder en condicións de seguridade persoas con mobilidade reducida.” A portavoz municipal sinala que “este tipo de cuestións só demostran, ademais da incapacidade do Alcalde e o seu equipo para xestionar o concello, unha absoluta falta de empatía, sensibilidade e un descoñecemento absoluto da realidade das persoas con mobilidade reducida.” “Entendemos que non teñen que saber de todo, pero que se asesoren, que se informen, que se preocupen e que non actúen sen pensar en cuestión de tanta importancia coma esta. As Administracións teñen que ser as primeiras en apostar porque calquera persoa poida desenvolver a súa vida en consicións de igualdade e non vale actuar instintivamente para que pareza que se fai algo despois da asemblea veciñal convocada polo BNG que, casualidade, celebrouse o día antes do pintado das novas prazas de taxi.”

Esta decisión vén sumarse ademais á pouca preocupación amosada polo goberno municipal a respecto da accesibilidade no concello, xa que hai meses que o BNG pediu no pleno que se fixera un proxecto para facer accesibles as beirarrúas da estrada xeral, de xeito que calquera persoa puidera percorrer o noso concello en condicións óptimas; petición que foi ignorada polo goberno municipal.

O lugar elixido, lonxe de ser o idóneo.

Pero, ademais, desde o BNG sinalan que pintar estacionamentos na praza do Concello é un “absoluto disparate.”

“Cando todas as Administracións están apostando por modelos urbanísticos que saquen os coches das principais rúas e prazas, por vilas humanizadas, pensadas para a xente que, coma Pontevedra, Allariz ou Ribadeo contan con centros urbanos peonís nos que facer vida social e son premiados internacionalmente por iso; o Concello de Barreiros camiña xusto no sentido contrario e mete coches en plena praza principal do Concello. É tan absurdo que alguén que non coñeza como funciona este Concello, non o crería”, manifesta Ana Ermida.

“Pero aínda é máis grave se lembramos que hai 12 anos, sendo xa Alcalde Alfonso Fuente, se gastaron preto de medio millón de euros en modificar as prazas do Souto, o Canteiro e a propia praza do Concello coa intención, segundo afirmaba o Alcalde, de darlles un valor engadido. Poucos anos despois, gastaron 200.000€ na marquesina que puxeron na fronte da praza. E con todos eses cartos, o único que fixeron na praza do Concello foi que perdera o seu encanto, a súa historia e o valor social que tiña”, lembran desde a formación nacionalista.

“E agora, despois de gastar todos eses cartos, pretende utilizar á praza, na que nunca houbo coches, como aparcamento. É absolutamente absurdo”, enfatiza Ana Ermida.

Desde o BNG lamentan que este tipo de cuestións non se traten de consensuar na corporación para entre todas e todos buscar a situación máis idónea, que a hai, e construír conxuntamente o Barreiros do futuro. “Está claro que neste momento a Alfonso Fuente e ao seu goberno non lles importa Barreiros. Só queren a foto e o titular para que a xente pense que están traballando”, conclúen.

Para máis información, chamar á Portavoz Municipal do BNG, Ana Ermida ao 667.87.14.59

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *