A CANTANTE NASTASIA ZÜRCHER ACTUARÁ NO EIDO DOURADO, EN BARREIROS, ESTE DOMINGO, 12 DE AGOSTO

A CANTANTE NASTASIA ZÜRCHER ACTUARÁ NO EIDO DOURADO, EN BARREIROS, ESTE DOMINGO, 12 DE AGOSTO.

Barreiros, 10 de agosto de 2018. O Eido Dourado acollerá este domingo, 12 de agosto, un novo concerto do ciclo musical Sons no solpor, que correrá a cargo da cantante galego-suiza Nastasia Zürcher. Será a partires das 22:00 horas nos xardíns do Eido Dourado, a carón da praia da Pasada, en Barreiros.

O artista barreirense Celso Dourado anunciou: “contaremos coa presenza de Nastasia Zürcher, é unha vella coñecida, xa actuou hai dous ou tres anos, cando iniciaba a súa carreira aquí. Ela viña de Suiza, xa tiña suficientes táboas e por circunstancias trasladouse a vivir a Galicia”.

Celso Dourado explicou que “é unha cantante nada en Xenebra no ano 1988. É unha compositora galego-suiza e está galardoada cun sinfín xa de premios pese á súa xuventude, como poden ser no Galician Music e nos Martin Códax, como cantante revelación no ano 2016. Actuou nun sinfín de sitios, tanto en España como en Europa, foi tremendamente ben acollido o seu estilo e as súas cancións en Holanda o ano pasado”.

Dourado engadiu que “agora volve a Galicia e inicia outra xira, que a está levando por sitios singulares este verán. Neste caso vai recalar no Eido Dourado este domingo a partires das dez e media. Será en acústico, co seu músico e compositor Adrián Saavedra”.

O artista barreirense convida “a todos aos que lles gusta a música negra, o soul, o blues, pois aquí teñen esta cantante que pode responder aos seus gustos. O domingo pasado a noite era espectacular, esa é unha baza tremendamente importante na programación do Eido Dourado, e iso supuxo que superaramos as 200 persoas, polo que estábamos practicamente ao límite”.

Celso Dourado dixo que “este vai ser o penúltimo concerto do ciclo musical Sons no solpor do Eido Dourado e, se a noite nos axuda unha vez máis, será un concerto digno de ver e apreciar. A entrada vai ser libre e gratuíta ata completar aforo. Gustaríame que os amantes da música poidan gozar desta cantante e intérprete porque merece a pena”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *