«Bailarei mentres o corpo aguante»
Sinala que conserva dende hai 37 anos os mesmos traxes galegos de gala e faena
BARREIROS / LA VOZ
A pasada fin de semana o folclore galego e doutros recunchos do planeta foi protagonista na Mariña, non so coa Mostra de Viveiro. Tamén contribuíu, nesa tarefa de conservar e espallar as tradicións máis fondas e populares, o Festival do Emigrante, outro clásico que ofrece cada verán a Agrupación Folclórica O Arco da Vella de San Miguel de Reinante (Barreiros). Polo de agora, so coñeceu un presidente, Enrique Penabad, na formación dende que nacía esta alá polo ano 1980.
-Así que anda por Andalucía. Como está por aí a temperatura?
-40 graos cando vimos, e non era o día máis caluroso… ¡40!
-Terá morriña, seguro, deste fresco verán mariñano…
-Non, eu necesito unha semana enteira de sol. En San Miguel xa nos barruzou ao empezar o festival e presentar Orriols, logo parou e quedou unha noite espléndida.
-Vendo actuar a grupos folclóricos con ola de calor parece que sube máis a temperatura. Os traxes non son nada lixeiros. Deben suar a gota gorda…
-Si, sobre todo as mulleres, pois o traxe delas ten moitas pezas. Os homes levamos calzón (as cirolas) que é de fío e fresco e por enriba o pantalón. O meu é de lá pura que me fixo unha señora de Figueiras. Pica un pouquiño. Ela fixo todo o proceso de cortarlle o pelo ás ovellas, cardar e fiar. As mulleres levan medias, pololos, enaguas (nalgún baile dúas) e se a falda é de paño… Dios mío! Hai grupos que veñen como os cosacos rusos con traxes que pican que aquilo mete medo e son traxes gordos. Os de Sibeira teñen un verán moi caluroso e veñen coa roupa de verán.
-Falando de grupos, dos internacionais, o libro de anécdotas do Emigrante será grande.
-Lembro sobre todo as do primeiro grupo de Siberia que tivemos. Era de Minsk. Creo que hai 22 anos e chovía. Barruzaba bastante e non quixeron baixar do autobús. Estaban empeñados en que eu fora alí. Era para que eu vira que os zapatos que traían eran de cartón polo fondo e non bailaron. Pero ao día seguinte viñeron facer unha actuación so para nosoutros. Aínda hai unha segunda parte anecdótica (…) Cando acabaron montáronlles un comedor. De primeiro tiñan ensaladilla e de segundo carne asada con patacas fritas. Alguén preguntou se querían máis que levantaran o prato. Levantárono todos. Xa non quedaba carne asada, pero é que querían… máis patacas fritas! So comeron patacas fritas e Coca Cola.
-É un luxo contar con grupos que veñen de tan lonxe aquí.
-Estes circuitos son dunha calidade extraordinaria. E de entrada gratis. O Emigrante faise co esforzo da xente do Arco da Vella.
-Leva toda a vida no grupo.
-Teño dúas fillas pero en realidade teño tres, as miñas e O Arco da Vella. Empezou contigo, quixeches velo medrar, mellorar, superarse… pouco a pouco te vas especializando. Amañaron a primeira roupa entre miña nai e miña tía. Nos integrantes do primeiro grupo, os 18 cos que naceu O Arco da Vella, ía a miña familia enteira. Síntelo dunha maneira distinta. Eu son autodidacta dende o principio e fun aprendendo de todos. En San Miguel non había tradición nin de quen aprender.
-E seguirá bailando tamén…
-Mentres o corpo aguante.
-Conserva o primeiro traxe?
-Nunca tiven que cambiar de traxe, dende hai 37 anos.